"As mortes de mulleres son de segunda clase porque somos cidadás de segunda"

Acción da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

"Se ETA matase sete policías en 4 días teríamos especiais informativos as 24 horas. Se son 7 mulleres asasinadas polo machismo, dous minutos e andando". Unha moza galega deitaba esta reflexión en Twitter o pasado xoves, xornada na que #alertafeminista e #7asesinadasen4días tentaban facerse oco entre as novas e chanzas do día. A intención era reflectir nesta rede social a indignación polos reiterados casos de agresións machistas, con ou sen resultado de morte, que non semellan motivo dabondo para que esta violencia estea situada en primeiro termo da axenda pública. E isto, por que acontece?

"Son mortes de segunda clase, porque somos cidadás de segunda clase". Quen ofrece esta explicación ao feito de que a violencia machista aínda sexa tratada de maneira secundaria é Tereixa Dacosta, unha das voceiras da Marcha Mundial das Mulleres en Galicia, quen en conversa con Praza Pública constata que segue sen "pasar nada" cada vez que unha muller é asasinada. "Nós seguimos concentrándonos cada vez que hai un asasinato; onte estivemos en Vigo, antes de onte en Ferrol, hai un mes de novo en Vigo...", relata. A Marcha mobilízase porque "a violencia está aí" e só se "chama a atención" sobre ela "cando hai unha morta". "Pero hai moita máis da que vemos".

Sete mulleres foron vítimas de asasinatos machistas en catro días

"Tamén sufrimos violencia as mulleres que temos parella e non sufrimos maltrato" pola súa parte, sinala Dacosta. "O Estado exerce violencia cando aproba unha lei contra nós, cando recorta ou pecha camas de Xinecoloxía....", exemplifica. A Marcha Mundial, explica, leva "máis de dúas décadas analizando esta situación do mesmo xeito", unha análise que chega á conclusión de que "todo o relacionado coas mulleres está interrelacionado: economía, política..." nun contexto no que o que fica claro é "o que significa" un patriarcado "que non só é malo para as mulleres, porque nos invisibiliza, nos cousifica e nos ningunea", senón que tamén "é malo para os homes, porque tipifica un determinado tipo de masculinidade".

A educación e a política

Se nin sequera sete asasinatos en catro días aguilloan a sociedade para priorizar a loita contra o machismo, cal é a vía para que isto aconteza? Para a Marcha Mundial das Mulleres un dos camiños fundamentais é o da educación, pero "tal e como se segue educando as rapazas e os rapaces, vai ser máis do mesmo", porque "non se están tomando en serio as advertencias que se nos dan". Dacosta considera "demencial" que se "poida xogar con isto" ao tomar medidas como "a eliminación da materia de Educación para a Cidadanía, que se subvencionen colexios que segregan nenos e nenas, o peche dos centros de información afectivo-sexual" ou a "privatización" da dispensación da pílula do día despois. 

"Todo isto vai parello a ningunearnos", salienta Dacosta, que observa no fondo da cuestión o "reforzamento da familia tradicional, fundamentalista e católica". "Trabállase a prol disto, de Rouco Varela e dos seus secuaces, que falan do crime que supón eliminar unha célula pero non abre a boca" ante os casos de violencia machista, "nin agora, nin antes". "Todo é unha trampa", critica, e por iso "agora o que queren é volvernos meter na casa, que sexamos economicamente dependentes, e dende a Marcha Mundial das Mulleres temos moi claro que, de seguir con estes patróns, a violencia de xénero e as mortas van seguir estando aí".

A Marcha Mundial alerta do "reforzamento do fundamentalismo católico" e do "ninguneo" ás mulleres

E, afecta a crise á protección e empoderamento das mulleres? "Esta hipocrisía dános a risa", ironiza. "Que non nos digan que é cuestión de crise, porque temos que pagar a débeda pública, si, pero tamén se están financiando empresas privadas como se fosen públicas" e "financiando os grupos chamados de defensa da muller embarazada, aos que o único que lles preocupa é que ti paras e, despois do nacemento, a criatura queda sen ningunha protección". Mentres, por exemplo, a Xunta recorta un 25% o salario da liberdade "subvenciona eses grupos de mulleres que bordan para as nais que van dar os fillos en adopción", e "a adopción só é un sistema lícito cando a muller o fai de forma libre".

"Estamos ideoloxicamente a anos luz deles, pero este tamén é o noso Goberno", sintetiza Dacosta, que resalta que a Marcha Mundial aínda non foi quen de que o Goberno galego lle "responda" ás súas achegas a normas tan específicas como a Lei de Familia, que só serviu, na súa opinión, para "afortalar o fundamentalismo católico". "Trátannos como un cero á esquerda" e, quizais por iso, as sete mortes en catro días seguen a ser "mortes de segunda clase". 

Concentración contra a violencia machista en Vigo CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.