0 Gardados para despois

Novo ano, novo (e máis caro) copago

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Ano novo, mesmos problemas. Ou peores. Coa chegada de 2014 chega tamén a consumación de novos recortes e perdas de dereitos. Será durante este mes de xaneiro cando a Xunta comece a aplicar o copago de fármacos que os doentes crónicos recollen nos hospitais, unha medida aprobada o pasado setembro polo Goberno central, que entrou en vigor en outubro, pero para a que se deu un prazo de tres meses ás autonomías para aplicalo.

A Xunta deberá comezar a aplicar un copago que suporá que enfermos crónicos paguen polas súas menciñas de dispensación hospitalaria

Será agora cando os enfermos terán que asumir un repagamento que afecta a 157 presentacións farmacolóxicas duns 45 medicamentos para tratar doenzas complexas e graves que só se dispensan nas farmacias hospitalarias, aínda que os pacientes non estean ingresados. Menciñas para tratar tumores de mama, ril ou cerebrais, para facerlle fronte á leucemia ou para artrite reumatoide e a hepatite. A achega dos usuarios a estes medicamentos que estaban exentos de copago será dun 10% do seu importe, cun máximo de 4,26 euros mensuais (fronte aos 4,20 previstos), logo da suba do 1,5% imposta por Sanidade e que multiplica por seis o incremento das pensións, malia a lei de desindexación que aínda está en trámite.

Será un novo golpe para enfermos crónicos que en moitos casos, sendo pensionistas, xa aturan tamén o copago e a suba desta achega noutros medicamentos. Unha norma que a Xunta de Galicia apurou a acatar e a asumir malia recoñecer que o seu impacto no aforro era case nulo. Mentres, Castela e León, Andalucía, Euskadi e Canarias optaron polo recurso e por negarse a aplicala, ao igual que outros territorios como Cataluña, Valencia, Baleares, Estremadura ou Aragón, que xustificaron a non entrada en vigor polo seu rexeitamento ou por problemas de xestión.

O máximo mensual que pagarán os doentes será de 4,26 euros, logo dunha suba que multiplica por seis o incremento das pensións

Mentres, en Galicia foron de novo os alcaldes os que alzaron a voz ante a medida. Como contra a reforma local ou o canon de Sogama, foron moitos os municipios que se rebelaron, anunciando que asumirían o copago para os seus veciños no caso de que a Xunta aplicase finalmente a normativa. Rexedores nacionalistas e socialistas na maioría dos casos, pero tamén algún do PP que se uniu a unha lista que alcanza case os trinta concellos e que comezou en Riotorto a través de Federico Gutiérrez Estoa.

De aí xurdiu a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade, que xunta 150 colectivos e varios concellos, para liderar as reivindicacións contra un copago que, advirten, "supera todas as liñas vermellas". Varios dos seus representantes, co alcalde do BNG de Riotorto á cabeza, solicitaron en varias ocasións unha xuntanza co presidente Feijóo para buscar alternativas a este repagamente e evitar a súa aplicación en Galicia. Pecháronse na Xunta, acudiron á súa delegación en Lugo e convocaron manifestacións en varias localidades, pero "non hai resposta". "Non  hai novidade ningunha porque o Goberno galego non nos contesta", explica Gutiérrez Estoa a Praza, tras advertir tamén que na vindeira semana o colectivo "retomará as mobilizacións" con actos de protesta que serán sorpresa e cos que pretenden chamar a atención da Administración e da sociedade sobre o problema que vén enriba.

Feijóo non accede á petición de reunión da Iniciativa pola Gratuidade da Sanidade, que anuncia novas e sorpresivas mobilizacións para a vindeira semana

"Este copago supón o traspaso dunha liña vermella, onde a Sanidade deixa de ser pública, universal e gratuíta, discriminando os usuarios do sistema en función dos seus recursos, gravando aínda máis os doentes crónicos e rompendo coa equidade do sistema", insiste a Iniciativa, que insta o Estado a que derrogue a resolución e a Xunta a que paralice a entrada en vigor do repago.

"Non hai humano que sexa quen de tolerar que alguén, outro humano, poida morrer por falta de recursos. Así se comportan os campións do dereito á vida”, adoita criticar Gutiérrez Estoa, que lembra que "a rúa" será o principal eixo de protesta contra unha medida que afecta gravemente milleiros de enfermos crónicos de Galicia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.