Primavera sen mina en Corcoesto

Festa en Corcoesto, este sábado © @anamirandapaz

"Polo rexurdir da primavera e o amor á terra". Foi o lema escollido para o xantar ludico co que este sábado dúciras de veciños e veciñas das localidades próximas a Corcoesto celebraron un xantar lúdico para celebrar a comunicación oficial da paralización definitiva do proxecto mineiro. O evento, organizado polas asociacións de veciños de Cereo, Valenza e Corcoesto e pola Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, tivo como escenario a Carballeira de Santa Mariña, dende as 12.30 do mediodía.

Alí, a veciñanza da zona, a máis beneficiada pola paralización do polémico proxecto mineiro, compartiu mesa con activistas chegados do resto do país, e por representantes de forzas políticas, coma Xosé Manuel Beiras, Antón Sánchez e Consuelo Martínez, por AGE, ou Francisco Jorquera, Ana Miranda ou Carme Adán, polo BNG. Ademais, convidouse a todos os participantes a engadir unha pedra ao Milladoiro por Corcoesto que croio a croio se vai construíndo dende o pasado ano

O acto concibiuse como "un recoñecemento aos apoios recibidos na loita contra a barbarie que pretendía Edgewater co proxecto da mina de Corcoesto e que suscitou un rexeitamento social no noso país sen precedentes", segundo destacaron os seus organizadores, que sinalaron que "con certeza a empresa canadiana ou outra con máis potencial económico van seguir insistindo con outros proxectos semellantes, polo que a celebración  desta vitoria non implica que baixemos a garda no futuro inmediato". Entre estas ameazas, sitúan a pretensión do alcalde de Cabana de Bergantiños de incluír a mina no futuro PXOM do concello ou a insistencia por parte de Edgewater da vixencia da Declaración de Impacto Ambiental ou a negativa da Xunta a prohibir o uso do cianuro nas tecnoloxías mineiras.

Festa en Corcoesto, este sábado © @anamirandapaz
Cartaz da festa © Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.