0 Gardados para despois

"O interesante da 'economía do ben común' é que pon primeiro o benestar das persoas e do planeta"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"O noso cometido é pensar e pór en práctica pequenas accións que aumenten as capacidades da sociedade para se autoxestionar". Así é como os promotores de MaOs definen os obxectivos desta iniciativa de transformación social que busca fomentar a participación da sociedade no seu proceso construtivo a través de accións formativas e de intervención. "MaOs acredita no poder do pequeno que se fai grande ao traballar solidariamente".

Os seus ámbitos de interese son moi diversos e atenden dende a ecoloxía, a relación entre os saberes tradicionais e a innovación, até os proxectos culturais, turísticos, de lecer ou relacionados co patrimonio material e inmaterial. Campos no que interveñen a través da investigación, da creación de estruturas horizontais, as sinerxías con empresas e administracións, os bancos de tempos e a intervención social. 

Polo de agora, nos seus primeiros meses de actividade botaron a andar xa dous proxectos: unha Granxa de Servizos, entendida como "unha asociación de profesionais e pequenas empresas de diferentes ámbitos co obxectivo de promover a colaboración e apoio mutuo"; e Ruralactivo, un programa de dinamización socioeconómica das parroquias de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido, promovido polo Concello de Pontevedra, e destinado principalmente ás mulleres e á xuventude. Sobre este proxecto, o blog Niquelarte entrevistounos este pasado verán.

Parten do concepto de bens comúns ou procomún, un modelo de réxime ou xestión comunitaria dos bens comunais, que en Galicia vén sendo desenvolvido dende hai séculos nos montes comunais, e que no século XXI colleu un novo pulo ao abeiro das novas tecnoloxías e da filosofía da economía do ben común. Non están sós; nos últimos tempos veñen xurdindo en Galicia cooperativas e empresas que se moven nestes mesmos vieiros: Hábitat Social, Trespés ou Feitoría Verde.

"O noso obxectivo fundamental é deseñar e xestionar proxectos que contribúan a consolidar na sociedade estratexias de autoxestión e de traballo comunitario e en rede"

Que é MaOs? Como foi o voso proceso de nacemento e cales son os vosos obxectivos?

Podemos resumir MaOs como a reacción premeditada de tres persoas ante a falta de expectativas de obter un traballo digno e relacionado coas nosas inquietudes persoais. Levamos pouco máis de un ano e medio a funcionar como autónomas e actualmente estamos en fase de constitución como cooperativa de traballo asociado. Definímonos como iniciativa empresarial de transformación e consolidación social que quere contribuír á integración e fomento da participación da sociedade no seu proceso construtivo a través de accións formativas e de intervención. O noso obxectivo fundamental é deseñar e xestionar proxectos que contribúan a consolidar na sociedade estratexias de autoxestión e de traballo comunitario e en rede. De forma paralela, consideramos que a participación en comunidade e as parcerías con empresas e organizacións de intereses afíns son elementos fundamentais para o éxito persoal e empresarial. Foi así como lanzamos a nos primeira proposta: crear a Granxa de Servizos.

"En resumo: procúrase colaborar, non competir. A nosa idea central é crear espazos para o intercambio de experiencias, ideas e recursos"

En que fase está o proxecto da Granxa de Servizos?

A Granxa de Servizos xa leva un ano constituída como asociación de ámbito autonómico e está aínda en fase de asentamento. Formamos parte dela máis dunha ducia de pequenas empresas e profesionais que partillamos unha filosofía común: entendemos o noso traballo como emprendedorismo social que procura o beneficio colectivo por medio do estabelecemento de dinámicas colaborativas. En resumo: procúrase colaborar, non competir. A nosa idea central é crear espazos para o intercambio de experiencias, ideas e recursos. A Granxa serve tamén, por exemplo, para con total confianza trocar servizos ou acceder a profesionais de confianza en áreas que non dominamos. Entre as nosas primeiras accións, está a de organizar xornadas formativas informais, que chamamos ‘BatePapo’.

"Supón un proceso de aprendizaxe constante: facer que funcione un proxecto participativo no rural non foi nin está a ser nada fácil"

Como valorades a experiencia de RuralActivo até agora?

Moi positivamente pola implicación da xente que participa e a súa vontade de que o proxecto saia adiante. Para as empresas que o dinamizamos, Feitoría Verde e MaOs, supón un proceso de aprendizaxe constante: facer que funcione un proxecto participativo no rural non foi nin está a ser nada fácil. Por un lado, agradécese moito o apoio de parte da veciñanza, que leva participando activamente desde o comezo. Sen a xente das parroquias o RuralActivo non tería sentido. Por outro lado, encontrámonos con que este tipo de proxecto non é nada frecuente e moito menos no rural. É necesario explicar moi ben que se pretende, cal é noso papel como dinamizadoras e como vai ser o proceso. Sobre todo é preciso transmitir que non damos nada feito e que é a xente quen define o que se vai facer, como por exemplo, os contidos da Escola de Coñecementos, a fase agora en marcha. Aínda que isto último pode provocar que alguén diga o que nos dixeron a nós nun dos encontros coa veciñanza: “se nós facemos todo, para que estades vós?”. No comezo encontramos que as expectativas eran máis as de recibir e encontrar e non tanto as de compartir e procurar, pero o RuralActivo aínda está a medio camiño e todas fomos e imos aprendendo e mudando.

"O proxecto é ben recibido e bastante coñecido entre a veciñanza. A pesar de todo, traducir ese coñecemento en participación activa foi e está a ser moito máis complicado"

Cal foi a resposta dos veciños neste proxecto?

En xeral detectamos que o proxecto é ben recibido e bastante coñecido entre a veciñanza; o labor de difusión foi arduo e deu os seus resultados a ese nivel. A pesar de todo, traducir ese coñecemento en participación activa foi e está a ser moito máis complicado. Encontramos moitas posíbeis causas para a falta de maior participación: porque a primeira fase era certamente algo abstracta, porque está promovido desde o Concello ou mesmo porque o día da reunión cadrou en día soleado e asistiu pouca xente xa que moitos aproveitaron o bo tempo para ir traballar á horta. As persoas que se achegaron polo centro cultural de Santa María de Xeve para participar nos faladoiros de análise da primeira fase conseguiron formar un grupo reducido pero estábel que se mantén aínda activo, por exemplo nos encontros de autoformación (xornadas de transmisión de sabedoría).

Que outras iniciativas tedes en mente?

Agora mesmo estamos a colaborar tamén no proxecto A Memoria das Mulleres do Concello de Pontevedra, facendo recollida de material fotográfico polas parroquias, e temos preparados novos proxectos relacionados co patrimonio inmaterial para os cales imos procurar financiamento. Ao mesmo tempo, conxuntamente con outros compañeiros da Granxa de Servizos estamos a ver a posibilidade de lanzar unha web de crowdfunding galego-portuguesa para facilitar o financiamento colectivo de iniciativas sociais e culturais.

"O interesante para nós da 'economía do ben común' é que pon primeiro o máis importante: o benestar das persoas e do planeta"

Que podemos aprender, desde as ópticas da economía do ben común de experiencias comunitarias tradicionais, coma os montes comunais ou outras actividades cooperativas propias do rural galego?

Podemos extraer desas realidades moitas e diversas aprendizaxes: a súa historia e todas as loitas que hai por detrás, como se xestionan hoxe e como foron xestionadas no pasado, e mesmo como se foron transformando e adaptando ás novas realidades económicas e sociais ao longo do tempo. O interesante para nós da “economía do ben común” é que pon primeiro o máis importante: o benestar das persoas e do planeta.

"Non está a ser nada fácil saír adiante, as administracións públicas apenas contratan ou financian proxectos sociais ou culturais, e isto ten moito que ver cos cortes derivados da suposta crise"

A crise económica dificulta proxectos (ou filosofías) coma os vosos ou pola contra obriga a apostar por cousas novas?

Ambas as dúas cousas nos parecen certas. Non está a ser nada fácil saír adiante, as administracións públicas apenas contratan ou financian proxectos sociais ou culturais, e isto ten moito que ver cos cortes derivados da suposta crise, e se o fan ás veces é de forma moi limitada e sen continuidade, procurando máis que sexa efectista antes que efectivo (o cal dá máis valor a proxectos como o RuralActivo). Sinceramente, igual non existiría MaOs se alguén nos pagara por realizar proxectos como os que deseñamos ou coa mesma filosofía. Non é fácil comezar de cero e é moi cómodo ter quen che pague a final de mes e non pensar nunca en se dan ou non os números. Por tanto, podemos afirmar que si, que MaOs naceu como unha aposta por algo diferente e con propostas esperamos que innovadoras por necesarias.

Tedes un funcionamento moi importante a través da rede e das novas tecnoloxías e traballades de xeito primordial no mundo rural galego? Como se levan as dúas cousas? Hai eivas que salvar aínda?

Aínda que tanto o RuralActivo como A Memoria das Mulleres están centradas no rural, non podemos dicir que teñamos aínda un espazo moi definido de traballo, estamos comezando. En ambos os proxectos o primordial é traballar coas persoas de forma presencial complementándoo coa tecnoloxía, se non o fixeramos así deixaríamos fóra boa parte da xente, non só porque saiban utilizala, é que as dinámicas son outras ás da cidade. O maxín tamén nos trae outras propostas ou iniciativas máis vinculadas ás novas tecnoloxías, aínda que nunca son un obxectivo en si, son un medio que pode facilitar as cousas ou descubrir outras novas.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.