0 Gardados para despois

Edgewater negocia xa cun socio que relance a mina de Corcoesto

Redacción | @prazapublica

Advertiuno o alcalde de Cabana de Bergantiños e veno de confirmar Edgewater. A multinacional canadense está a buscar financiamento para relanzar o proxecto mineiro que a Xunta confirmou que paralizara definitivamente o pasado 11 de marzo. Nun comunicado aos seus accionistas, a compañía aclara que "traballa con dilixencia para atopar o mellor socio" para a mina a ceo aberto de Corcoesto e advirte de que "as negociacións seguen adiante cun socio particular" que cre que é o máis conveniente para continuar coa iniciativa empresarial.

Edgewater "traballa con dilixencia para atopar o mellor socio" que lle permita relanzar a mina de Corcoesto

Edgewater asegura que se estás negociacións chegan a bo porto, este "socio estratéxico" -posiblemente unha empresa de construción civil- traería beneficios para a compañía e para os seus accionistas "e satisfaría os criterios impostos polo Goberno de Galicia para permitir o proxecto". José Muiño, rexedor de Cabana de Bergantiños, concello onde se ubicaría a mina, aclarou nunha entrevista esta mesma semana que había empresas dispostas a "ser o apoio económico" que permitise á multinacional arranxar os problemas financeiros que lle impediron contar co visto e prace da Xunta para o proxecto mineiro.

A empresa di estar "firmemente convencida" de que seguirá adiante co proxecto mineiro e lembra que a DIA segue vixente

George Salami, presidente de Edgewater, insiste no comunicado que a empresa "está firmememente convencida" de seguir adiante co proxecto mineiro que foi rexeitado masivamente pola cidadanía, a oposición e numerosos colectivos sociais e veciñais. Pero o socio co que negocia a multinacional tería "unha forte infraestrutura", así como "experiencia en moitas outras industrias". Ademais, tería acreditada a súa solvencia económica e técnica, segundo advirte o dirixente da firma mineira.

Edgewater lembra que "historicamente" gozou do "apoio e a aprobación" de todo tipo de administracións e lembra que "logo de recentes consultas co Goberno", foilles confirmado que a declaración de impacto ambiental (DIA) "ten validez durante cinco anos, ata decembro de 2017". Non obstante, a plataforma Salvemos Cabana segue agardando unha resposta do Valedor do Pobo, ao que recorreu para coñecer se a cancelación do proxecto implica tamén a anulación da autorización medioambiental e se, polo tanto, obrigaría a calquera outro proxecto a empezar de cero.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.