0 Gardados para despois

"O naval foi a primeira vítima, pero agora veñen empresa por empresa, casa por casa, por toda a cidadanía"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"A crise é a escusa perfecta. A construción naval sábeo ben, foi a primeira asoballada. Pero agora veñen contra todos, sector por sector, empresa a empresa, veñen casa por casa. A crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. E en Ferrol hai ben tempo que se sabe, que se sufre, que se engule a negra sombra. Abonda!". Deste xeito comeza o manifesto de Radio Buguina, que o 2 de xuño do pasado ano presidiu a acción artística reivindicativa do sector naval ferrolán Carga de Dignidade, que naceu co obxectivo de "facer unha achega de dignidade, unha carga de dignidade seguindo a reclamación principal dese sector: a carga de traballo".

Todo o que ese día sucedeu na cidade, fronte ás instalacións da antiga Bazán, hoxe Navantia, foi rexistrado por Xosé Bocixa nun documental que dende hai semanas está sendo presentado en toda Galicia, cun grande éxito de público, primeiro en Ferrol, coincidindo coa vixilia convocada polos sindicatos de Navantia, despois na Coruña e, este venres, na Casa das Crechas de Compostela, nun espectáculo que comezará ás oito da tarde. Espectáculo, porque o filme estará acompañado por unha presentación a cargo de Suso de Toro, Xurxo Souto, o escultor Pepe Galán, o profesor Anxo Varela e o deseñador Pepe Barro, que a xeito de programa de radio en directo, explicarán as razóns e o proceso desta acción, acompañado de música en directo e ao son dunha buguina.

"O acto convocouse contra a crise, contra o engano. O naval foi unha das primeiras vítimas, pero agora veñen empresa por empresa, casa por casa, veñen case un por un, por toda a cidadanía"

Aquel 2 de xuño a cidadanía de Ferrol respondeu ao chamamento para pendurar pezas de roupa da reixa de Navantia, a antiga Bazán, dende a Porta de Bazán en Esteiro até a Porta do Arsenal, na Madalena, un quilómetro de "batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas", como se le no manifesto. Unha forma de dicir que a loita do naval son todas as loitas.

"O acto convocouse contra a crise, contra o engano. O naval foi unha das primeiras vítimas, pero agora veñen empresa por empresa, casa por casa, veñen case un por un, por toda a cidadanía", destaca Pepe Barro, un dos principais impulsores da iniciativa. Barro destaca o obxectivo de "ampliar o repertorio mobilizador", de buscar formas novas para as reivindicacións: "trátase de incitar á participación popular, con iniciativas que renoven as formas das nosas mobilizacións. Son tantos os motivos de protesta, de reivindicación, que as formas quedan obsoletas para tanta indignación".

"Parece que Ferrol se vai esvaendo pouco a pouco, como nas películas nas que un personaxe desaparece das fotos"

Barro salienta, igualmente, que a acción foi exitosa e deixou unha forte pegada en Ferrol, pero sinala que non conseguiu o obxectivo de chamar a atención da crise que vive a comarca no resto de Galicia: "Parece que Ferrol se vai esvaendo pouco a pouco, como nas películas nas que un personaxe desaparece das fotos. Foi isto o que nos animou nun comezo a pensar en facer esta acción. Tamén nos atraía esa imaxe visual dos monos pendurados, como animais esfolados, era unha imaxe moi potente. Pero ademais queríamos construír un evento, unha acción, que acadase repercusión fóra de alí. Creo que iso non o conseguimos”. E engade que “desgraciadamente todo o que ocorre en Ferrol é moi difícil que teña repercusión fóra, nos medios de comunicación”.

Pola súa banda, Xosé Bocixa, autor do documental, destaca que estas accións e as imaxes reflicten “a idea de non resignación, de que sempre paga a pena pelexar polas cousas que cres, a filosofía do inconformismo” e sinala, ao igual que Barro, que a pesar de ser "un traballo moi local, simboliza todo o que está pasando”. Bocixa sinala que ten ganas de regresar ao mesmo lugar para rexistrar o efecto do paso do tempo sobre as roupas e farrapos que aínda decoran a reixa. Ese era tamén o obxectivo desta acción artística, unha obra de arte popular, colectiva e efémera, como destacaba en maio Pepe Barro, "esas roupas irán rompendo, perdendo a súa cor, mudando, dando lugar a unha obra nova".

"Aínda non acabaron con nós, aínda non acabaron cos ferroláns. E supoño que os traballadores do naval, con esa experiencia de loita que teñen, non se van render"

O presente de Ferrolterra é difícil, como será o seu futuro? Para o ferrolán Pepe Barro (emigrado noutras cidades, como tantos outros), "a resignación vai chegando, a todos e a todos lados, e supoño que en Ferrol chega máis. Ademais, son como fichas de dominó: cae unha empresa, cae outra, cae o comercio". Pero de igual xeito, destaca que "aínda que a xente non vai a Ferrol, os que van, sorpréndense. É unha cidade viva, hai xente pola rúa, pódese tomar un viño e ás veces alguén canta nas tabernas". E conclúe: "aínda non acabaron con nós, aínda non acabaron cos ferroláns. E supoño que os traballadores do naval, con esa experiencia de loita que teñen, non se van render".

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

En xuño a acción reivindicativa 'Carga de dignidade' pediu traballo para a comarca

Carga de dignidade

O 2 de xuño as reixas de Bazán enchéronse de farrapos. monos e outras pezas de roupa

Carga de dignidade

A acción 'Carga de dignidade', ante os guindastres de Navantia

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Xosé Bocixa, realizando a gravación de 'Carga de dignidade'

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de dignidade

Carga de Dignidade

© Bocixa

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.