Os dereitos das persoas migrantes, "en grave perigo"

Cartel da campaña © Foro Galego de Inmigración

O Foro Galego de Inmigración vén de lanzar unha campaña para promover "unha resposta social ampla e contundente" ante o recorte "dos máis elementais principios democráticos e os propios dereitos humanos" que, ao seu xuízo, se está a producir e que afecta ás persoas migrantes.

Para o Foro, os feitos de Ceuta e Melilla "confirman as denuncias que se viñan realizando de prácticas violentas, posiblemente delictivas, e en todo caso  irregulares por parte da Policia e da Garda Cívil no control desas fronteiras"

A problemática é complexa, non só afecta aos sucesos que teñen lugar na liña de fronteira e ademais é permanente, pero a campaña xorde en boa medida como resposta aos dramáticos acontecementos que se están producindo en Ceuta e Melilla. Neste senso, o Foro sinala que estes feitos "confirman as denuncias que se viñan realizando de prácticas violentas, posiblemente delictivas, e en todo caso  irregulares por parte da Policia e da Garda Cívil no control desas fronteiras". E a plataforma denuncia a este respecto "o intolerable anuncio do Goberno Central de realizar cambios lexislativos que regularicen  ese tipo de prácticas (nomeadamente a expulsión inmediata sin garantías legais dos detidos xa no interior do territorio español) e actuacións, que van en contra dos máis elementais principios democrático e dos dereitos humanos".

A campaña, que se estenderá até o mes de xuño, busca o apoio formal de colectivos, asociación, entidades, sindicatos e grupos políticos na defensa dos dereitos das persoas migrantes e contra a persecución policial e administrativa á que se atopa sometido este colectivo. E procurarán "visibilizar as agresións silenciosas e silenciadas que está a sufrir o colectivo de persoas migrantes, especialmente as que se atopan en situación de irregularidade administrativa".

A campaña buscará "visibilizar as agresións silenciosas e silenciadas que está a sufrir o colectivo de persoas migrantes, especialmente as que se atopan en situación de irregularidade administrativa"

Na campaña centrarán a súa actividade na denuncia da exclusión sanitaria das persoas migrantes en situación irregular, nos "fortísimos recortes dos orzamentos públicos dedicados ao colectivo migrante en Galicia ou na denuncia da existencia dos CIES e das "continuas violacións de dereitos que se producen neles". Tamén farán fincapé "na intensificación das redadas racistas e da persecución sistemática das persoas migrantes" ou "na persecución específica do colectivo de vendedores ambulantes en Galicia". E referiranse igualmen ao aumento das situacións de explotación laboral do colectivo migrante, sobre todo nos ámbitos do emprego doméstico, das explotacións agrícola-gandeiras e do sector pesqueiro.

O Foro enmarca este recorte dos dereitos humanos das persoas migrantes nun proceso máis amplo de ataque contra o conxunto da poboación e de debilitamento da democracia

O Foro Galego de Inmigración enmarca este recorte dos dereitos humanos das persoas migrantes nun proceso máis amplo de ataque contra o conxunto da poboación e de debilitamento da democracia. Sinalan que a crise económica está sendo utilizada como "desculpa para que os gobernos centrais e autónomicos estean a por en marcha unhas políticas de fortísimos recurtes sociais, que rematan por converterse en limitación ou eliminación de dereitos socioeconómicos e mesmo cidadás e políticos básicos".

Cartel da campaña © Foro Galego de Inmigración

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.