Alerta no persoal contra incendios polo recorte nas brigadas que prevé a Xunta

Brigadistas traballando na extinción dun incendio © Apropiga

As brigadas contra incendios deixarán de estar compostas por sete persoas para ter só cinco. A decisión anunciouna no Parlamento o veterano secretario xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, en resposta a unha pregunta de AGE. Segundo o alto cargo da Consellería de Medio Rural esta medida, lonxe de ser un recorte, é un plan para "multiplicar" a eficacia do dispositivo contra incendios. O persoal non se vai reducir, senón que se vai "redistribuír" e "o resultado vai ser un incremento de brigadas" cos mesmos recursos de persoal. Pero o optimismo do Goberno contrasta coa inquietude que xa agroma entre os traballadores e traballadoras.

A eficacia e eficiencia que promete Medio Rural é para Apropiga, a asociación que agrupa o persoal laboral do servizo de extinción de incendios, unha vaga de "falsas expectativas" ás portas da temporada de maior risco de incendios. O que "hai tras este anuncio", din os profesionais, é un paso máis na "redución e progresivo desmantelamento dun servizo público esencial e non unha suposta mellora na eficacia". Lonxe do avanzado por Fernández-Couto, Apropiga calcula que esta reestruturación de brigadas, anunciada "sen negociación previa", vai supoñer "a eliminación de 148 prazas" do servizo contra incendios. "Mentres recorta o público, a Consellería destina millóns de euros á privatización das brigadas helitransportadas a través da empresa Natutecnia ou ao financiamento de medios alleos á Consellería".

A Consellería recorta as brigadas contra incendios de sete a cinco profesionais

Neste contexto, Apropiga advirte ademais de que esta proposta non é nova. Ben ao contrario, "xa a fixo a Consellería no ano 2011 e foi rexeitada por todos os colectivos profesionais e sindicais vinculados coa prevención e extinción de incendios", entre outros motivos porque "levaba aparellada unha sorprendente redución de medios". Ademais, din, o anuncio chega cando asociacións profesionais, colectivos ecoloxistas e sindicatos están a solicitar unha reunión "urxente" co propio Fernández-Couto "para que o Plan de Prevención e Extinción de Incendios", o Pladiga, "sexa aprobado canto antes" como "froito dun proceso de diálogo e negociación". "Parécenos sorpredndente que o secretario xeral afirme que o Pladiga está sendo consensuado no Consello Forestal Galego cando non é certo", abondan.

"A proposta xa a fixo a Consellería en 2011 e foi rexeitada por todos os profesionais"

"Ante esta mentira e este ataque ao servizo público e ao monte galego" Apropiga ve máis urxente ca nunca esa xuntanza coa Consellería e unha negociación para tentar "un cambio de rumbo na deriva política na que está sumido" o departamento de Rosa Quintana, onde a "privatización semella ser o camiño que o Goberno galego decidiu". "Propoñémoslle que, no canto das privatizacións e do negocio exclusivo para unha determinada empresa, se aposte polos servizos públicos e por un cambio nas políticas forestais". A cuestión non é de cartos, senón de "vontade política e de ideario", aseguran.

AGE ve "falta de interese en acabar cos incendios"

A actitude de Fernández-Couto tamén foi censurada polo deputado de AGE Antón Sánchez, quen formulaba a devandita pregunta. Da resposta do secretario xeral, din dende Alternativa, "despréndese a ausencia de interese do Goberno galego por acabar co drama dos incendios forestais, continuando coa liña de deixar para o último minuto todo o que teña que ver coa planificación do plan de loita contra o lume". "O secretario xeral non xustificou que non se cubran as vacantes do persoal da Xunta e se desbalde nas brigadas municipais". Tampouco os motivos polos que "desde que se aumentou a externalización do servizo contra incendios, a superficie queimada por incendio duplicouse".

Sánchez (AGE): "Dende que se aumentou a externalización duplicouse a superficie queimada por incendio"

Sinala Sánchez que os propios datos oficiais son a mellor "evidencia" da "necesidade de que o Goberno galego trate dunha vez por todas este tema en profundidade e co tempo preciso". As Administracións, sinala, deben poñer xa en marcha "medidas correctoras nas políticas de prevención e extinción" para frear o fenómeno que "produce o dano ecolóxico máis importante ao territorio galego". Neste contexto débese empregar, "se é preciso, a mobilización dos galegos e das galegas para a consecución desta fin", advirte.

Fernández-Couto e Quintana, ante un helicóptero de extinción © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.