Edgewater non se rende e teima no proxecto mineiro de Corcoesto

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Carballo © Salvemos Cabana

Mineira de Corcoesto, filial da multinacional Edgewater, non se rende e seguirá intentando sacar adiante o proxecto mineiro na comarca de Bergantiños que a Xunta vén de denegar de vez. Case medio ano despois de que o Goberno galego anunciase a suspensión da polémica mina e logo de meses de presión cidadá contra as intencións da empresa, a Administración galega paralizou definitivamente a iniciativaa. Así llo comunicou a Dirección Xeral de Enerxía e Minas a un dos denunciantes da iniciativa da multinacional.

A multinacional segue a buscar investidores e pretende levar a Xunta ante a Xustiza para recorrer a denegación

Pero a multinacional seguirá adiante. Continúa á procura de investidores que poñan fin á insuficiencia financeira á que aludiu á Xunta para lle negar o permiso e pretende tamén levar o Goberno galego ante a Xustiza para recorrer esta denegación. A empresa entende, ademais, que a declaración de impacto ambiental (DIA) aprobada -e nunca denegada- por parte da Administación ten unha vixencia aínda de cinco anos, polo que de arranxar os problemas económicos, Edgewater entende que ten todo o dereito a seguir adiante co proxecto mineiro.

Non obstante, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños cre que a devandita Declaración de Impacto Ambiental (DIA) queda agora sen efecto, xa que varios expertos e mesmo o Valedor do Pobo entenden que esta declaración "estaba ligada ao proxecto", polo que se quere levar a cabo o proxecto terá que "empezar de cero".

Edgewater entende que a DIA segue vixente cinco anos, pero os colectivos contrarios á mina cren que só está vinculada ao proxecto denegado

O colectivo contrario á min advirte de que a empresa "xa está intentando" presentar outro plan mineiro que cumpra cos requirimentos exixidos. "Esta iniciativa está paralizada de todo, pero mentres siga habendo ouro en Corcoesto, por moi pequena que sexa a cantidade, as multinacionais vano seguir intentando, así que temos que estar en alerta e vixilantes", engade.

O proxecto de Edgwater contemplaba unha mina a ceo aberto de 95 metros de profundidade sobre o nivel do mar e ata 300 sobre o terreo para extraer uns 1,6 gramos de ouro por tonelada de rochas. Consumiría 128 quilogramos de cianuro e xeraría 4.000 toneladas de residuos que destaparían 250 quilos de arsénico por cada quilo deste material precioso. Un proxecto que ocuparía 800 hectáreas, pero que podería estenderse a case 90 quilómetros cadrados á vista dos permisos solicitados por Edgewater á Xunta.

Imaxe de Edgewater en Corcoesto © Edgewater

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.