A 'austeridade' levará por diante o 10% do cadro médico do Sergas

Profesionais dun hospital público galego © Sergas

Un total de 1.255. É o número de profesionais da medicina que a sanidade pública galega perderá nos próximos anos por mor das medidas de "austeridade" ou, o que é o mesmo, pola combinación de xubilacións forzosas aos 65 anos -incluída, por exemplo, na lei de recortes ao funcionariado que vén de aprobar a Xunta- e pola imposición estatal de non repoñer máis do 10% das baixas nos cadros de persoal público. É a estimación que vén de realizar a Plataforma de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública que, apoiándose en datos do Instituto Nacional de Estatística, debuxa un pouco alentador panorama para o Servizo Galego de Saúde e sitúa a Galicia nos postos de cabeza do rexistro de recorte de médicos, só superada por Aragón, Asturias e Euskadi.

Os cálculos desta plataforma falan de que o Sergas terá que exercer o labor dentro duns catro anos sen o 10,10% dos seus actuais 12.467 médicos. Ademais de ser das únicas catro autonomías nas que a redución se eleva por riba do 10% este colectivo de profesionais advirte doutro factor. Mentres que as outras tres comunidades que superan ese umbral "teñen un número de médicos por mil habitantes superior á media, Galicia está por baixo da mesma, polo que a redución incrementará o seu déficit". Nomeadamente, Aragón, que encabeza o recorte, fai o propio coa ratio de facultativos en relación á poboación, con 5,3 para cada mil persoas. A continuación sitúase Asturias, con 4,7 e Euskadi, con 4,6. Mentres, para atopar a Galicia hai que ir buscar aos postos de cola, xa que queda no 3,8, un nivel semellante, por exemplo, á Comunidade Valenciana, Murcia ou Andalucía.

Alén das evidentes repercusións laborais no que se refire á redución de expectativas de traballo tanto do persoal médico como do de enfermaría, a Plataforma de Asociacións en Defensa da Sanidade Pública advirten doutras "consecuencias" do que definen como "ERE encuberto" no "camiño de utilizar a crise" e a "necesidade de reducir déficit para desmantelar servizos esenciais", din. "A sanidade é un dos sectores no que non é posible substituír persoal por máquinas, polo que estes recortes contribuirán a reducir o acceso á asistencia sanitaria" e "aos coidados da saúde". "Numerosos estudos -abondan- relacionan o número de médicos e de enfermeiras nos centros sanitariso co incremento na mortalidade".

O incremento de médicos de atención primaria aumenta a detección precoz de cancros de mama, útero e pel e aumenta a esperanza de vida no nacemento

Así, por exemplo, explican que diversos estudos científicos amosan que cada punto porcentural "de aumento de médicos de familia está asociado cun incremento do 4% na probabilidade do diagnóstico precoz do cancro de mama". Do mesmo xeito, subliñan, "a taxa de incidencia no cancro cérvico-uterino en fase avanzada" é "menor nas áreas mellor dotadas de médico de familia, aínda que non nas de maior número de xinecólogos". Nun sentido semellante, "a detección de melanomas en etapas iniciais está asociada significativamente coas de maior números" de doutores e doutoras de atención primaria, "non así co de dermatólogos".

Xunto a estas enfermidades concretas explica a Plataforma que Sociedades Médicas e estudosos da medicina establecen unha "relación significativa" entre os recursos humanos en atención primaria e os "indicadores xerais da saúde". No Reino Unido, por exemplo, "cada médico adicional" para cada 100.000 habitantes "está asociado cun decrecemento da taxa de mortalidade de entre o 3% e o 10%". Nos Estados Unidos de América, "por cada incremento no número de méricos de atención primaria" prodúcese "unha redución de 1,44 mortes por cada 100.000 habitantes". En liña con iso, "o último informe da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE)", do ano 2009, amosa unha "correlación positiva entre a densidade de profesionais médicos e de enfermaría" e a esperanza de vida no momento do nacemento. Con estes indicadores sobre a mesa os autores do estudo conclúen que, "máis ca unha proposta racional", a redución de cadros de persoal sanitario público "responde a unha estratexia ideolóxica" para "deixar espazo ao sector privado á hora de prover servizos públicos".

Profesionais dun hospital público galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.