"Non creo na obxectividade, creo que o xornalismo debe ser subxectivo, sempre que sexa honesto"

Héctor Juanatey Dominio Público Praza Pública

Dajla é unha localidade costeira do Sahara Occidental ocupada dende hai corenta anos, coma o resto do territorio, por Marrocos. Dajla é, ademais, un dos destinos que Rabat máis publicita nas súas guías turísticas, vendéndoo como un paraíso para a práctica do surf ou para realizar tranquilos paseos en barco. "Eu estiven en Dajla, pero noutro Dajla" -conta Héctor Juanatey- "no Dajla dos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf, en Alxeria. Nun Dajla onde todo é area pero nada é praia. Nun Dajla onde durmir en haimas non é tanto unha experiencia turística inesquecible, senón o único lugar onde habitar". Relátao en Dajla. Apuntes desde o Sáhara, outro dos libros editados por Praza e Meubook, e que ao igual que Angrois. O AVE en anacos, de David Reinero, se presentará este xoves na Nave de Vidán, a partir das oito da tarde, no marco da celebración do segundo aniversario de Praza Pública.

Juanatey viaxou en outubro ao Sahara para cubrir informativamente a celebración do Festival Internacional de Cine do Sáhara, e fíxoo grazas a unha campaña de crowdfunding na que a través do seu blog lles ofreceu a medios e lectores enviarlles en exclusiva os textos que alí escribira. Non tivo sorte cos medios, pero a iniciativa xerou un grande interese entre os lectores, que pagaron con creces os custes da viaxe. Naquel momento entrevistamos a Héctor, que dende o Sahara denunciou que "España mirou cara a outro lado cando Marrocos bombardeou con napalm e fósforo branco os saharauís" e describiu unha situación insostible, na que "o ministro de Cooperación da República Árabe Saharaui Democrática admitiu que xa están a recibir presión da xuventude, que lles propuxeron mesmo unha sorte de ultimato: ou o Polisario conseguía xa o referendo para lograr un Sahara libre ou loitarían".

Tamén nos contou o impacto que a viaxe producira nel, a "amabilidade extrema" dos seus habitantes, o feito de que "sempre saúdan, tanto se te coñecen coma se non", e as dificultades crecentes ás que se enfronta a poboación. Crónicas, análises e experiencias que se recollen nas 80 páxinas deste libro, nesta gran reportaxe que agora presenta.

"Estou desexando volver, porque aquilo é tan bestia e estás tan pouco tempo que queres pasar máis tempo alí", conta e sinala que "a min axudoume a relativizar as cousas"

Hector Juanatey regresará a finais de abril ao Sahara, coincidindo cunha nova edición do Festival Internacional de Cinema. "Estou desexando volver, porque aquilo é tan bestia e estás tan pouco tempo que queres pasar máis tempo alí", conta e sinala que "a min axudoume a relativizar as cousas, decátaste de que moitas das cousas que estamos vivindo aquí non son nada en comparación cos corenta anos de sufrimento de moitas persoas nos campamentos, sen esperanzas de mellora".

 

O valor da información

"Aproveito que non estou nunha redacción para ir aos sitios aos que antes non podía ir"

"Estes días descubrín que se alguén quere informar, ten que moverse e non pensar tanto en redaccións", contaba tamén naquela primeira entrevista, unha reflexión que mantén e que mesmo acrecentou nos últimos meses, traballando como freelance para distintos medios, e relatando en directo, no lugar dos feitos, conflitos coma o do barrio de Gamonal, facendo virtude da necesidade: "Aproveito que non estou nunha redacción para ir aos sitios aos que antes non podía ir. Antes, por exemplo, con cousas coma o que pasou en Ceuta ou en Gamonal, preguntaba: 'Hai alguén aí? Vai ir alguén?', e a maior parte das veces non estaba ninguén sobre o terreo e mesmo estes días vexo que as informacións sobre estes temas se asinan dende Madrid, pero os medios nos que estaba tampouco enviaban a ninguén".

Juanatey conta que "agora, xa que non estou traballando en ningún medio, cando vexo un tema que me interesa vou ata alí, sempre e cando poida venderlles estas informacións a algún medio e que me saia rendible, porque teño que vivir do meu traballo. Polo de agora a cousa vaime ben, os medios van contratando os meus temas e vexo que as novas espertan interese e funcionan". 

"Sempre conto a anécdota de que cheguei ao punto de que cubría dende unha redacción en Madrid por streaming escraches que estaban sucedendo en Madrid"

O xornalista critica neste senso que os medios non fagan un esforzo maior por tratar a información en profundidade: "Dende logo, o tema non é económico, porque eu estiven varios días en Burgos e non era caro ter un periodista alí. E paga a pena, porque a información non vai ser a mesma. Sempre conto a anécdota de que cheguei ao punto de que cubría dende unha redacción en Madrid por streaming escraches que estaban sucedendo en Madrid". "Creo que se perdeu un pouco a perspectiva" -sinala- "Se nunha redacción somos poucos, haberá que optar por tratar menos temas, pero por tratalos ben, en profundidade. É máis honesto e funciona mellor. Mellor iso que tratar moitos temas e facelo mal, ou facelo da mesma maneira que o fan todos os outros medios".

Nos últimos días Juanatey regresou a Gamonal, para completar unha reportaxe que publicará no número catro de Luzes, "iso permitiume falar con calma coa xente, sen as présas do día a día. Iso era algo que antes non podía facer". Un tema que, destaca, non chegou ás portadas dos medios da noite para a mañá: "Levaban cinco meses protestando por ese bulevar. Queimar contedores serve? Pois parece que si que serve, porque neste caso, se non chega ser por uns contedores queimados, as protestas non terían sido noticia e non se terían detido as obras".

"Queimar contedores serve? Pois parece que si que serve, porque neste caso, se non chega ser por uns contedores queimados, as protestas non terían sido noticia e non se terían detido as obras"

Está convencido de que "ten que haber redaccións, pero a xente non ten que estar pechada nelas", do mesmo xeito que non cre "que os xornais en papel perdesen sentido", pero si que "non ten moito sentido que che estean contando novas que liches na rede en todos os medios o día anterior ás catro da tarde".

 

Un xornalismo honesto e cun compromiso cos lectores

É posible a existencia de medios de comunicación profesionais, elaborados por un grupo de xornalistas que poidan vivir do seu traballo e que, ademais, non dependa de grandes poderes económicos, de grandes anunciantes ou da administración? "Un modelo podería ser La Marea, unha cooperativa de xornalistas, con moitas persoas que saíron de Público" -destaca Juanatey- "Eles teñen un código ético que rexeita a publicidade de grandes empresas. E recoñecen que é moi complicado sobrevivir así, pero polo de agora seguen aí. E iso ao final depende dos lectores. Se nós realmente queremos medios que non dependan dos intereses da publicidade, temos que pagar por eles, temos que subscribirnos, temos que pagar por ese xornalismo. Doutro xeito, estes medios que queren vivir á marxe dos poderes económicos desaparecen". 

"Eu non creo na obxectividade, creo que o xornalismo debe ser subxectivo, sempre que sexa honesto" -explica- "Eu estaba en Gamonal como xornalista, pero parecíame loable a loita dos veciños"

Medios construídos dende abaixo, en cooperación cos lectores e cun compromiso de independencia e honestidade. "Eu non creo na obxectividade, creo que o xornalismo debe ser subxectivo, sempre que sexa honesto" -explica- "Eu estaba en Gamonal como xornalista, pero parecíame loable a loita dos veciños. Non facía reportaxes apoiando as obras nin os empresarios corruptos, senón apoiando os veciños". E recuperando a confianza da cidadanía no xornalismo e nos xornalistas: "A xente desconfiaba moito dos medios e seguramente con razón, porque tanto o Diario de Burgos coma a televisión autonómica dependían de Méndez Pozo e El Correo de Burgos non é precisamente un xornal de esquerdas. Unha vez que empecei a enviar as reportaxes en Público, os veciños xa me recibían doutro xeito, cando sabían para que medio escribía". O xornalismo como resultado dun pacto ético, como relato honesto dos feitos.

Vista dende o hospital de Dajla © Héctor Juanatey
Héctor Juanatey, no Sahara © Héctor Juanatey

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.