A ONU comprobará en Galicia como o Estado "non fai nada" para reparar as vítimas do franquismo

Manuel Rivas, Rubén Afonso e Manuel Monge CC-BY-SA M. Pereira

A ONU comprobará in situ en Galicia como o Estado español "segue sen facer nada" para reparar as vítimas do franquismo e para cumprir as recomendacións que as propias Nacións Unidas lle fixeron ao Goberno até en dúas ocasións anteriores. O vindeiro 29 de xaneiro, o colombiano Pablo Greiff, relator especial sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, recibirá en Compostela as asociacións pola recuperación da memoria histórica do país, ademais de represaliados e familiares de vítimas da ditadura, que lle achegarán documentación, relatos e testemuños sobre o nulo apoio que reciben do Executivo.

Pablo Greiff visitará Compostela o vindeiro 29 de xaneiro para se reunir con vítimas, familiares e asociacións pola memoria histórica

"A marca España ten unha mancha de ignonimia", lembrou o escritor Manuel Rivas, que este venres presentou como socio da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña todos os temas sobre os que a asociación leva dez anos traballando e que presentará ao Relator da ONU. Nel inclúense obras que detallan a represión, as persoas desaparecidas e asasinadas ou as fosas existentes na comarca, a permanencia da simboloxía franquista no rueiro da cidade, o incumprimento da Lei da Memoria Histórica, as honras e distincións a altos cargos do franquismo ou o inexistente apoio á querela arxentina contra a ditadura á que o colectivo tamén se uniu a finais de 2013.

Serán só partes dos informes, que se unirán aos que presenten outras asociacións, e que servirán para lle pedir á ONU que "dea un tirón de orellas ao Goberno español" polo seu total "desleixo" á hora de reparar as vítimas do franquismo e de cumprir as recomendacións das propias Nacións Unidas, que instou nas súas dúas anteriores visitas á derrogación da Lei de Amnistía de 1977, á creación dunha Comisión da Verdade sobre a represión franquista ou á colaboración do Estado coas peticións que a xuíza arxentina fixo a raíz do proceso xudicial que se segue no país austral. "Pero nada diso se fixo", destacou Manuel Monge, ex presidente da CRMH.

Os diversos colectivos pediranlle á ONU que "dea un tirón de orellas" ao Goberno polo seu "desleixo" á hora de reparar as vítimas

"A visita deste Relator do ONU é moi importante porque forma parte dun proceso longo no que se inclúen as investigacións que a delegación das Nacións Unidas que investiga as desaparicións forzadas xa levou a cabo no Estado", lembrou Manuel Rivas, que advirte de que xa houbo "cahamdas de atención ao Executivo pola parálise á hora de reparar as vítimas e de aplicar a xustiza e a verdade". "É un problema que queren soterrar pero que non está soterrado; é necesario que o Estado exhume os corpos dos asasinados pola ditadura, pero tamén é necesaria a exhumación das conciencias por parte do Goberno", repetiu o escritor, que cre que a situación "é insostible" e "compromete a democracia española".

"É necesario que o Estado exhume os asasinados, pero tamén é necesaria a exhumación das conciencias por parte do Goberno", di Manuel Rivas

Ademais, Manuel Monge e Rubén Afonso, secretario da CRMH da Coruña, explicaron que entre a documentación que se lle achegará ao Relator da ONU inclúese tamén a última recompilación elaborada pola agrupación sobre o Camarada Fraga e na que se dá conta da participación do ex presidente da Xunta na represión franquista. Tamén lle recordarán ás Nacións Unidas que, malia que un acordo plenario de setembro de 2009 acordaba a eliminación das rúas dedicadas a dirixentes franquistas na cidade, "nada se fixo e ningunha vontade hai de aplicalo". Ante isto, Manuel Rivas instou a cidadanía a ser ela "quen cumpra co deber democrático" de eliminar o rueiro que honra a ditadura.

A CRMH da Coruña denunciará tamén a falta de apoio da administración local á querela arxentina e reclamaralle á ONU que "actúe ante este desleixo". "Xa abonda de pasar por riba das leis internacionais e do respecto aos Dereitos Humanos", asegurou Afonso.

O relator da ONU visitará varias cidades do Estado para logo presentar un informe ao Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas

O relator especial Pablo Greiff iniciou o 21 de xaneiro a súa visita a España cunha entrevista co ministro español de Asuntos Exteriores e Cooperación, José Manuel García-Margallo, e terá en Madrid, Andalucía, Cataluña e Galicia unha serie de entrevistas con asociacións da memoria histórica e con vítimas do franquismo para comprobar se están a adoptarse medidas a favor da memoria histórica, acceso á xustiza e reparación integral das vítimas das graves violacións dos dereitos humanos cometidas durante a Guerra Civil e a ditadura franquista.

Despois desta visita, presentará un informe ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU en setembro de 2014, do que vítimas, familiares de represaliados e asociacións pola recuperación da memoria histórica agardan outro "tirón de orellas" que por fin poña fin á anormalidade democrática que supón que un Estado democrático manteña 150.000 asasinados nas cunetas, non persiga os represores e manteña honras ás principais figuras dunha ditadura fascista.

Manuel Rivas, Rubén Afonso e Manuel Monge CC-BY-SA M. Pereira
Homenaxe aos asasinados e represaliados polo franquismo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.