0 Gardados para despois

“O 22M non acaba aquí; isto só é o comezo”

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


“Un éxito”. O balance dos participantes nas multitudinarias Marchas da Dignidade que o pasado sábado asolagaron Madrid coinciden na análise. Tamén cando advirten de que este 22M “non acaba aquí”, senón que “só é o comezo” de algo moito máis importante, dunha mobilización constante que debera traer consigo “o gran salto”, a forza cidadá para o cambio de réxime e  un novo proceso constituínte no Estado.

Galicia estivo presente cunha columna duns dous milleiros de galegos que chegaron en trens, autobuses e coches particulares e que se uniron a  unha enorme manifestación -de máis de dous millóns de persoas segundo os organizadores e de non menos de medio millón segundo calquera outro cálculo serio- que incluso superou as previsións máis optimistas.

"Sabiamos que a mobilización ía ser un éxito, pero incluso superou as expectativas"

“É unha mobilización moi a ter en conta, onde os suxeitos políticos non foron os axentes tradicionais; as Marchas supoñen un pulo moi forte para os movementos sociais, os sindicatos minoritarios e unha morea de colectivos que superaron todos os atrancos”, di Héctor Tejón, coñecido activista da Coruña, voceiro de Stop Desafiuzamentos na cidade e un dos presentes na columna galega, que coincide na súa análise con Manuel Caamaño, secretario xeral da CUT, tamén presente nas manifestacións.

“Foi un éxito. Sabiamos, polo traballo feito de confluencia e transversalidade, que o ía ser, pero incluso superou as expectativas”, aclara Caamaño, que cre que “as propias pautas do réxime e o apagón informativo decretado desde Madrid xa nos facían ver que o golpe ía ser tremendo”.

Yolanda Díaz (EU), Martiño Noriega (Anova), Isabel Vilalba (SLG) ou Mariano Abalo (FPG) foron algunhas das figuras políticas que tamén acudiron a unha marcha na que, non obstante, os dirixentes non foron protagonistas. “Foi moi esperanzador porque foi unha mobilización horizontal, moi plural e heteroxénea, un movemento que transcendeu fronteiras territoriais e reivindicacións particulares e que ninguén tratou de patrimonializar, senón que supuxo un chamado á solidariedade popular e ao empoderamento social”, asegura Héctor Tejón, que advirte do éxito dunha protesta que foi “invisibilizada e silenciada polos medios tradicionais do réxime”.

"As Marchas foron esperanzadoras por ser horizontais, plurais e heteroxéneas; ninguén tratou de patrimonializalas"

“Adóitase dicir que se non saes nos medios, non existes... Pero existimos, claro que existimos”, reflexiona Tejón, que incide na importancia das redes sociais e “das novas formas de interacción” nestas e en antigas mobilizacións, pero que destaca, sobre todo, “o traballo que se leva facendo meses a través de sindicatos alternativos, movementos sociais... A través do pobo”.

“As redes sociais teñen moita importancia, pero detrás hai milleiros de actos, chamamentos, presentacións, manifestos, marchas... É un traballo de base, desde diferentes perspectivas para confluír e é algo que non cae do ceo como algúns pretenden facernos ver, senón que é un labor de formigas pero cun resultado extraordinario que se base na crenza de que se poden conseguir os obxectivos marcados”, conta Caamaño, que coincide con Tejón en que “os medios do réxime” intentaron “primeiro silencialo” e logo “basear toda a información nos altercados do final e na actuación da policía que buscaba a foto da violencia para mutilar o verdadeiro contido das Marchas”.

Os protagonistas das Marchas ven neste 22M o resultado dun proceso de traballo longo que xorde xa no 15M

Héctor Tejón, ademais, anima a reparar “en todo o que hai detrás” e sitúa esta gran marcha “en todo o que foi pasando e agromando desde o 15M”. “Estanse normalizando as protestas e peticións de conquistas sociais nas que imos avanzando”, insiste, tras amosarse convencido de que o 22M “terá a continuidade que xa tivo o 15M”, tanto nas mobilizacións como na consecución de obxectivos que antes parecían imposibles.

Manuel Caamaño, pola súa banda, aclara que agora é o momento de “dar o gran salto” para que “este golpe en forma de xente” supoña “un golpe de morte ao sistema”. “Aquí non  hai máis saída que ou a xustiza ou a barbarie; estamos na barbarie e hai que cambialo”, engade tras destacar a confluencia de diferentes colectivos, territorios e movementos sociais e sindicais nunhas demandas comúns: “a xustiza social, o rescate dos valores e dereitos humanos, o dereito ao traballo e o dereito a decidir das nacións sen Estado”. "Agora teremos que saber xestionar este éxito para manter unha mobilización sostida no tempo, e seguro que o faremos", di tamén.

“Hai quen para xustificarse ve nestas Marchas un chamada convencional da España grande e libre, pero non é así; os que conformamos isto, á marxe de ter un perfil claro de esquerda, tamén coincidimos no recoñecemento ás nacións do Estado a decidir o seu futuro”, finaliza o secretario xeral da CUT, que lembra, como Tejón, que é difícil opoñerse ás reivindicacións da mobilización do sábado en Madrid. “Pan, teito e traballo”.

CC BY-SA gzcontrainfo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

"Quixeron ensuciar unha enorme manifestación pacífica"

"A manifestación tiña claro que viña ser pacífica, levabamos en Madrid desde as 10 da mañá do sábado, non houbera ningún altercado, todo era perfecto, pacífico, todo o mundo o puido ver. Por que ao final hai altercados? A quen interesa esas fotografías? Ao Goberno. Interésanlle para enturbar unha das maiores concentracións pacíficas e cívicas da cidadanía. Iso está provocado, está perfectamente provocado". Quen así fala é Diego Cañamero, voceiro do SAT, que coincide coa Coordinadora das Marchas que, nun comunicado, aclarou que foron "encapuchados alleos á manifestación" os que intentaron provocar á policía, ao que os antidisturbios responderon con cargas moi criticadas.

"A quen interesan esas fotografías dos altercados? Ao Goberno"

"Tiraron uns petardos preto do cordón policial que protexía a sede do PP co fin de provocar a policía. O dispositivo policial, nun exercicio de inaudita irresponsabilidade profesional, procedeu entón a cargar cara a Colón cando se desenvolvía o acto final da manifestación e cunha praza chea de familias", destaca a Coordinadora, que aclara que as cargas seguiron por Recoletos, que "estaba cheo de persoas pacíficas". Logo, segundo din, outro dispositivo procedeu a "cortar a manifestación en dúas partes". 

"Estabamos cantando e de súpeto entra a policía desde a rúa Genova nunha manifestación pacífica; entran os antidisturbios e a xente da praza saíu correndo; había nenos, bebés e xente maior. Vimos tamén pelotas de goma e botes de fume", di Concha Colomo, integrante da Solfónica, coro activista xurdido do 15M.

"O Goberno quería impedir como fose que a manifestación rematara en acampada porque non queren que se repita o tema da praza de Kiev ou a acampada Sol"

"O Goberno quería impedir como fose que a manifestación rematara en acampada porque non queren que se repita o tema da praza de Kiev ou a acampada Sol. Tiñan pánico a que dúas mil ou tres mil persoas se plantasen en Recoletos", remta José Manuel, da Coordinadora 25S.

Por outra banda, centos de persoas concentráronse este luns ante os xulgados para pedir a liberdade de dos detidos nos incidentes posteriores ás Marchas da Dignidade. O seu avogado denuncia "malos tratos" en dependencias policiais que se intentan verificar e considera que a actuación dos antidisturbios "foi desproporcionada e cando nin tan sequera tiña rematado o acto". "Tivéronnos sete horas de pé contra a parede e cos brazos en alto", asegura un dos detidos, xa en liberdade, pero con cargos. Varios dos arrestados están sendo liberados durante este luns, entre eles o mozo ourensan de 18 anos.

>> Información de eldiario.es

"Sete horas de pé, contra a parede e cos brazos en alto"

CC BY-SA eldiario.es