"Non soporto a idea de que a prenda que visto sexa causa de violacións dos dereitos humanos"

Algunha das prendas de Racataplán © Racataplan

Hai uns meses Marián Salgado tomou a decisión de abrir Racataplan, unha marca e tenda de roupa para nenos e nenas por unha necesidade persoal: viña de ter un fillo e non atopaba en Galicia roupa "que cumprise unha serie de parámetros que considero imprescindibles: ecolóxica, divertida, responsable e xusta socialmente, cómoda, economicamente alcanzable...". E puxo mans á obra, obrigada ademais por ter quedado sen traballo, "estou convencida de que por ser nai", comenta.

Racataplan xa está en marcha e quere ser algo máis ca unha marca, quere ser un movemento: "Cremos que o mundo o cambian as pequenas cousas; buscamos a natureza nos nosos tecidos; producimos na nosa contorna; non queremos pesticidas nin mans escravas…". Forma parte da Plataforma Galega de Moda Sostible, que botou a andar esta semana en Pontevedra co obxectivo de "visibilizar e promover outro xeito de producir e consumir roupa en Galicia".

Por que decides comezar con Racataplan?

Racataplán nace por unha cuestión práctica: non lograba encontrar roupa para o meu fillo que cumprise unha serie de parámetros que considero imprescindibles: ecolóxica, divertida, responsable e xusta socialmente, cómoda, economicamente alcanzable... Resulta complicado atopar prendas que cumpran máis de, como moito, dúas destas condicións xuntas. Así que decidín facer a roupa do meu fillo.

Inicialmente, esa era a meta. Porén, a xente do meu entorno, familiares, amigos e coñecidos comezáronme a animar para producir a maior escala e vender. Parecíanos que a roupa lle gustaba á xente e que había a posibilidade de cubrir un buraco no mercado. Encantábame a idea de crear un medio de vida de algo que me divertía e do que me sentía orgullosa. Acabábanme de despedir do meu anterior traballo, estou convencida de que por ser nai e, precisamente, de aí, da maternidade, nacía a maior motivación. Un día, case de broma, uns bos amigos aos que lles sobra imaxinación e que son tremendamente creativos (NOMA) puxeron a idea en imaxes e penso que aí naceu, definitivamente a marca.

"Encantábame a idea de crear un medio de vida de algo que me divertía e do que me sentía orgullosa. Acabábanme de despedir do meu anterior traballo, estou convencida de que por ser nai e, precisamente, de aí , da maternidade, nacía a maior motivación"

Que diferencia as vosas prendas das que realizan grandes marcas e que podo atopar nun centro comercial?

Saúde: tendo en conta que no proceso de produción de prendas non ecolóxicas entran desde pesticidas, até metais como cromo, cobre ou zinc, demostrados daniños tanto para a saúde como para o medio ambiente. Calidade: Os tecidos ecolóxicos manteñen mellores condicións de suavidade e resistencia ao resultar de procesos produtivos menos "agresivos".

Responsabilidade: Todos queremos un mundo mellor, supoño. Eu non soporto a idea de que a prenda que visto puidera ter que ver na destrución de ríos ou ecosistemas únicos. Aínda menos, que sexa causa de escravitude, de violacións dos dereitos humanos ou de calquera forma de roubo de dignidade das persoas. Produto galego: O deseño e produción das nosas prendas realízase integramente no rural galego. Arte galego orixinal no estampado de Iván R. É certo que o tecido é italiano, por ser imposible, de momento, adquirilo mais preto.

Cales son os principais obstáculos cos que vos atopades?

Se xa é comprensible desde fora que a produción dunha prenda social e ecoloxicamente responsable sexa mais custosa que a doutra sen ese compromiso,  unha vez comezas a coñecer a forma de traballo, o mimo, a responsabilidade con que é tratado cada centímetro de tela aséntaste máis na idea de que o custo é xusto. Porén, nós tiñamos como premisa facer prendas alcanzables para a maioría. Lograr o equilibrio entre eses custes xustos e un prezo o máis social posible, sen facer perigar a sustentabilidade do proxecto, é o mais complicado, sen dúbida.

"Lograr o equilibrio entre eses custes xustos e un prezo o máis social posible, sen facer perigar a sustentabilidade do proxecto, é o mais complicado, sen dúbida"

Neste caso, a unión fai a forza? É dicir, cantos mais produtores, tendas e consumidores compartan a vosa filosofía, haberá mais variedade de produtos e mais baratos?

Desde que Racataplán estaba en fase de creación, houbo unha persoa, María Almazán, que nos acompañou en cada momento. Alén de aconsellarnos, de animarnos e guiarnos estupendamente, comezou a falar de Movemento Racataplán, de colaboración, de participación, de xeración de redes... A mesma marca nacía gracias á colaboración de amigos xeniais, dos de sempre e outros que se foron sumando. Vimos que existe unha especial sensibilidade, unha especial orientación á cooperación entre aqueles que creen que existe outra forma de facer as cousas.

A fin de semana pasada, como sabes, comezou a andaina da plataforma MOV3, da que formamos parte. Estamos absolutamente convencidos do seu éxito, despois de ter coñecido e compartido tempo con deseñadores, ilustradores, tendas, marcas… Estamos convencidos de que ese aproveitamento de sinerxías, colaboración de talentos, formación e experiencia dará resultados.

"Unha noticia terrible na segunda parte dun noticiario non é menciña suficiente para unha das grandes enfermidades das nosas sociedades, o consumismo: sempre poderá mais un 2x1"

Despois de feitos terribles como os que tiveron lugar nos últimos meses en Bangladesh e Paquistán, a sociedade está máis concienciada?.

Estes feitos terribles levan acontecendo anos e anos e, lamentablemente, seguirán acontecendo. É certo que, nos últimos meses, parece que a repercusión mediática é maior, e esperamos que siga sendo así. Porén, que isto aconteza, que as condicións de traballo de moitos talleres do mundo son inhumanas, que nenos deses países son explotados para que os nosos fillos vistan con a camiseta da súa equipa favorita... Iso xa era coñecido pola sociedade. Eu penso que unha noticia terrible na segunda parte dun noticiario non é menciña suficiente para unha das grandes enfermidades das nosas sociedades, o consumismo: sempre poderá mais un 2x1.

Tenda e produtos de Racataplan © Racataplan
Algunha das prendas de Racataplán © Racataplan

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.