Gústame o galego, como cho digo!

Imaxe da campaña CC-BY-SA CTNL

Milleiros de persoas dixeron nos últimos dous anos "gústame o galego!". Co impulso da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CNTL), esta campaña foi -e está a ser- un dos maiores éxitos na aposta pública polo uso normal da lingua propia de Galicia dos últimos tempos. Cando aínda seguen a recolleitar parabéns e recoñecementos públicos pola iniciativa, caso por exemplo do premio Xoán Manuel Pintos, a CTNL está xa inmersa nun  novo proxecto, que se dará a coñecer este martes en Compostela.

A Coordinadora mantén o suspense sobre o contido concreto da nova iniciativa da que, non obstante, xa ofrecen algúns datos, a comezar polo nome: Como cho digo, lema que acompañan cunha chiscadela gráfica que dá a idea de que o ton será moi semellante á anterior acción normalizadora. Despois de que Gústame o galego fose apoiada por multitude de persoas anónimas e coñecidas desta volta a CTNL arrodéase, xa de inicio, por multitude de rostros coñecidos co obxectivo de pular pola "visibilización" do uso do galego.

O obxectivo da nova campaña é "visibilizar" o uso normal do idioma

Luís Davila, Fernando Vázquez, Moncho Fernández, Sés, Verónica Boquete, Pilar Neira, Manuel Bragado, Ezequiel Mosquera, Yolanda Castaño, Luís Villares ou María Mera son algunhas das persoas que, procedentes de multitude de ámbitos sociais e profesionais, apoian esta campaña. Para saír de dúbidas a CTNL convoca un acto público o devandito día 25, ás oito da tarde no Espazo Cultural da compostelá Nave de Vidán. Alí, adiantan, "intervirán diversas persoas participantes na campaña", acompañadas da música de Uxía Senlle e Najla Shami. A conta atrás está a piques de rematar.

Logotipo da campaña CC-BY-SA CTNL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.