O Xabarín Club agora dá a 'bienvenida'

Libros recibidos pola nova socia do club CC-BY-SA Praza Pública

A Compañía de Radio Televisión de Galicia naceu a mediados da década dos 80 do pasado século coa misión fundamental, encomendada por lei, da "promoción, difusión e impulso da lingua galega". En 2011 o Parlamento actualizou o marco legal dos medios públicos de comunicación cunha nova normativa que aínda se está a implantar e na que, de novo, se establece que o obxectivo esencial da Radio Galega e da Televisión de Galicia é a "promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia".

Un dos espazos televisivos que, ao longo da historia da TVG, respondeu mellor aos principios fundacionais da compañía foi o Xabarín Club, o contedor de contidos infantís que dende 1994 estendeu o uso do galego entre nenos e nenas mediante series e cancións, chegando a ámbitos tan complicados como as grandes cidades. O Xabarín, agora relegado á segunda canle da Galega e con menos popularidade que noutrora, semella relaxar os seus plans de promoción da lingua.

A CRTVG ten o mandato legal do "impulso da lingua galega"

Mentres a única revista infantil de banda deseñada en galego centrada, precisamente, no personaxe do Xabarín loita pola súa supervivencia un pai galego vén de atoparse cunha desagradable sorpresa ao coñecer o agasallo co que o club televisivo lle deu á súa filla unha benvida que máis ben é unha bienvenida. Lonxe dos tempos nos que o público do Xabarín se incorporaba ao club recibindo unha camisola do porco bravo, un disco ou un libro en galego esta nova socia tivo como presente dous volumes da editorial Edebé editados en castelán. Trátase, concretamente, Mundo submarino en 3D, la magia de la tercera dimensión e Estudio de animación.

O club televisivo recibiu unha nova socia con dous libros en castelán

Este sorprendente cambio de rumbo, prodúcese mentres a CRTVG recomenda, a través da propia web do Xabarín, un bo número de libros infantís en galego recomendados por Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Mentres, o pai da nena xa se dirixiu formalmente á canle pública para reclamar explicacións cunha mestura de indignación e retranca. "O Xabarín fala galego, vive en galego e está comprometido coa nosa lingua dende as pezuñas até as orellas, por fuciños e por cacheiras", lémbralles aos responsables da TVG, antes de atribuírlle dous posibles explicacións ao agasallo: ou "teñen secuestrado a Xabarín e usurparon a súa identidade" ou os seus responsables actuais "están a servir como axentes desgaleguizadores", actitude que cómpre "rectificar".

Imaxe orixinal do Xabarín, creada por Miguelanxo Prado © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.