A sanidade galega responderá na rúa ao decreto de xestión clínica

Cartaz das manifestacións convocadas para este mércores © SOS Sanidade Pública

"O proxecto de decreto polo que se regulan as áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde resulta contrario ao ordenamento xurídico”. É o que concluíu este luns o Consello Consultivo de Galicia, nun ditame no que, sobre todo, rexeita o plus que a Consellaría de Sanidade lles pagará aos médicos por aforrar, xa que -afirma o texto- "podería interpretarse que se terán en conta unicamente indicadores relativos á eficiencia na utilización dos recursos, cando o obxectivo primordial deste novo modelo sería, de acordo co indicado no preámbulo da norma, a mellora dos resultados en saúde da poboación". De igual xeito, o Consultivo pronúnciase en contra do procedemento de designación do director de cada unidade, de libre designación e que ademais non ten por que pertencer ao SERGAS.

"O proxecto de decreto polo que se regulan as áreas de xestión clínica do Servizo Galego de Saúde resulta contrario ao ordenamento xurídico”, conclúe o Consello Consultivo de Galicia

O rexeitamento deste organismo únese aos xa expresados durante meses por profesionais, sindicatos, partidos políticos e outras entidade sociais, en contra dunha reforma na que case todos cren ver unha porta aberta cara á privatización dos servizos sanitarios. Ese rexeitamento será o argumento principal (pero non o único) das mobilizacións convocadas para este mércores en todas as cidades e vilas de Galicia por sete sindicatos (CCOO, CESM-OMEGA, CIG, CSI-F, SAE e UGT), unha unanimidade sindical só rota por Satse. As manifestacións e concentracións partirán ás oito da tarde na súa meirande parte, e ademais de denunciar as áreas de xestión clínica, protestarán contra os recortes en prestacións, servizos e persoal, contra as privatizacións e copagos e contra a ausencia de negociación cos sectores afectados e ou deterioro xeral na sanidade pública.

As marchas están apoiadas tamén por SOS Sanidade Pública, que considerou "moi positiva a unidade das organizacións sindicais sanitarias en Defensa da Sanidade Pública, por encima das súas lexítimas diferenzas"

As marchas están apoiadas tamén por SOS Sanidade Pública, que considerou "moi positiva a unidade das organizacións sindicais sanitarias en Defensa da Sanidade Pública , por encima das súas lexítimas diferenzas, que mostra o illamento da Conselleria de Sanidade e da Xunta de Galicia e das súas políticas de desmantelamento e privatización da sanidade pública galega".

 

As áreas de xestión clínica

As áreas de xestión clínica, aprobadas o xoves pasado polo Consello da Xunta, buscan "obter mellores resultados na atención dos pacientes e avanzar na eficiencia dos recursos disponibles", segundo o vicepresidente Rueda. Porén, para os sindicatos convocantes das protestas deste mércores, só que facilita o camiño para a privatización. As centrais lembran que xa se está levar a cabo unha "redución continua de orzamentos sanitarios" e que só o recorte deste ano é duns 400 millóns de euros. Ademais, sinalan que a metade do orzamento sanitario está destinado a financiar os hospitais privados cos que se establecen concertos, ou os sectores e servizos que foron privatizados. En total, gástanse nestes conceptos 1.700 millóns de euros dun total de 3.300 millóns.

María Seijo García (CIG): "temos claro que o único obxectivo da política sanitaria do PP é reducir o gasto importándolle ben pouco como repercuta na saúde da poboación"

María Seijo García (CIG) sinala que “as áreas de xestión son só unha forma de trasladarlles os recortes aos profesionais. É dunha falta de ética impresionante. Os obxectivos sanitarios non poden ir ligados ao aforro. Os obxectivos deben ir ligados sempre a unha mellora da calidade asistencial". Seijo lembra tamén que dende os sindicatos "se lle trasladou á Consellaría que se querían traballar en modelos organizativos de xestión clínica, podíamos traballar niso. Pero para iso non hai que crear ningún decreto de áreas, nin instrumentos privatizables". "Isto é o que demostra que a súa intención é falsa" -di- "Se eles queren levar a cabo un cambio complexo, como é este, teñen que contar con todos os profesionais. Pero a súa intención é outra: é utilizar estas áreas de xestión para introducir a privatización pola porta de atrás". Conclúe que "temos claro que o único obxectivo da política sanitaria do PP é reducir o gasto importándolle ben pouco como repercuta na saúde da poboación".

De igual xeito, Ángel Cameselle (CC.OO.) denuncia que "hai xa empresas privadas mirando como meten a man na xestión clínica" e alerta de que "coa Lei de Garantías aprobada hai uns meses queda claro que aquí hai dous modelos de sanidade: un para xente con recursos, e outro modelo que se achega á beneficencia". Cameselle confía no éxito das manifestacións deste mércores e afirma que "os profesionais teñen moi claro o tema da privatización e o tema da xestión clínica, levan meses mobilizándose contra ela", engadindo que "nós agora estamos levando a cabo unha segunda fase, que é indicarlles aos profesionais que non sexan cómplices na posta en marcha das unidades de xestión clínica".

Ángel Cameselle (CC.OO.) denuncia que "hai xa empresas privadas mirando como meten a man na xestión clínica"

Neste senso, a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública considerara as áreas de xestión clínica "un ataque ao sistema público e un paso máis na marxinación da Atención Primaria", así coma "avanzar na privatización, utilizando a vía da microxestión de servizos". Estas entidades engaden que as áreas de xestión clínica "incrementan a burocracia, a irracionalidade e os gastos administrativos" e favorecen a creación de "modelos diferenciados dentro do sistema" e o incremento das "desigualdades asistenciais".

Estas preocupacións tamén foron amosadas por algún colexio médico, coma o de Pontevedra. O seu presidente, Luis Campos Villarino, denunciou o pasado xoves que "se abren as puertas á privatización da sanidade e a que os profesionais perdan a súa categoría de estatutarios". Así mesmo, lembrou que "a Lei de Farmacoloxía que aprobou o Goberno permite que estas áreas se poidan privatizar". "Din que vemos xigantes onde só hai muíños de vento. Pero, aínda que agora digan que as áreas clínicas son públicas, iso pode cambiar. O ministerio está preparando, de feito, o seu propio decreto sobre xestión clínica".

Ademais, SOS Sanidade Pública denunciará nas manifestacións deste mércores que o PP "continúa na súa liña de privatizacións e adelgazamento da xestión pública: Recortan servizos, reducen salarios ao persoal pero danlle negocio ás empresas privadas que lles interesan. Até organizan as licitacións de modo que non poidan participar as empresas galegas, de menor tamaño".

 

Horarios das manifestacións e concentracións

A Coruña: Manifestación, 20 h, saída Casa do Mar

Cee: Concentración, 12 h, porta principal Hospital Virxe da Xunqueira

Ferrol: Manifestación, 18 h, saída Fontenla Maristany

Santiago: Manifestación, 20 h, saída Praza Roxa

Ribeira: Manifestación, 20 h, Centro de Saúde

Vilagarcía: Concentración, 14 h, porta principal Hospital do Salnés

Pontevedra: Manifestación, 20 h, saída Hospital Provincial

Vigo: Manifestación, 20 h, saída Hospital Xeral

Ourense: Manifestación, 20 h, saída Pavillón dos Remedios

O Barco: Manifestación, 20 h, saída Hospital Comarcal Valdeorras

Monforte: Concentración, 20 h, Praza de España

Lugo: Manifestación, 20 h, saída Edificio Multiusos da Xunta

Burela: Manifestación, 20:30 h, saída Hospital da Costa

Cartaz das manifestacións convocadas para este mércores © SOS Sanidade Pública
Manifestación pola sanidade pública, hai unhas semanas en Vigo © SOS Sanidade Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.