Un 2014 sen animais nos circos en Galicia?

Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland

Libera e a Fundación Franz Weber presentarán ao longo do ano mocións a todos os concellos galegos contra o uso de animais nos circos, nunha iniciativa que contará co apoio de BNG, EU, Anova e CxG. Búscase así que Galicia siga o camiño de Catalunya, que en outubro aprobou a prohibición do maltrato nestes espectáculos cos votos de CiU, ERC, PSC, ICV-EUiA e CUP. Pero tamén alí o proceso comezou de xeito municipalista e na última década un cento de concellos (nos que vive un 70% da poboación) xa adoptaran a medida.  

As mocións lembran que "a vida destes animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio"

As mocións lembran que "a vida destes animais nos circos caracterízase polo illamento, o castigo, o medo e o cativerio. Aínda que os espectáculos circenses non amosen conductas de violencia explícita á vista dos espectadores, os actos que os animais teñen que realizar durante toda a súa vida son antinaturais e para obligarlles a comportarse deste xeito contrario á súa natureza sométense a violentos métodos de adestramento baseados no castigo físico, a privación de alimento e ao illamento do resto dos seus conxéneres". E sinalan, igualmente, que "as exhibicións de animais nos circos ofrecen tamén unha mensaxe educativa negativa", pois "os circos usan aos animais como reclamo do público infantil". As mocións tamén engaden que "os pequenos e pequenas deste país, a sociedade do futuro, merecen unha educación baseada en val ores que inclúan o respeto cara os seres vivos e o entorno".

Unha decena de concellos galegos (entres eles, Cangas, Dodro, A Pobra do Brollón, Vedra, Teo, Ares, Viveiro, Betanzos ou Vigo) xa viñeron aprobando nos últimos anos mocións semellantes en contra de todo tipo de malos tratos

Unha decena de concellos galegos (entres eles, Cangas, Dodro, A Pobra do Brollón, Vedra, Teo, Ares, Viveiro, Betanzos ou Vigo) xa viñeron aprobando nos últimos anos mocións semellantes en contra de todo tipo de malos tratos, tanto os que se poden producir en corridas de touros e encerros ou outro tipo de espectáculos crueis con bois, burros ou cans, coma os que afectan aos animais de compaña. Periodicamente asistimos a novas polémicas, cada vez que un circo con animais se instala nalgunha localidade. Por exemplo, este verán Verdegaia denunciou o Circo Wonderland, instalado fronte a Praia América, en Nigrán, que ofrecía espectáculos con animais (camelos, ponis, avestruces...) e entre eles sete tigres de Siberia. O colectivo denunciaba a situación destes animais, "extraídos do seu hábitat natural, forzados a vivir en condicións aberrantes para á súa natureza, e adestrados para desenvolver actividades antinaturais para lecer dos humanos" e sufrindo neste mes de agosto "temperaturas superiores aos 30 graos". E, hai unhas semanas, a situación reproduciuse no Burgo (Culleredo) con outro circo que emprega animais nos seus espectáculos.

As mocións que se presentaron nos últimos anos en Galicia, moi semellante ás que se foran aprobando en Catalunya, adoitan basearse na Lei de Protección dos Animais 1/93, do 14 de abril, que considera os animais "organismos dotados de sensibilidade física e psíquica e, polo tanto, suxeitos a gozar ou sufrir". Rexeitan igualmente as "tradicións históricas que incluen o uso ou participación de animais, que sufren sicolóxica e fisicamente" e engade que "calquera costume, conduta, comportamento, non se pode manter in aeterum polo feito de ser tradicional, como o demostra o feito que un gran número de prácticas tan tradicionais ao longo da nosa historia, como a escravitude, as execucións públicas, a subordinación das mulleres aos homes, a mesma pena de morte, as mutilacións practicadas aos delincuentes ou a tan a nosa matanza pública do porco, están agora prohibidas por lei, así como lugares que xa rexeitan os circos con animais".

 

Condicións insoportables

Os duros adestramentos aos que son sometidos para levar a cabo actividades repetitivas e formularias, moi afastadas dos seus comportamentos naturais, adoitan provocarlles prexuízos moi importantes, e xerando unhas condicións de vida insoportables

Descoñécese o número total de animais en catividade dentro dos circos a nivel mundial. As estimacións (incluíndo aos animais domésticos) varían entre un mínimo de 2.400 a un máximo de 5.900 exemplares, só en Europa. As análises do sufrimento que experimentan os animais nestes espazos teñen que ver en boa medida co seu estado de reclusión case permanente, pois permanencen pechados en pequenos espazos máis do 90% do tempo, calculándose que só entre o 1% e o 9% do tempo o dedican a actuar ou adestrar.

Ademais, os currais dos circos son significativamente menores en canto a extensión que os estándares mínimos dos zoolóxicos para cercados exteriores. En concreto, as gaiolas/currais e os camións-gaiola teñen, de media, só o 26 e o 27% respectivamente do tamaño recomendado para os espazos interiores e exteriores en zoolóxicos. O illamento e a reclusión afectan en maior medida a elefantes (polo seu carácter extremadamente social) e os grandes felinos (pola súa necesidade de espazo), que son precisamente algunhas das especies máis habituais nestes espectáculos.

Por outra banda, os duros adestramentos aos que son sometidos para levar a cabo actividades repetitivas e formularias, moi afastadas dos seus comportamentos naturais, adoitan provocarlles prexuízos moi importantes, e xerando unhas condicións de vida insoportables. Os expertos seguen nas súas recomendacións para que os animais gozen dunhas condicións vitais mínimas os estándares do Farm Animal Welfare Council (1992) que están baseados en "cinco liberdades": libres de fame e sede, libres de incomodidade, libres de dor, feridas e enfermidades, libres para expresar comportamentos normais e libres de medo e angustia. A maior parte delas non se cumpren nos circos.

Tigres de Siberia no Circo Wonderland en Nigrán © Circo Wonderland

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.