0 Gardados para despois

Para os antitaurinos o Concello "quere lavar as mans" e esíxenlle que aclare se vai seguir cedendo gratis o Coliseo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O goberno municipal da Coruña anunciou este mércores que deixaría de financiar os festexos taurinos coa subvención directa de 130 mil euros que entrega anualmente. O voceiro municipal, Julio Flores, mesmo afirmou que "no caso de que haxa festexos, terán que autofinanciarse" Porén, non aclarou outros aspectos, como se sacará a concurso a concesión da organización das touradas ou se seguerá cedendo de balde o recinto do Coliseo, o que para os grupos que se opoñen a este espectáculo supón unha subvención indirecta de 120 mil euros cada ano.

"Dá a impresión de que con este anuncio o Concello quere lavar as mans, dando a entender que xa non subvenciona as touradas, pero sen aclarar se vai seguir cedendo de balde o Coliseo"

Rubén Pérez Sueiras, da plataforma Galicia, mellor sen touradasafirma que "dá a impresión de que con este anuncio o Concello quere lavar as mans, dando a entender que xa non subvenciona as touradas, pero sen aclarar se vai seguir cedendo de balde o Coliseo". A plataforma pide que se realice un referendo "para que a cidadanía da Coruña decida se quere que cos seus cartos se subvencionen as touradas, de forma directa ou indirecta", algo que foi descartado polo Goberno municipal. Pérez Sueiras responde que "agora o PP di que o referendo é moi caro, pero nós explicámoslle á concelleira de Cultura en varias ocasións que o referendo custaba 40 mil euros e que nós nos podiamos comprometer a buscar financiamento privado para organizalo, doando eses cartos ao Concello".

Este venres entregarán cinco mil sinaturas máis en contra das touradas, que se unirán ás máis de 15 mil que despositaron o luns

A plataforma vai seguir coas súas accións informativas e de presión sobre o Concello. Este venres entregarán cinco mil sinaturas máis en contra das touradas, que se unirán ás máis de 15 mil que despositaron o luns. "Tamén imos facer unha campaña dirixida aos turistas, con folletos informativos en inglés e holandés, se é que o Concello segue permitindo este espectáculo", explica Pérez Sueiras, que comenta que  "na nosa asociación recibimos moitas queixas dos turistas, molestos polos cartaces das touradas, que entendían que era unha apoloxía da violencia. O Concello afirma que a feira atrae turismo, pero iso non é certo, porque doutro xeito o Coliseo non estaría case baleiro, como sucede".

 

Case un millón e medio de euros de subvención nunha década

A feira taurina da Coruña tivo unhas perdas acumuladas nos tres últimos anos, de 560 mil euros, que serían de case un millón se non fose pola achega económica do concello, ao redor dos 400 mil euros neste tempo. A asistencia de espectadores ao Coliseo foi moi escasa (o vinte por cento do aforo), unhas 5.400 persoas. E iso a pesar de que o pasado ano se repartiron gratuitamente seis mil entradas, un 119% máis ca en 2010. Nesta última década o número de festexos taurinos da cidade descendeu de 5 a 3 días, e os subsidios medraron máis dun 33%. En total, segundo a plataforma Galicia, mellor sen touradas, o Concello gastou case un mllón e medio de euros en axudas aos taurinos. A feira ten unhas perdas de case un millón de euros cada ano, paliadas nun 40% polas axudas do Concello.

Nesta última década o número de festexos taurinos da cidade descendeu de 5 a 3 días, e os subsidios medraron máis dun 33%

Segundo unha enquisa realizada por Obradoiro de Socioloxía, existe un claro desacordo entre a cidadanía coruñesa coa subvención que destina o concello para a realización de corridas de touros, 130 mil euros anuais. O 73,2% dos coruñeses declara estar en contra deste gasto público, unha proporción que é case absoluta entre os menores de 30 ano (90% en contra) e entre os que teñen entre 30 e 44 anos (78%).

"Pode que a decisión do Concello non sirva de moito, porque ademais da subvención directa, están cedendo de forma gratuíta o Coliseo. Iso supón cada ano unha subvención indirecta de máis de 120 mil euros. Algo que non se fai cos concertos, por exemplo"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.