Comeza a batalla pola renda básica universal

Cadea humana por unha renda social básica © Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Esta mañá rexistrouse no Congreso a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pide una renda básica universal para toda a cidadanía, impulsada polo Movemento contra o Paro e a Precariedade. Comeza un camiño de nove meses nos que a proposta deberá reunir medio millón de sinaturas en todo o Estado, para ter a opción de poder ser debatida na cámara.

A iniciativa, que consta dun artigo e dúas disposicións adicionais, establece "o dereito de toda persoa, polo feito de haber nado, a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas" e declara a Renda Básica como "dereito individual, universal e incondicional". A proposta fixa esta cantidade no 60% da mediana da distribución dos ingresos por unidade de consumo, é dicir, 645,33 euros mensuais, nos datos correspondentes a 2011. A súa implantación realizaríase en dúas dúas fases. Nunha primeira fase, afectaría a todas as persoas domiciliadas no Estado español e inscritas no Servizo Público de Emprego que non teñan cobertura por desemprego nin dispoñan doutros ingresos, ou que estes sexan inferiores a eses 645,33 euros ao mes. Na segunda fase ampliaríase ese dereito ao resto da poboación. 

A proposta xa fixo agromar respostas e críticas, por exemplo as procedentes de Gestha, a asociación de técnicos de Facenda, que estima nun mínimo de 78.000 millóns de euros a posta en marcha desta renda básica, máis do dobre do gasto anual en prestacións por desemprego, que rolda os 35.000 millóns, e que cualifica a proposta de "inviable". Porén, outras voces sinalan que o fraude fiscal en España representa un mínimo de 90.000 millóns de euros anuais e que un maior control neste senso sería suficiente para poñer estes cartos a disposición desta iniciativa. Neste senso, os impulsores da proposta sinalaron este mércores no Congreso que as fórmulas de financiamento da renda básica que se defenderían na proposta definitiva están “en proceso de estudo”. “A idea é que se acade un dereito das personas que logo deberán xestionar os políticos”, engadiron.

Colectivos coma a Oficina de Dereitos Sociais de Coia defenden a Renda Básica "como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación"

Colectivos coma a Oficina de Dereitos Sociais de Coia defenden a Renda Básica "como un instrumento de erradicación da pobreza, un mecanismo de repartición da riqueza e distribución da renda, que pode dar seguridade económica á poboación; que permite iniciar outros modos de vida, fomenta a igualdade de xénero e contribúe a eliminar os estigmas sociais". E salientan que "a Renda Básica pode ser o piar do novo sistema de benestar e un instrumento útil para defenderse da deterioración das condicións de vida que impón o capitalismo global".

De igual xeito, outro colectivo que xa manifestou a súa intención de traballar para acadar o éxito desta ILP, Espazo Ecosocialista, destaca que a Renda Básica "supón un novo xeito de entender o traballo, facendo inviable o 'exercito de reserva de man de obra’ no que o capitalismo converte o paro, dignificando o traballo necesario para repoñer a forza de traballo noutro tempo feito polas mulleres e hoxe tamén por traballadoras domesticas, desalienando o concepto propio do mesmo e valorizando o traballo voluntario ou creativo non remunerado". Conclúen que esta renda incondicional contribúe a "asegurar a dignidade das cidadás e dos cidadáns sen condicións", así como unha "ferramenta para facer cumprir outros dereitos hoxe formais como a vivenda ou un salario digno".

Os seus defensores tamén argumentan, baseándose nos exemplos daqueles lugares nos que está en marcha, como Alaska (dende 1976), que este tipo de prestación non provocou "unha falta de iniciativa individual ou pouca disposición a traballar, e tampouco un incremento de fracaso escolar ou universitario". Entre os seus beneficios, ademais, estaría o "incentivo á invención técnica e ao investimento na mecanización ou automatización de postos de traballo mal remunerados", incrementando a produtividade, "pois a persoa que traballa en algo que lle gusta é máis produtiva".

 

Máis pobreza, máis exclusión

En Galicia hai máis de 270 mil persoas inscritas como demandantes de emprego, e deles máis de 78 mil levan máis de dous anos sen emprego. Máis de 120 mil non cobran nin a prestación por desemprego nin o RISGA, nin ningún outro subsidio. Unha realidade que ten consecuencias. A Enquisa de condicións de vida das familias, publicada polo IGE hai unhas semanas sinalaba que ao longo de 2012 seguiu incrementándose en Galicia a taxa de risco de pobreza, que pasa do 15,73% ao 16,45% e que acumula catro anos consecutivos de ascensos, dende o 13,88% que rexistrou en 2008. Nestes datos, o que máis chamaba a atención era o incremento da incidencia entre os menores de 16 anos (pasaba do 23,96 ao 27,35), nos que teñen entre 16 e 24 anos (pasaba do 29,76 ao 31,69) e nos que se sitúan entre os 25 e os 49 (do 21,45 ao 24,14). O IGE, na súa Enquisa Conxuntural aos Fogares do cuarto trimestre de 2013, sinalaba igualmente que o 44,6% dos fogares galegos recoñecen chegar con "dificultade" a finais de mes, mentres que o 15% asegura facelo con "moita dificultade".

 

A Iniciativa de Cidadanía Europea

A pesar de non acadar o número de sinaturas esixido, "a campaña ten servido para seguir visibilizando a proposta, crear grupos de apoio, ampliar os colectivos e forzas políticas e sociais implicadas e abrir o debate cidadán"

Precisamente esta semana rematou o prazo para que a Iniciativa de Cidadanía Europea para propoñer o impulso da Renda Básica Incondicional acadase o millón de sinaturas que necesitaba para seguir adiante. A proposta buscaba pedirlle á Comisión Europea que "incentive a cooperación entre os estados membros co obxectivo de explorar a Renda Básica Incondicional (RBI) como ferramenta para mellorar os seus respectivos sistemas de seguridade social". A curto prazo, "a UE debería impulsar iniciativas tales como estudos piloto e o exame de diferentes modelos de RBI". A longo prazo, o obxectivo é "ofrecerlle a cada persoa na UE o dereito incondicional como individuo de ter as súas necesidades materiais cubertas para asegurar unha vida digna tal e como se define nos tratados da unión".

Finalmente a iniciativa non chegou ao millón de sinaturas que eran necesarias e só en Croacia, Eslovenia, Bulgaria, Bélxica, Estonia e Holanda acadou o número de apoios necesarios. En España recolleu algo máis de 25 mil sinaturas, e no conxunto da UE superáronseas 574 mil. Porén, os seus impulsores destacan que "a campaña ten servido para seguir visibilizando a proposta, crear grupos de apoio, ampliar os colectivos e forzas políticas e sociais implicadas e abrir o debate cidadán". Tamén destacan o impulso que a iniciativa recibiu nas súas últimas semanas de actividade, recollendo case tantos apoios no último mes coma nos once anteriores.

 

Iniciativas avanzadas en Catalunya e Estremadura

Propostas semellantes están máis avanzadas en Catalunya e Estremadura. En Estremadura, de feito, xa o pasado mes de maio o Parlamento rexional aprobou a Lei de Renda Básica Estremeña de Inserción. Non é exactamente unha renda básica incondicional, senón máis ben unha renda de integración, destinada a consolidar o apoio ás persoas con menos recursos e en situación ou risco de pobreza e exclusión. A súa aprobación, malia as limitacións que presentaba (escasa dotación, limitación no número de beneficiarios...), foi saudada como un primeiro paso positivo por parte dos colectivos que promoven as rendas básicas incondicionais. Porén, dende entón, a lentitude na súa posta en marcha, ou as dificultades dos procedementos para solicitala, espertaron moitas críticas.

O Parlamento de Catalunya acordou o pasado mes de marzo admitir a trámite unha ILP que propón unha renda de cidadanía para todas as persoas en situación de vulnerabilidade

De igual xeito, o Parlamento de Catalunya acordou o pasado mes de marzo admitir a trámite unha ILP que propón unha renda de cidadanía para todas as persoas en situación de vulnerabilidade. A iniciativa, impulsada por entidades sociais, partidos e sindicatos, atópase actualmente en fase de recollida de sinaturas, 50 mil, que xa foron amplamente superadas. A proposta baséase no artigo 24.3 do Estatut, aínda sen desenvolver, que contempla que “as persoas ou as familias que se atopan en situación de pobreza teñen dereito a acceder a unha renda garantida de cidadanía que lles asegure os mínimos dunha vida digna”. E fixa esta renda nos 664 euros mensuais. CiU opuxérase inicialmente a aceptar a tramitación de la ILP polo impacto económico que suporía nos orzamentos, pero finalmente tivo que ceder, posto que o artigo 102.2 do regulamento do Parlament non lle permite denegar a admisión a trámite dunha ILP se os seus efectos económicos afectan a outro exercicio orzamentario e non ao vixente, como é o caso.

Imaxe da Iniciativa Europea pola Renda Básica Dominio Público Praza Pública
Manifestación a prol da renda básica CC-BY latrastiendademerida
Cadea humana por unha renda social básica © Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.