Guía para (tentar) non perder a tarxeta sanitaria se marchas ao estranxeiro

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

O ano empeza cun novo recorte: a finais de decembro o Goberno publicou no BOE unha nova medida que restrinxe o dereito a ter o cartón sanitario para as persoas que pasan máis de 90 días ao ano no estranxeiro. O novo requisito únese aos criterios que o Executivo aprobou en abril de 2012 para poder ser "asegurado" do Sistema Nacional de Saúde, e complica o acceso ao cartón sanitario.

Perderás a tarxeta sanitaria se saes ao estranxeiro?

Si, se pasas máis de 90 días (non necesariamente consecutivos) fóra do Estado e xa esgotaches a túa prestación. Desde a Seguridade Social explican que a lexislación aplicable é sempre a do país de residencia e que pasar máis de 90 días fóra de España é motivo para deixar de abonar a asistencia sanitaria. "As prestacións sociais están ligadas ao país de residencia, non son unha mochila que levas alá onde vas. É algo que sucede en toda Europa", aseguran.

Cales son as consecuencias?

Se pasas máis de 90 días fóra de España, o teu cartón sanitario español perde validez. Desde entón, pasas a estar rexido ou rexida polas normas do país no que te atopes. Iso quere dicir que se, en función da lexislación dese lugar tes dereito á sanidade, ese país custeará a túa atención médica en función das súas normas (se, por exemplo, hai copago, terás que asumilo). Normalmente, este dereito está ligado ao emprego. Se, por exemplo, unha persoa reside nun país, pero non cotiza alí nin cumpre con outros requisitos para ter dereito á atención sanitaria (como estar casado), terá que custeala polos seus propios medios. É dicir, España deixa de facerse cargo da súa atención.

Entón, terei que pagar os meus tratamentos?

Até agora, se unha persoa tiña a residencia española e o cartón sanitario, e marchaba ao estranxeiro (durante o período que fose), España facíase cargo da súa atención médica. A cousa cambia: se agora pasas máis de 90 días fóra, e non cumpres os requisitos para recibir atención sanitaria no teu novo país de residencia, España non se fará cargo. É dicir, terás que custear os teus tratamentos.

A quen afecta esta medida?

Afecta especialmente ás persoas que marchen fóra de España e no seu novo destino non teñan un contrato de traballo en regra

Afecta especialmente ás persoas que marchen fóra de España e no seu novo destino non teñan un contrato de traballo en regra ou simplemente non teñan un emprego. É moi probable que esas persoas non xeren o dereito á sanidade alí onde residan e, ao mesmo tempo, perdan o seu cartón español e, por tanto, o dereito a que España sufrague os seus tratamentos. Pode tratarse de persoas que estean en procura dun posto de traballo, pero non o atopen, que traballen en negro, ou que cursen algún estudo non regulado. No caso das persoas que marchen para cursar un máster ou algún tipo de estudo homologado ou como bolseiras, seguirán conservando o seu cartón sanitario. En canto ao voluntariado, a Seguridade Social especifica que as ONG adoitan ofrecer cobertura sanitaria pública.

Tamén afecta as persoas que marchen fóra para traballar, aínda que en menor medida. Se tes un contrato en regra nun país estranxeiro o normal é que iso che dea acceso á atención sanitaria alí onde resides. Segundo a regulación do país, tamén che cubrirá o seu seguro en España, sobre todo se é un país membro da Unión Europea. Ao volver a España, iso si, terás que volver solicitar o cartón español.

Que pasa cando volva a España?

Cando esas persoas que perdan o seu cartón sanitario volvan a España, poderano recuperar se cumpren unhas determinadas condicións. Terán que ir ás oficinas de atención e información da Seguridade Social a notificar a súa volta. Requiriráselles entón que demostren que cumpren con algún dos requisitios para ser "asegurado": estar a traballar como asalariado ou autónomo, ser pensionista, cobrar unha prestación ou subsidio, ou ben esgotar unha e estar dado de alta como demandante de emprego nunha oficina do antigo Inem. Se non se cumpre ningún destes requisitos, entón poderase solicitar un cartón sempre que se acredite uns ingresos inferiores a 100.000 euros ao ano ou ben se é cónxuxe ou ex cónxuxe dun asegurado. Para iso será necesario ter nacionalidade española ou dalgún estado membro da UE, do Espazo Económico Europeo ou Suíza, ou ser estranxeiro cunha autorización para residir en España.

Os cartóns sanitarios que se dan a persoas que non cotizan considéranse para "sen recursos". Algúns usuarios aseguran que o proceso para solicitala despois de estar no estranxeiro foi un auténtico calvario, así tente evitar pasar por este trámite.

Quen e como vai controlar que as persoas pasan máis de 90 días fóra de España?

Non hai ningún mecanismo específico para realizar este control

Desde a Seguridade Social sinalan que a administración ten os seus procedementos e que os aplicará, como sucede noutros casos (como o control das prestacións por desemprego), sen máis concrecións. É dicir, en principio non hai ningún mecanismo específico para levar a cabo este control. España ten coñecemento de que un dos seus cidadáns está no estranxeiro se, por exemplo, se inscribe nalgún consulado.

Con todo, ten moito coidado con non perder o seu cartón sanitario durante a súa estancia no estranxeiro. Unha renovación voluntaria pode ser a forma máis sinxela de descubrir que non se está residindo no país.

Que finalidade ten a medida?

O Goberno cre que esta medida contribuirá a aforrar "gastos indebidos" ao sistema español ou, o que é o mesmo, evitar que asuma gastos de persoas que xa non cotizan nin perciben ningunha prestación en España e que residen fóra. Aparentemente, isto afectaría especialmente aos que aínda teñen en vigor o cartón de residencia (e por tanto a sanitaria) pero que están a probar fortuna noutros países da UE, sen contratos regulados. Aínda que a Seguridade Social non ofrece ningún dato sobre canto diñeiro gasta España ao ano en custear tratamentos médicos de residentes no estranxeiro, aseguran que se trata dunha cifra considerable.

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.