0 Gardados para despois

Os convocantes do paro deste xoves no ensino medio agardan "unha folga masiva"

Redacción | @prazapublica

A mobilización está convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Mocidade pola Normalización Lingüística, a Liga Estudantil Galega, os Comités e o Sindicato de Estudantes, co apoio de Esquerda Unida, Galiza Nova e a MNG, baixo o lema Paremos os ataques contra o galego. Estes colectivos chaman á mobilización do estudantado de ensino medio pola "calamitosa" situación do galego nas aulas de ensino medio. Segundo os seus datos, a media do horario semanal de aulas que se imparten na lingua propia de Galicia só no ensino medio é do 20%, "moi por debaixo, xa que logo, do propio límite fixado polo propio decreto", do 50-33% en función do grao de introdución da terceira lingua para unha parte do currículo.

Segundo os seus datos, a media do horario semanal de aulas que se imparten na lingua propia de Galicia só no ensino medio é do 20%

Os representantes das organizacións convocantes tamén denuncian que o decretazo "prohibe" o uso do galego para impartir as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía. "Unha prohibición", din, "que non ten semellanza en ningún outro territorio do Estado con lingua propia". Os impulsores da folga do 19 de abril recordan que o contexto de crise económica e de brutais recortes no sistema educativo "non foi impedimento" para que a Consellaría de Educación gastase "inxentes" cantidades de diñeiro público en "destruír" libros e materiais das materias científico-técnicas "só por estaren en galego".

Aseguran que a convocatoria de folga está a ter unha incidencia "tremenda" a través das redes sociais

Agardan un seguimento "masivo", din, entre o alumnado de 2º ciclo de secundaria, bacharelatos e ciclos formativos de grao medio e superior e aseguran que a folga está a ter unha incidencia "tremenda" a través das redes sociais. Segundo a Mesa, os apoios son especialmente numerosos en tuenti, onde os distintos eventos sobre a folga suman xa máis de 20.000 apoios. Tamén se está a empregar o hashtag #19Aestudantespologalego para a súa difusión e debate en twitter.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.