Marcos Maceira, novo presidente da Mesa

Marcos Maceira © A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüística escollerá o vindeiro sábado 26 de abril na Coruña, unha nova xunta directiva na súa Asemblea Nacional. Haberá unha candidatura única, que foi presentada esta mañá en Compostela, e que estará presidida polo historiador Marcos Maceira. As vicepresidencias serán ocupadas por Mónica Pazos Martínez e Carlos Outeiro Baamonde; Susana Méndez será a nova secretaria xeral, Paulo Filgueiras continuará como Coordinador de Zonas, e incorpóranse como vogais Elsa Quintas Alborés e Manuel Rei Romeu.

Será unha candidatura “de continuidade” coa xunta directiva anterior, que durante os últimos doce anos tivo a Carlos Callón de presidente e a Iria Taibo como secretaria xeral

Será unha candidatura “de continuidade” coa xunta directiva anterior, que durante os últimos doce anos tivo a Carlos Callón de presidente e a Iria Taibo como secretaria xeral. Callón e Taibo participaron na presentación de candidatura, que tivo lugar na Libraría Couceiro, e aseguraron que manterán a súa participación activa na entidade. “Se A Mesa non existise habería que inventala”, destacou Carlos Callón.

Na presentación, Maceira dixo ser “consciente da dura situación que vivimos" pero manifestou estar "cheo de esperanza ao comprobar como nos últimos anos a mobilización social en favor do galego medrou exponencialmente, unha mobilización imprescindíbel xa que, segundo a historia demostra, todos os avances que o galego foi conseguindo se deberon á mobilización social do pobo”. 

Maceira manifestou estar "cheo de esperanza ao comprobar como nos últimos anos a mobilización social en favor do galego medrou exponencialmente"

En canto aos obxectivos da súa presidencia, destacou que lle gustaría “acompañar e apoiar un Goberno galego merecente de tal nome no traballo por lle devolver ao noso idioma o status legal e social que lle corresponden como lingua propia de Galiza”, pero destacou que a xestión da Xunta “camiña na dirección oposta”.  Maceira subliña que “Feijóo debería honrar o posto de máis alta representación do pobo galego. Mais se despreza a nosa lingua, o noso maior sinal de identidade, despreza tamén o pobo que representa”. 

 

A nova directiva

“Feijóo debería honrar o posto de máis alta representación do pobo galego. Mais se despreza a nosa lingua, o noso maior sinal de identidade, despreza tamén o pobo que representa”

Marcos Maceira, licenciado en Historia e xestor cultural, é membro da permanente da Mesa e da xestora da plataforma cidadá Queremos Galego desde o seu nacemento. Ademais, desde 2007 é o responsable de coordinar a organización do Correlingua. Representou os Comités Abertos de Estudantes no Consello Escolar de Galiza (1996-98) e continuou na universidade como responsable de Organización dos CAF (1999-2001). Como activista cultural foi decretario (2002-2012) e presidente (2012-2014) da Agrupación Cultural O Galo e vicepresidente da federación de asociacións culturais Galiza Cultura.

Mónica Pazos é profesora de Lingua e literatura galega, participou nos Equipos de Normalización Lingüística de varios centros galegos e ten traballado como activista cultural en diferentes colectivos, entre os que destacan A Pomba do Arco de Foz. Carlos Outeiro é enxeñeiro en Navantia e leva anos exercendo como responsable da Mesa na comarca de Ferrolterra. Susana Méndez é enfermeira e licenciada en Antropoloxía Social e Cultural, é coordinadora da xestora da plataforma Queremos Galego e ocupaba até agora unha das vicepresidencias da Mesa.

Paulo Filgueiras Fachal, coordinador de Zonas da Mesa, é profesor de Lingua e literatura galega. Elsa Quintas Alborés é avogada e coordinadora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos. Manuel Rei Romeu é profesor de Lingua e Literatura galega, crítico literario e un dos maiores especialistas na obra de Castelao.

Marcos Maceira © A Mesa pola Normalización Lingüística

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.