As Catedrais: Morrer de éxito?

Praia das Catedrais CC-BY Andy Roberts

A Praia das Catedrais, en Ribadeo, rexistrou na maior parte dos días festivos desta última semana intensas aglomeracións, longas fileiras de espera nas súas entradas, e atascos de máis de dous quilómetros de lonxitude nos seus accesos, dende a propia autovía. Milleiros de turistas pasaron por elas, facendo moi incómoda a súa visita e poñendo en risco a integridade do espazo e as súas riquezas naturais. O alcalde da vila, Fernando Suárez Barcia (BNG), colgou nos últimos días varios vídeos en youtube nos que chama a atención sobre o sucedido e nos que tamén esixe que as distintas administracións con competencias adopten medidas.

"En Ribadeo estamos moi orgullosos de recibir cada ano máis visitantes. Tamén de que un dos reclamos máis efectivos sexa a universalmente coñecida Praia das Catedrais. Agora so queda que a coñezan a maiores dos de Ribadeo e o resto de cidadáns do mundo os responsables da Xunta e do Ministerio de Medio Ambiente", comeza un dos vídeos. "A ver se entre todos facemos que siga sendo un reclamo turístico e económico de primeira magnitude e non que acabe morrendo de éxito, como todo parece indicar", di

Suárez Barcia denuncia que "se está convertendo nunha romaría na que a xente que nos visita non creo que leve unha boa impresión" e subliña: "estamos na Semana Santa, imaxinádevos o que pode ser isto no verán". Entre as medidas de protección que propón para potenciar o espazo e protexer as súas riquezas está a declaración do Parque Natural das Catedrais.

Fileiras de xente na entrada da praia das Catedrais Dominio Público Fernando Suárez Barcia
Nesta Semana Santa rexistráronse atascos de máis de dous quilómetros nos accesos ao areal Dominio Público Fernando Suárez Barcia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.