As Marchas do 22-M que encherán Madrid de rebeldía... e de antidisturbios

Unha das participantes nas Marchas da Dignidade CC-BY-SA Olga Rodríguez

Coinciden todas as organizacións convocantes. As Marchas da Dignidade que o vindeiro sábado confluirán en Madrid desde diversos territorios do Estado están a ser "silenciadas" polos grandes medios, malia que as previsións apuntan a unha importante asistencia a esta masiva manifestación en protesta "polas políticas antiobreiras da UE, da troika e do Goberno español" e para reclamar "pan, teito e traballo para todos".  Convocadas por sindicatos denominados "alternativos" e por unha morea de organizacións sociais, o certo é que as columnas que aterrarán desde numerosas autonomías -algunhas delas levan semanas camiñando- están a espertar o temor da Policía, que prepara un dispositivo de seguridade récord.

Haberá un dispositivo policial récord, cuns 1.700 axentes antidisturbios despregados por Madrid

Prepárase un gran dispositivo policial para recibir as Marchas. En total, serán mobilizados arredor de 1.700 axentes antidisturbios, unha cifra que supera enormes despregamentos como o activado para blindar o Congreso o 25 de setembro de 2012 ou en manifestacións posteriores, segundo fontes policiais.

A causa da mobilización deste dispositivo policial, uns 33 grupos da Unidade de Intervención Policial (UIP) responde ao temor da Policía a que grupos violentos intenten dominar a protesta e provoquen disturbios durante ou ao final da marcha que percorrerá o centro de Madrid, despois de que se agrupen todas as columnas. Non obstante, e a diferenza doutras manifestacións, os convocantes xa comunicaron á Delegación do Goberno o percorrido, desde Atocha até a praza de Colón.

O Goberno teme accións violentas e que manifestantes intenten continuar a protesta con acampadas en Madrid

Axentes de información cren ter detectado incitacións á violencia en internet, malia que a protesta convocouse cunha vocación claramente pacífica, e temen tamén que haxa manifestantes que opten por acampar nas rúas de Madrid, a pesar de que os convocantes non o teñen previsto. Por iso, fontes da Delegación do Goberno advirten xa que a lei non permite acampada reivindicativa ningunha e que a Policía -que non se atreve a dar unha previsión de afluencia- "non as vai permitir".

Desde Galicia, máis de 2.000 persoas, segundo os organizadores, formarán a columna galega das Marchas da Dignidade que chegará á capital de España en dous trens e uns dez autobuses, ademais de en numerosos coches particulares. Organizados ao redor da Plataforma Galega de Apoio ás Marchas da Dignidade, foron os sindicatos autodenominados "alternativos" -CUT, CGT, Sindicato Ferroviario, Sindicato da Elevación, SLG e STEG- os que acordaron pór en marcha hai xa máis dun mes o colectivo de apoio á manifestación do 22-M e elaboraron un manifesto propio para o país. Coas prazas dos dous ferrocarrís -un que sae da Coruña e outro de Pontevedra e que fan paradas en diversas localidades e para os que xa hai horarios- esgotadas desde hai días, os impulsores da protesta seguen a encher autocares que sairán tamén desde diversos puntos da xeografía galega.

Galicia achegará 2.000 manifestantes que chegarán a Madrid en dous trens, dez autocares e coches particulares

A Marcha da Dignidade galega pide que se restitúa ao pobo "dos millóns entregados ao poder financeiro, a derrogación da lexislación laboral e das pensións actuais e a reversión das medidas destrutoras dos servizos públicos". Ademais, reclama "contratos fixos e salarios suficientes, a redución da semana laboral a 30  horas para que todos e todas poidan traballar e a fixación de salarios e pensións mínimos suficientes". Do mesmo xeito, solicitan "a incautación das empresas de sectores esenciais para as vidas como a enerxía ou a auga" e o dereito á vivenda digna e ao aborto libre e gratuíto. Por último, agardan a "retirada" da lei mordaza e a "promulgación de políticas racionais para a agricultura e o medio ambiente".

Xina Vega, novelista, e profesora de Universidade no CUVI, será a voceira da columna galega no acto de peche, mentres que Miguel Quinteiro, coñecido activista social comprometido co 15M, a acompañaraa na cabeceira da pancarta en representación do país xunto a un representante da CUT como unha das nove organizacions pioneiras da protesta a nivel estatal. Os milleiros de galegos xuntaranse ás 14 do serán na praza de Castilla de Madrid.

"A rebelión popular non remata, senón que comeza este 22 de marzo en Madrid"

 

"A rebelión comeza o 22-M"

"A rebelión popular non remata, senón que comeza este 22 de marzo en Madrid", aseguran desde a plataforma galega. Manuel Caamaño, secretario xeral da CUT e un dos organizadores das Marchas galegas, cre que a mobilización deste sábado "abre unha liña divisoria entre os que apostamos por derrubar o estado das cousas e os que non". "Hai que pasar á acción e deixarse de discursos. Todos estamos en contra de moitas cousas pero non facemos nada", di. El sairá desde o sur de Galicia. Desde o norte, entre outros moitos, farao Héctor Tejón, activista social e voceiro de Stop Desafiuzamentos da Coruña, que repara na "invisibilización" da protesta. "A ameaza sempre adoita ocultarse e o que tratan é de facer invisible algo que está tocando temas sensíbeis deste sistema", asegura mentres prepara a súa viaxe a Madrid.

"Agárdase moita xente e esperamos demostrar que se pode facer unha protesta coordinada e diferencial para protestar contra toda esta barbarie que nos afecta", insiste quen confía en que as Marchas "non queden en algo simbólico". "Deben ser o inicio de algo que vai máis aló; non sei se será o xermolo dun proceso revolucionario, pero si dun proceso de cambio", insiste Teijón, que destaca que xente tan diversa e chegada de tan diversas zonas "poida organizarse" para loitar "contra o que todos, por igual, padecemos".

"O 22-M debe ser o incio de algo que vai máis aló, o xermolo dun proceso de cambio"

"Ao final, a loita dun xornaleiro andaluz é a mesma cá dun labrego galego", engade o activista, que cre tamén que a coordinación do 22-M entre diferentes e variados movementos sociais e sindicais galegos "fortalecerá as dinámicas de grupo en Galicia para artellar algo máis". "É unha protesta que transcende o marco España-Galicia e moitos partidos ou colectivos arredistas do Estado están a apoiar este levantamento popular", di en referencia ás CUP ou aos sindicatos vascos LAB e ELA, que tamén apoian a iniciativa. "É unha mágoa que neste país non nos unamos todos por unhas minucias diferenciais", engade en alusión á negativa da CIG ou do BNG a apoiar as Marchas.

En Galicia, foron os sindicatos autodenominados "alternativos" -CUT, CGT, Sindicato Ferroviario, Sindicato da Elevación, SLG e STEG- os que acordaron pór en marcha a columna galega do 22-M, que foi apoiada tamén por colectivos xurdidos do 15-M, Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico ou numerosos movementos sociais, ademais de Anova, EU, FPG ou Espazo Ecosocialista. No conxunto do Estado, entre os convocantes e apoios atópanse Izquierda Anticapitalista, Izquierda Castellana, Red Roja, varios colectivos do 15M, o SAT andaluz, a CUP, Endavant, LAB ou ELA.

Apoio ás Marchas da Dignidade en Compostela © Plataforma de apoio ás Marchas da Dignidade
A Columna do Mediterráneo no seu camiño cara a Madrid CC-BY-SA Olga Rodríguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.