A macrourbanización de luxo con campos de golf que ameaza Corrubedo

Dunas de Corrubedo CC-BY Luis Miguel Bugallo Sánchez

A sociedade Xarás SL vén de solicitar recentamente o desenvolvemento dun proxecto de urbanización de luxo con dous campos de golf ao carón do parque dunar de Corrubedo, na parroquia de Artes en Ribeira. Ocuparía 600.000 metros cadrados e contaría cun hotel, centos de ivendas e ata un heliporto privado. Esa é a advertencia que fai a asociación ecoloxista Verdegaia, que denuncia que a finca na que se pretende construír esta macrourbanización está clasificada na súa maior parte como solo rústico de protección forestal, polo que para levalo a cabo "precisaríase a modificación do PXOM" coa correspondente recualificación do terreo, onde tamén hai unha zona de protección especial polo seu patrimonio, ao atoparse nel o Castro de Artes, un importante xacemento arqueolóxico.

A solicitude pide desenvolver un proxecto de urbanización de luxo que ocuparía 600.000 metros cadrados, con dous campos de golf e heliporto privado

"Os terreos lindan co do Parque Natural de Corrubedo, un dos poucos espazos protexidos dunha moi insuficiente Rede Natura galega que sufría de moi fortes impactos: consumo de territorio, urbanización do medio natural, perda de conectores biolóxicos entre espazos naturais, contaminación de acuíferos, desfiguración da paisaxe, presión humana, incremento do tráfico, ruído ou contaminación lumínica nocturna", advirte Verdegaia, que considera que un proxecto tal "non pode ir adiante só co visto e prace da Administración". "Dubidamos moito de que puidese pasar o trámite de consultas dunha avaliación ambiental feita con seriedade", insiste o grupo ecoloxista, que agardará a que este proxecto pase a exposición pública para facer as correspondentes alegacións e que solicita ao Concello de Ribeira que achegue toda a documentación da que dispón sobre a iniciativa, á que tamén se opón xa o BNG e outros colectivos da comarca.

Verdegaia alerta de que os campos de golf "xeran un alto número de problemas ambientais (a produción e emprego de fertilizantes, o emprego de maquinaria, a introdución de especies exóticas de herbas que invaden zonas adxacentes e o consumo elevado de auga, entre outros)". "Este tipo de proxectos producen un forte impacto no solo, no territorio, na paisaxe, na flora e na fauna, alteración do réxime fluvial, do aire e da estrutura e funcionamento dos ecosistemas presentes na zona", insiste.

Verdegaia advirte do enorme consumo de auga e dos moitos problemas ambientais que xeran os campos de golf

Así, lembra que instalacións como a prevista requiren un enorme consumo de auga, "equivalente ao consumo doméstico nunha cidade de 15.000 habitantes". "Ribeira tería que dispor do dobre de auga da que se está consumindo agora", di Verdegaia, que suma a esta necesidade á do consumo dos varios centos de vivendas previstas. "Poderíase garantir un subministro axeitado en todas as épocas do ano para toda a poboación?", pregúntase, tras recordar, ante a posibilidade de abastecerse do rego que transcorre pola finca, que as augas comunican unhas con outras. "En que medida podería afectarlles a outros regos veciños, ou mesmo á hidrografía do Parque de Corrubedo, un consumo de auga como o previsto? Cóntase con algún informe de Augas de Galicia que avalíe os impactos do proxecto para o réxime hidrográfico da zona?", engade.

Ademais, asegura o colectivo ecoloxista, os campos de golf "son monocultivos, cuxo mantemento require o uso de grandes cantidades de fertilizantes e pesticidas que acaban por contaminar as augas subterráneas das que nos abastecemos e provocan perda de biodiversidade". Segundo Verdegaia, os campos de golf ligados a distintas operacións urbanísticas xa están dando "moitos problemas aos seus promotores e aos concellos onde se sitúan". "Executados só para vender pisos ou casas, esmorecen logo no esquecemento e os bancos buscan a quen vendérllelos desesperadamente. Abonda co exemplo de Costa Golf Miño para saber como podemos acabar", di.

O grupo ecoloxista pide ao Concello que faga pública a listaxe de vivendas baleiras en Ribeira antes de modificar o PXOM

Ante a situación, e antes de modificar o PXOM, Verdegaia cre que o Concello "debería facer pública a listaxe de vivendas baleiras que hai en Ribeira e reflexionar e mover a cidadanía a reflexionar sobre a necesidade de construír novas vivendas". "Non queremos outro pelotazo urbanístico en Ribeira", remata.

As dunas de Corrubedo CC-BY-NC-SA Ana Asuero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.