Veciñanza da Pobra loita para frear unha gasolineira sobre o mar que avala a Xunta

Vista do porto da Pobra, coa parcela da gasolineira superposta no mar CC-BY-SA Praza Pública

Ao carón hai unha marquesina do transporte escolar, pistas deportivas públicas, un club de remo, un parque infantil, unha estación e unha morea de vivendas e locais comerciais e de hostalería. E por baixo, o mar. Este foi o marco escollido pola Xunta, a través de Portos de Galicia, para instalar unha gasolineira na Covecha, un núcleo de poboación do centro da Pobra do Caramiñal. A operación ten o beneplácito do Concello que dirixe Isaac Maceiras (PP), baixo cuxo mandato o mar xa perdeu uns 10.000 metros cadrados na vila no ano 2001 como consecuencia da construción dun recheo para aparcar coches e autobuses turísticos. Mentres, a veciñanza tenta impedilo.

Un dos primeiros anuncios desta construción remóntase a 2010, cando a apenas medio ano das eleccións municipais o daquela presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana, anunciaba diversos investimentos na vila, entre os que figuraban 500.000 euros para un novo recheo de 1.500 cadrados, dos que a metade serían destinados a un "surtidor de combustible" que, anunciaba, poderían utilizar embarcacións e automóbiles, tanto do porto como de "persoal alleo ás instalacións". As obras, aseguraba, estarían rematadas a finais de 2012.

O Concello gañoulle 10.000 metros cadrados ao mar en 2001 para aparcar coches

Neste contexto, cando só faltaba un mes para os comicios, en abril, Portos iniciaba os trámites para a concesión administrativa da agora polémica gasolineira. O proceso finalizaba en agosto do mesmo ano e o agraciado coa concesión foi Juan Alberto del Río Vázquez, un dos dous administradores da empresa Estación de Servicios Puebla do Caramiñal. As outras dúas compañías que concorreran ao concurso foran excluídas por non presentar toda a documentación que lles fora requirida. 

No Valedor e no Parlamento

Todo este procedemento e, sobre todo, a concesión da licenza municipal é un dos puntos sobre os que chama a atención a veciñanza contraria á obra, que xa recolleu unhas 700 reclamacións formais neste Concello de apenas 9.700 habitantes, as cales, din, "falan claramente dun rexeitamento maioritario da poboación máis cercana". O Concello, din, afirma que consultou a veciñanza afectada pero "actuou cunha total discrecionalidade e só solicitou conformidade a un grupo moi reducido de persoas, "aos seus", obviando á maioría dos veciños e veciñas". Ademais, subliñan, o prego de condicións de Portos di "claramente que a concesión se destinará exclusivamente" a uso portuario, pero as condicións finais "incumpren descadaramente" esta formulación.

A veciñanza asegura que o Concello "só informou aos seus"

Estes e outros argumentos foron os que unha delegación veciñal lle trasladou recentemente ao Valedor do Pobo, que xa tramita a queixa. Mentres, AGE e BNG trasladaron ao Parlamento a petición de que a gasolineira sexa trasladada a un emprazamento máis acorde coas preferencias veciñais e tamén máis seguro dende o punto de vista da natureza xa que, afirma a nacionalista Ana Pontón, a obra está sustentada nun "informe ambiental falseado" para permitir colocar a gasolineira nunha zona sensible. "Con este proceder poden incorrer nun delito", advirte.

A resposta da Xunta

Mentres as obras seguen adiante e os veciños e veciñas senten que o Concello "lles toma o pelo" -o propio alcalde prometeu diálogo en datas recentes- a Xunta vén de manifestar, a través dunha resposta parlamentaria escrita, o seu inamovible apoio ao proxecto. Portos, defende a Consellería do Mar, tramitou o expediente "en base á lexislación vixente e mantendo un diálogo aberto de forma constante co sector, o Concello e os operadores", di, obviando a veciñanza nun documento no que mantén que "só se presentou unha empresa" ao concurso, aínda que en realidade foron tres.

Portos négase a frear o proxecto porque tería que "indemnizar" o empresario

"Na tramitación do procedemento cumpriuse co trámite de información pública, que se pechou sen ningunha incidencia" e a Consellería de Medio Ambiente, afirma, considerou que "non era necesario o trámite de estudo de impacto ambiental". De forma "paralela ao inicio das protestas públicas", relata o Goberno, "o Concello solicitou unha modificación de accesos, que foi aceptada conlevando un segundo replanteo da obra", que "rematou en novembro", polo que a empresa "pode e debe iniciar xa as obras". Malia ás protestas Portos non prevé mover unha coma do seu proxecto porque "noutro caso, enfrontraríase á carga, como mínimo, dunha indemnización". Mentres, a veciñanza protesta e o mar sofre, obviamente, en silencio.

Cartaz contra a gasolineira nunha vivenda da zona CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.