0 Gardados para despois

"Coa Renda Básica é coma se desaparecese o exército de parados que condiciona as relacións laborais"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Esta semana rexistrouse no Congreso a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que pide una renda básica universal para toda a cidadanía, impulsada polo Movemento contra o Paro e a Precariedade. Nos vindeiros nove meses debe reunir medio millón de sinaturas en todo o Estado, para ter a opción de poder ser debatida na cámara. A proposta establece "o dereito de toda persoa, polo feito de haber nado, a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas" e fixa esta cantidade no 60% da mediana da distribución dos ingresos por unidade de consumo, é dicir, 645,33 euros mensuais.

Nunha primeira fase, afectaría a todas as persoas domiciliadas no Estado español e inscritas no Servizo Público de Emprego que non teñan cobertura por desemprego nin dispoñan doutros ingresos, ou que estes sexan inferiores a eses 645,33 euros mensuais. Na segunda fase ampliaríase ese dereito ao resto da poboación. A proposta, que vén precedida dunha campaña a nivel de toda a UE para impulsar estas iniciativas ante a Comisión Europea, xa espertou críticas ás súas dificultades de financiamento. Falamos con Bieito Lorenzo Penela, do grupo galego divulgador desta iniciativa.

"Hai un ano, en moitos estados europeos, a palabra Renda Básica non aparecía nin sequera como palabra-chave nos buscadores de internet, e hoxe practicamente todos os países de Europa posúen algunha organización que a impulse"

Como valorades o proceso da Iniciativa de Cidadanía Europea, que se pechou esta semana sen acadar o número de sinaturas esixidas?

O certo é que non se acadou o millón de sinaturas e mesmo ficamos lonxe, con algo menos de 300.000. Porén, consideramos que a campaña foi un éxito. Temos que saber de onde partiamos: Hai un ano, en moitos estados europeos, a palabra Renda Básica non aparecía nin sequera como palabra-chave nos buscadores de internet, e hoxe practicamente todos os países de Europa posúen algunha organización que impulse a Renda Básica. Ás organizacións mencionadas sumáronse partidos ou movementos, cun exemplo moi importante en Bulgaria co apoio do sindicato maioritario. No noso Estado, ás organizacións clásicas (Red-Renda Básica, Baladre e Arenci) sumáronse, ou ampliaron o seu apoio, outras como Espazo ecosocialista, Equo, Anova ou Foro Cívico Somos Maioría... En resumo, estase a construír un importante movemento coordenado en Europa.

De feito, se observamos a evolución dos apoios vemos que a campaña realmente non se iniciou ata abril por falta de medios técnicos (o que motivou que os organizadores pedisen unha prórroga) e o primeiro impulso importante deuse a partir de setembro, cando se organizan os movementos de que falaba, cun final certamente explosivo no último mes, onde creo que se conseguiron máis da terceira parte do total de apoios. Se a campaña tivese unha prórroga o resultado non sería o mesmo.

"Polo cambio tecnolóxico e a imposibilidade de manter un crecemento constante do PIB nun planeta finito, xa non é posíbel o pleno emprego, polo que a Renda Básica non é que sexa positiva, senón necesaria para saírmos desta crise"

Que percorrido credes que vai ter a ILP estatal? O contexto está xa maduro ou a súa importancia ten máis que ver con incrementar o coñecemento e a implicación da cidadanía e os colectivos sociais coa proposta?

Polo que acabo de dicir antes a ILP estatal non se lanza só como unha campaña para dar a coñecer a idea, que certamente é aínda moi necesario. A experiencia da ILP europea fainos pensar que é factíbel conseguir as sinaturas se somos quen de artellar un forte movemento de apoio. Certamente as sinaturas (500.000), o feito de ser en papel e o prazo máis reducido (nove meses) non axudan, pero temos esperanza. Engadiría que non é só esperanza. É necesario conseguilo: A curto prazo, a situación de paro e precariedade está a chegar, se non o fixo xa, a niveis insoportábeis que fan necesaria unha saída xa á crise social. A medio e longo prazo consideramos que, polo cambio tecnolóxico e a imposibilidade de manter un crecemento constante do PIB nun planeta finito, xa non é posíbel o pleno emprego, polo que a Renda Básica non é que sexa positiva, senón necesaria para saírmos desta crise.

Como resumirías, nun minuto, as vantaxes que a renda básica universal tería para a sociedade no seu conxunto?

Inmediatamente supón a fin da miseria e mesmo da pobreza, con todo o que iso representa. Tamén teremos evitado os perigos dunha sociedade que pretende o pleno emprego (a actual) enfrontada á realidade do cambio tecnolóxico que o destrúe sen recambio. E estaremos nunha sociedade capaz de evitar a trampa do crecemento continuo. Pero tamén podo mencionar outros puntos nos que vai influír: unha maior cota de liberdade individual, especialmente para aqueles sectores que hoxe teñen menos, pois con paro e precariedade a liberdade está moi condicionada. E tamén de liberdade colectiva, ao estarmos a vivir nunha sociedade máis igualitaria.

"Vai influír nunha maior cota de liberdade individual, especialmente para aqueles sectores que hoxe teñen menos, pois con paro e precariedade a liberdade está moi condicionada. E tamén de liberdade colectiva, ao estarmos a vivir nunha sociedade máis igualitaria"

Na educación, coido que remataría ou se reduciría a presión social contra o sistema educativo para que forme traballadores (licenciados, obreiros, técnicos...) no canto de formar persoas. A mocidade sería favorecida na busca da súa autonomía, igual que a aqueles sectores de mulleres que seguen a ser dependentes. A caridade, en tanto que tal, desaparecería coa pobreza (manteríase, obviamente, a solidariedade ante situacións de necesidade, cando fose necesario). diminuiría a delincuencia relacionada coa miseria e a pobreza, e sería máis difícil a explotación, o traballo escravo, infantil ou a prostitución.

Sería importante poñer en marcha, de inmediato, a fase previa que se propón, que achegaría unha renda de integración ás persoas en peor situación?

As rendas de integración en tanto que tales xa existen na maioría, senón en todas as comunidades autónomas, se ben con moitas diversidades. Non é igual a RISGA galega que a vasca, en prestacións, condiciónalidade ou graciabilidade. O que se pretende, dende o meu punto de vista, é que a Renda Básica sexa un dereito esixíbel, perdendo ese carácter de graciabilidade, cunhas condicións definidas e obxectivas, non dependentes de opinións duns servizos sociais, por moi ben intencionados que sexan, ou, aínda peor, das dispoñibilidades orzamentarias, e que este dereito estea recoñecido para todos o territorio do Estado, como o que é: un dereito fundamental. En canto a súa necesidade neste momento coido que non hai que se estender moito, dada a situación de paro e precariedade existente.

"Unha porcentaxe entre o 10 e o 15% da poboación máis rica sairía perdendo. Unha porcentaxe similar quedaría nunha situación parecida á actual, e entre un 70 e un 80% da poboación situada nos niveis inferiores de renda dos outros dous grupos sairía gañando coa reforma"

A proposta recibiu xa críticas, a maior parte relacionadas coa súas suposta "inviabilidade" económica. Como se financiaría?

O tema do financiamento é certamente un dos máis polémicos e por onde se realizan os maiores ataques á Renda Básica. O primeiro que debemos entender é que a Renda Básica non pretende ser un novo gasto do Estado, como quen constrúe unha estrada ou un colexio, a partir duns ingresos máis ou menos fixos. Realmente trátase dunha política redistributiva de suma 0, na que o Estado ocupa un mero posto de intermediario (de feito o gasto do Estado en tanto que tal diminuiría, ao non ser necesarias tantas inspeccións). O que hai que comprobar é se factíbel ou non, cal sería o seu custe e quen o soportaría.

A estes efectos, no Estado español o traballo máis fiábel entendo que é o publicado polos membros da redrendabásica, Arcaróns, Raventós e Torrens, tomando como base a comunidade catalá, sendo o máis completo e actual, publicado en Sinpermiso o día 1 de decembro do ano pasado. En resumo, o traballo chega á conclusión de que a gran maioría da poboación resultaría gañadora respecto da situación actual. Unha porcentaxe entre o 10 e o 15% da poboación máis rica sairía perdendo. Unha porcentaxe similar quedaría nunha situación parecida á actual, dependendo da situación dos seus respectivos fogares, e entre un 70 e un 80% da poboación situada nos niveis inferiores de renda dos outros dous grupos sairía gañando coa reforma.

Por certo, hai que sinalar que neste traballo se detectou unha grande bolsa de fraude fiscal, Esta fraude fiscal, situada nos sectores máis favorecidos da sociedade, si vai representar un dos grandes problemas a resolver pola Renda Básica. Hai que aclarar que este estudio demostra con datos a viabilidade da Renda Básica a partir dunha reforma do IRPF, o que non necesariamente ten que ser así. De feito o movemento a prol da Renda Básica é un movemento moi plural, polo que non é de estrañar que haxa múltiples propostas de financiamento, máis ou menos elaboradas.

"Adicionalmente, hai que considerar que o traballo doméstico e o voluntario se realizan de forma gratuíta, de forma non asalariada"

Outras críticas apuntan a que a garantía de contar con estes ingresos levaría a unha sociedade preguiceira, subsidiada ou dependente, con menores estímulos para o progreso persoal. Que opinas destas visións?

O problema real hoxe é que moita xente quere traballar a cambio dun salario e non pode. Por outra banda, a Renda Básica, como o seu nome indica, é básica (645,33 euros). Se queres mellorar no nivel de vida, facer unha viaxe, mercar un iPad..., vas ter que traballar. O que si non aceptarás é calquera condición no traballo. En certo sentido coa Renda Básica é coma se desaparecese o exército de parados que condiciona as actuais relacións laborais entre empregadores e traballadores, que fai que sexan tan desiguais.

Por outra banda, hai enquisas que demostran a distinta percepción que temos sobre esta cuestión cando nos referimos a nós mesmos e a outros. Creo lembrar que o resultado era que o 80 % dos entrevistados pensaban que eles non caerían na vagancia e seguiría traballando. A mesma porcentaxe pensaba que os outros si o farían.

Adicionalmente, hai que considerar que o traballo doméstico e o voluntario se realizan de forma gratuíta, de forma non asalariada. O que si podemos esperar é unha modificación en aspectos importantes do mundo do traballo: Unha revalorización de traballos hoxe mal pagados, un previsíbel aumento dos traballos a tempo parcial ou temporais, un aumento dos incentivos a novos autónomos ao diminuír o risco. A fin da chantaxe do emprego contra poboacións enteiras (Eurovegas, Corcoesto) e mesmo un maior peso dos sindicatos como organizacións de negociación e presión (caixas de resistencia).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.