A Xunta dará conta ante UE e xustiza das facilidades que dá á minería contaminante

Tractorada contra a mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

A alfombra vermella e o enguedello legal cos que a Xunta facilita a propagación de grandes proxectos mineiros, tamén a ceo aberto, en Galicia xa están no punto de mira das autoridades europeas e poderán acabar tamén ante a xustiza. A Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, xunto as asociacións veciñais de Cereo e Valenza, presentaron o pasado venres unha denuncia ante a Comisión Europea contra o Plan Director da Rede Natura ao considerar que dá prevalencia e "total liberdade de acción" ás actividades extractivas fronte ao deber de protección e conservación de lugares protexidos. Ademais, Salvemos Cabana vén de anunciar tamén que empregará "todos os medios legais" para lograr "a anulación definitiva" da autorización ambiental da mina de Corcoesto logo de que a Xunta confirmase que segue vixente malia a contradición legal e de criterio co Valedor que iso supón. Entre as posibilidades está a de recorrer a decisión da Consellería de Medio Ambiente ante os tribunais.

O Plan da Rede Natura será avaliado pola UE e a vixencia da DIA de Corcoesto podería acabar nos tribunais

O caso é que a anulación do proxecto mineiro de Corcoesto, iniciativa paradigma para moitos da política mineira pretendida pola Xunta, non fixo acabar cos temores dos colectivos contrarios á "minería contaminante e salvaxe", que ven en cada unha das decisións do Goberno, normativas ou non, un novo chanzo máis no camiño de rosas ao favor das multinacionais do sector extractivo.

Así, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, xunto ás asociacións veciñais, entenden na súa denuncia ante a Comisión das Comunidades Europeas e dirixida ao secretario xeral da Comisión que o Plan Director da Rede Natura da Xunta supón a infracción "de seis directivas comunitarias e de catro decisións da UE en relación á necesaria conservación dos hábitats naturais, da flora, da fauna, o medio mariño, das aves silvestres e a agresión e non ampliación dos ligares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica". Ademais, incide nan "no ampliación de Lugares de Interese comunitario (LIC) e na "prevalencia de usos extractivos" que suón "sobre o deber de protección e conservación de lugares da propia Rede Natura".

O Plan Director da Rede Natura supón a infracción de seis directivas comunitarias e iría contra catro decisións da UE, segundo os denunciantes

A Plataforma, como o resto de grupos ecoloxistas, ve neste plan un camiño aberto para a especulación e para a instalación en espazos protexidos de actividades prexudiciais para o medio ambiente, mesmo canteiras, minaría a ceo aberto ou piscifactorías. Así, advirte de que malia que a Rede Natura contempla a exclusión de determinadas actividades no seu espazo, o plan da Xunta "permite na práctica que calquera das zonas de maior valor ecolóxico de Galicia sexa susceptible de ser intervida pola industria extractiva". "Dáse total liberdade de actuación ao sector mineiro dentro dos territorios protexidos porque o decreto abre as portas á legalización encuberta de decenas de explotacións que actualmente están a operar de maneira irregular", insiste.

Ao tempo, recorda que con este plan, "poderanse autorizar con carácter excepcional novas actividades extractivas ao descuberto naquelas áreas que sexan consideradas como zonas con potencial mineiro polo Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galicia ou que queden incluídas nun concello mineiro, tal e como está definido na Lei de Ordenación da Minería de Galicia". Xa que logo, unha maraña legal sempre favorable ao sector e que no caso do Plan Director supón "un grao de desprotección evidente da propia Rede Natura".

"O Decreto está nos mínimos en termos de protección do territorio e da biodiversidade e hai unha redución do nivel de protección para favorecer intereses especulativos. Como pode unha norma permitir a minería ao descuberto nun espazo da Rede Natura?", pregúntase a plataforma, que advirte de que incluso unha avaliación ambiental negativa, o Plan pode autorizar usos e actividades por "razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluídas razóns de índole social ou económica".

"Esperamos que esta denuncia sirva para que a Comisión actúe de xeito rápido, reestablezca a legalidade comunitaria e impida que este despropósito da Xunta vaia adiante", rematan os denunciantes.

 

A DIA que non debe seguir vixente

Pero non son o Plan Director da Rede Natura nin as diferentes normativas favorábeis á minería contaminante os únicos elementos dos que se vale a Xunta para favorecerlle o camiño ao sector. A confirmación de que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto de Corcoesto segue vixente é o último exemplo. Malia o criterio contrario do Valedor do Pobo e de todos os colectivos contrarios á iniciativa mineira, o Goberno galego asegura que a autorización ambiental seguirá vixente até finais de 2017, o que facilitaría -e moito- o relanzamento do proxecto.

Salvemos Cabana advirte de que a normativa que impide a vixencia da DIA dun proxecto cancelado estaba vixente ao aprobarse a autorización en 2012

Por iso, o colectivo Salvemos Cabana advirte de que o Real Decreto Lexislativo 1/2008 -actualmente derogado- polo que se aproba o texto refundido da Lei de Avaliación de Impacto Ambiental estaba vixente no momento de aprobación da DIA de Corcoesto a finais do 2012 e non deixa lugar a equívocos. Sinala que "a DIA do proxecto ou actividade caducará se unha vez autorizado ou aprobado o proxecto non se tivese comezado a súa execución no prazo fixado pola comunidade autónoma" e que "en tales casos, o promotor debería iniciar novamente o trámite de avaliación ambiental do proxecto".

Xa que logo, a cancelación do proxecto por parte da Xunta "anula automaticamente a DIA positiva emitida pola Consellería, dado que a non autorización do proxecto impide que poida existir o prazo de execución pertinente que de aprobarse tería fixado a Administración autonómica", tal como figura no artigo 14.1 do Real Decreto 1/2008. Por iso, Salvemos Cabana está disposta a acudir aos tribunais no caso de que o Executivo teime na vixencia da tramitación ambiental, aínda sabendo que sería un proceso caro e lento.

Colectivos contarios á minería contaminante saben que a actual lei mineira en Galicia pon alfombra vermella a calquera proxecto

"Resulta lamentable que a Administración pública poida funcionar de correa de transmisión dos intereses dunha empresa privada, obviando tanto os informes técnicos que reiteradamente alertan dos perigos ambientais como do masivo rexeitamento social que xerou esta iniciativa en todo o territorio galego", insiste Salvemos Cabana, que pide a colectivos e cidadanía "non relaxar a tensión e manterse vixilantes".

Porque todos os colectivos saben que, coas normativas que seguen vixentes e está a aprobar a Xunta en canto ao sector mineiro, a anulación definitiva de Corcoesto só sería unha batalla gañada. A actual Lei de Ordenación da Minaría de Galicia, a maraña legal que favorece calquera explotaicón e a Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental, sobre todo mentres non se active a revisión da Directiva Europea de Avaliación Ambiental, non son máis que novos chanzos nunha alfombra vermella cara a unha fácil e doada explotación mineira en Galicia. A guerra será moito máis longa.

Veciñanza contraria á mina de Corcoesto CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.