0 Gardados para despois

"Privatízanse prazas, sementes, coñecementos... Iso é o que une estas loitas"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"A tentativa de control social, a través da produción de subxectividade a escala planetaria, choca con factores e procesos de resistencia considerables, unha revolución molecular" (Guattari). Microrresistencias, traballo comunitario, loitas micro que unidas, conscientes das súas semellanzas adquiren unha dimensión e unha forza maior. O Monte é Noso organiza este sábado en Vigo o Encontro Comúns Situados, no que responsables de cinco comunidades de montes poñerán en común a súa experiencia de traballo, e no que os promotores de O Monte é Noso achegarán as súas ferramentas de traballo en rede e de aproveitamento das novas tecnoloxías. Co obxectivo de demostrar que a loita pola defensa dos comúns, do procomún, é a mesma, fágase nun monte veciñal ou na rede, e coa finalidade de aprenderen unhas das outras.

O encontro desenvolverase, pola mañá, no museo MARCO, que acolle a instalación Xeografías do mancomún, que forma parte da exposición Veraneantes. Alí, Fran Quiroga presentará o libro Montes Vacas e Procomún, do que é coordinador, para a seguir ser o momento das postas en común das experiencias das comunidades de montes, a cargo de Rosa Figueroa (Valadares), José Antonio Diéguez (Argozón), José Manuel Bretón (Irixoa), Camilo Fernández (Guillade) e Santiago Barciela (Cabral). Ao mediodía haberá un xantar popular en Valadares, que será seguido por un roteiro polo monte comunal desta parroquia. O encontro rematará nas instalacións do Alg-a Lab, que acollerán unha foliada.

O colectivo busca "abrir os comúns a debate" e traballar pola "conexión destas microrresistencias e a activación de redes de apoio entre elas, así coma a creación de espazos de enunciación colectiva que dan conta delas"

Dende O Monte é Noso destacan que "a procura de espazos de enunciación dos coñecementos locais sobre os comúns é unha tarefa prometedora e urxente". E citando a Arturo Escobar sinalan que "o coñecemento local é un modo de conciencia baseado no lugar, unha maneira lugar-específica de outorgarlle sentido ao mundo". Nesta liña, un dos obxectivos prioritarios é "achegarnos, documentar esta realidades, visibilizalas e poñer en relación estes coñecementos con outras manifestacións dos comúns". O colectivo busca "abrir os comúns a debate" e traballar pola "conexión destas microrresistencias e a activación de redes de apoio entre elas, así coma a creación de espazos de enunciación colectiva que dan conta delas". Falamos cos seus responsables.

Analizando o camiño percorrido nos últimos anos, podemos dicir que se vai avanzando nese recoñecemento recíproco duns e doutros procesos de defensa dos comúns, na conexión desas resistencias?

Hai moito feito, grazas en parte ás posibilidades que as redes facilitan na conexión destas resistencias ou existencias, mais cómpre establecer pontes entre o rural e o urbano e recoñecérmonos entre todas aquelas que ocupamos posicións subalternas no sistema, moitas veces compártense loitas comúns, pero non se usan linguaxes compartidas. Tamén hai que ser conscientes de que en moitas ocasións estas loitas son moi micro, moi situadas nun contexto, moi hiperlocais e que alén desa comunicación máis global que ha de existir, hai que resituar estas resistencias nestes espazos máis concretos, polo que é preciso enfatizar a diversidade e traballar os comúns como dispersos e variados.

"Os comúns non só son facedores de futuros, senón que tamén son facedores de posibilidades. É posible, as comunidades son quen de xestionar e ter a propiedade dun ben de forma comunitaria"

Que temos que aprender do funcionamento das comunidades de montes?

Pois primeiro de todo que os comúns non só son facedores de futuros, senón que tamén son facedores de posibilidades. É posible, as comunidades son quen de xestionar e ter a propiedade dun ben de forma comunitaria. Hai política máis alá do sistema partidista. E as persoas somos quen de ser autorresponsables nas tomas de decisións, como se pode ver nos casos dos montes veciñais en man común. Tamén existen unha serie de dinámicas de resistencia e loita ante esa idea de progreso, hai unha serie de microresistencias máis relacionadas co cotián que son agochadas por non encaixar na clásica definición de mobilización social, mais existen.

Así mesmo, hai toda unha rede de afectos e coidados nestas comunidades. Mais moitas veces están até invisibilizados nestas comunidades. Nunha ocasión preguntabámoslle a unha comuneira se había outras formas de traballar os comúns nesa comunidade, e dicíanos que non, e avisábanos de que tiña que marchar, xa que tiña que ir xunto a unha veciña que tiña unha doenza. Aí está esa rede de afectos, Aí está ese apoio mutuo, esa comunidade, só que de xeito informal. É unha cuestión fundamental, existen outras economías, outras formas de intercambio de bens máis alá das reguladas polo Estado ou da capitalista, mais estas outras economías son as que van ser acaparadas polo sistema debido a súa necesidade de buscar eses ocos que aínda quedan por mercantilizar, polo que a súa defensa é prioritaria.

"Existen outras economías, outras formas de intercambio de bens máis alá das reguladas polo Estado ou da capitalista, mais estas outras economías son as que van ser acaparadas polo sistema debido a súa necesidade de buscar eses ocos que aínda quedan por mercantilizar"

Que ferramentas e coñecementos máis ligados ás novas tecnoloxías e ao estudo das redes poden aproveitar eles?

As novas tecnoloxías abren un abano incrible de posibilidades de conexión entre estas comunidades, facilitan tanto a comunicación de forma intracomunidades coma co resto, permiten establecer conexións con outras comunidades que comparten as mesmas problématicas, abrindo así espazos de diálogo e acción. En moitas das eivas que recoñecen comuneiras e comuneiros cos que falamos e que se senten sós nese traballo nestas comunidades, a administración na maioría dos casos non axuda, todo o contrario, polo que crear redes descentralizadas e confederadas pode axudar na reversión desta situación. Estas formas de traballo en rede axudan a non traballar de forma isolada. Ademais, estas novas tecnoloxías permiten impulsar a transparencia de datos e abrir aínda máis a xestión á comunidade e aos que non formamos parte dela; desta maneira contribuirase a atallar prácticas caciquís que están moi presentes, hai que lembrar que as asimetrías de poder existen e que os tentáculos do poder están aí.

"Hai unha perda constante de soberanías, tanto nas decisións sobre os nosos corpos, sobre as nosas sexualidades, sobre a forma de usar espazos públicos,... e é o que cómpre mudar"

Cabral, Sarria, Gamonal, Panadeiras, Taksim, Ferrol Vello... (por citar só algúns). A defensa do espazo físico público é o núcleo das loitas polo control social hoxendía, ou cando menos o fío que une as microrresistencias?

Non é tanto a defensa dun espazo público físico en si senón máis ben é unha loita pola recuperación de espazos comúns, é unha loita pola reapropiación dos nosos comúns. É dicir, hai unha perda constante de soberanías, tanto nas decisións sobre os nosos corpos, sobre as nosas sexualidades, sobre a forma de usar espazos públicos,... e é o que cómpre mudar. Estas protestas comparten dalgunha maneira unha loita en contra da mercantilización dos comúns, privatízanse prazas, sementes, coñecementos..., e iso é o que une estas loitas, reverter esa acumulación por desposesión da que fala Harvey.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.