0 Gardados para despois

A Alianza Social Galega chama a saír á rúa "masivamente" o 27F contra as políticas da dereita

Redacción | @prazapublica

Documentos relacionados

A Alianza Social Galega volve chamar á unidade para manifestarse o vindeiro xoves 27 de febreiro nas principais cidades galegas. A plataforma, creada en outubro de 2012 e que xunta máis de sesenta colectivos, volve saír á rúa Por outra saída da crise, un lema que resume as reivindicacións dunha maioría social que considera que "coas políticas do PP non hai saída á crse" ou haina, pero deixando atrás "unha maioría da cidadanía".

A Alianza Social pide unha resposta "masiva" contra "o empobrecemento e o atraco social"

Os secretarios xerais dos tres principais sindicatos de clase (UGT, CCOO e CIG), acompañados dos líderes de Unións Agrarias e o SLG, prsentaron unha marcha "contra o empobrecemento e contra o atraco social que supón cambiar o marco democrático", tal e como dixo Sánchez Aguión, líder de Comisións en Galicia, que pediu unha resposta "masiva" e unitaria no país. "Non hai indicador ningún que diga que a sitaución está mellorando; senón, que llelo pregunten aos 121.400 persoas que en Galicia non perciben ningún ingreso", denunciou José Antonio Gómez, líder de UXT.

"Os que están a saír da crise son os que a provocaron e os que agora obteñen máis beneficios"

Pola súa banda, Suso Seixo, secretario xeral da CIG, alertou de que "os que están a saír da crise" son precisamente "os que a provocaron" e lembrou que están "obtendo máis beneficios". "Hai que mobilizarse e exixir que estes señores marcen das institucións, que son un niño de corruptelas encabezado por eles; é factible facer outras políticas", recordou. Ao tempo, o responsable de UUAA alertou tamén da situación do rural e asegurou que "sen educación, sen sanidade ou sen servizos sociais é un  heroísmo pedirlle a calquera mozo que inicie un proxecto no agro, aínda que sexa viable".

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, tamén pediu a mobilización da cidadanía para "ter un futuro" no país que, tal e como lembrou, volve saír prexudicado da distribución de fondos da PAC acordada polo ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, coas comunidades autónomas.

A Alianza Social Galega resume as súas reivindicacións nun manifesto de cara ás marchas do día 27. No texto, a plataforma denuncia varias das políticas levadas a cabo pola dereita en Galicia e no Estado. Así, censura o recorte das pensións, os "retrocesos" no ensino público galego, as "agresións" á sanidade pública", a "paralización" da lei de dependencia, a privatización dos servizos públicos ou o "ataque" aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

"Que o descontento e a pelexa teñan unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen a Xunta e o Estado"

Tamén denuncia este manifesto o Estado policial, a reforma da lei hipotecaria, o abandono do rural ou as medidas que dificultan o traballo dos autónomos. A Alianza Social Galega, que agrupa asociacións culturais, en defensa da sanidade pública, do agro, do medio ambiente, de anpas ou da xudicatura, agarda agora "unha resposta masiva". "Que o descontento e a pelexa teñan unha resposta colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os gobernos da Xunta e do Estado español".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.