“Pasín representaba a quinta cidade, operaria e artesá, socialmente marxinada”

Tumba de José Pasín en Boisaca © orienteeterno.org

José Pasín foi un dos principais piares do obreirismo compostelán de primeiros do século XX. No 1916 presidiu a Federación de Sociedades Obreras y Agrícolas de Santiago. E aínda máis: foi o primeiro concelleiro obreiro da cidade, en 1909, e máis adiante, no 1931, tenente de alcalde ata 1934. O historiador Dionisio Pereira reivindica a súa figura no libro José Pasín Romero: Memoria do proletariado militante de Compostela, (Fundación 10 de marzo). Unha obra que homenaxea a xente anónima que, coma este sindicalista, loitou por dotar á quinta cidade: os traballadores, duns dereitos que agora lles queren volver arrebatar. 

Este libro ten conexións con Sindicalistas e rebeldes, do mesmo xeito que Loita de clases e represión franquista no mar ten que ver con toda a súa investigación anterior arredor do mar. Como xorde?

Pois dun traballo que vén de moi atrás, si. Cando estudaba en Santiago coñecín a Luís Pasín, o neto de José Pasín. Despois Chichi Campos emprestoume Memorias de un luchador, que é un libro que serve para seguir a vida social e política da época, pero é moi desigual, fraccionario. Faltábanlle fontes, e xa daquela pensei en completalo. Volvín atoparme a primeiros dos 2000 con Luís Pasín, e así foi: estiven uns dez anos investigando. A etapa de escrita máis intensa, de dous anos, coincidiu ademais coa de Loita de clases e represión franquista no mar. É certo que teño temas recorrentes, e que non me gusta traballar con présa.

"A estratexia que utilizaban era moi efectiva: facían folgas de ramo, de oficio. Por exemplo, os carpinteiros. E o resto dos oficios, mentres, mantíñanos solidariamente"

Conta vostede no libro que en 1920 houbo 32 folgas en Santiago. É algo hoxe impensable, que ademais se contradí coa imaxe da Compostela levítica...

Son cifras que desde a perspectiva de hoxe resultan abraiantes, si. Desde os anos 70 do século XIX o movemento obreiro foise formando con bases moi firmes, nun ambiente social moi refractario, cunha presenza moi forte da Igrexa. O sentimento gremial, de oficio, serviu de alicerce. En Compostela será ademais, fronte a outras cidades, un movemento de carácter unitario, no que están os libertarios, os socialistas e os republicanos nas sociedades de resistencia. Despois veu a hexemonía da CNT, pero mesmo entón se mantivo certa unión. A estratexia que utilizaban era moi efectiva: facían folgas de ramo, de oficio. Por exemplo, os carpinteiros. E o resto dos oficios, mentres, mantíñanos solidariamente. Esta capacidade de gañar conflitos tiña tamén que ver con que, de cada dous asalariados, un estaba afiliado, malia non representar os asalariados máis do 20 por cento dos veciños. Ademais, en Compostela houbo unha xeración de militantes obreiros moi importante, a máis importante na miña opinión: Manuel Fandiño, José Villaverde, o propio Pasín, Ezequiel Rey, José Silva...

"Unha das virtudes de Pasín foi que tentou que o movemento obreiro e agrarista fose en paralelo"

Parece que un dos obxectivos de Pasín foi a unión dos obreiros en federacións, non si?

En Compostela, as sociedades de resistencia sempre foron de oficio. Non había industrias. Xa dixen que o único que podía facer competencia en altura ás torres da Catedral era a cheminea da Tintorería España. Entón as federacións houbo que facelas tamén por oficios. E Pasín montou a Federación de Sociedades Obreras y Agrícolas de Santiago y pueblos comarcanos, no 1916. Unha das virtudes de Pasín foi que tentou que o movemento obreiro e agrarista fose en paralelo. Cando facían folgas, era moi importante que os labregos non viñesen á cidade para vender os seus produtos, porque senón era imposible parar a actividade.

Ao primeiro simpatizaba cos movementos revolucionarios, pero despois adoptou unha actitude máis posibilista, relacionada se cadra co seu papel como concelleiro. Como foi?

Era un espírito libre, que se guiaba pola súa conciencia. Iso é, para min, o fundamental. Empezou no republicanismo federal. Cando marcha a Pontevedra achégase aos movementos sindicalistas revolucionarios que despois van confluír na CNT. Cando entrou como concelleiro achegouse a Lerroux e, posteriormente, sempre foi elixido como republicano independente. No 14 de abril está na ORGA. É certo que a partir do 34 moderou moito o seu discurso, e está moi perto do Centro de Portela Valladares. Tamén tivo unha participación testemuñal na Vanguardia de Izquierda Republicana de Xoán Xesús González. Co golpe do 36 tivo que pasar tres anos agochado, matáronlle dous fillos... e a partir diso vai endurecer a súa ideoloxía antifascista. Tivera tamén un enfrontamento duro cos cadros da CNT local... sempre foi iso, un espírito libre.

"Co golpe do 36 tivo que pasar tres anos agochado, matáronlle dous fillos... e a partir diso vai endurecer a súa ideoloxía antifascista"

Unha cuestión interesante do movemento obreiro da época era a preocupación pola cultura. Proxectos como Germinal, a Universidade Popular... Como foi en Santiago?

En Compostela a influencia social da Igrexa era moi grande. O nivel de ateneos libertarios ou centros sociais era pequeno en comparación, por exemplo, coa Coruña. Si houbo, na Escola de Artes e Oficios, preocupación pola formación, relacionada co orgullo de ser un bo artesán. Aínda que a Igrexa si serviu para outra cousa: Villaverde, Ezequiel, Pasín... ían á catedral para escoitar como falaban os oradores católicos, pois por alí pasaban os mellores propagandistas católicos do Estado español.

"Pasín era un representante da quinta cidade, é dicir, a Compostela liberal, operaria, artesá, socialmente marxinada pola Compostela dos ‘notables’: a levítica, comercial, fidalga, universitaria"

Como pode resumirse o seu labor como concelleiro en Compostela?

O libro non fala só da tradición obreirista, senón da construción da cidadanía en Compostela. Pasín era un representante da quinta cidade, é dicir, a Compostela liberal, operaria, artesá, socialmente marxinada pola Compostela dos notables: a levítica, comercial, fidalga, universitaria. E ben que o pagou nas celas da Falcona, que visitou máis dunha vez. A súa preocupación, como concelleiro, foron os barrios marxinados. O seu obxectivo é que chegasen aos barrios os mesmos servizos que ao centro: saneamento, traída de auga... servizos que chegaron a destempo, en comparación con outras cidades.

Tamén ten unha traxectoria no xornalismo, como fundador dos xornais La Defensa e Lucha social. Como foi?

Escribía moi ben, e iso vese nas súas Memorias. Os xornais eran parte da loita social e política, e por iso tiveron problemas de censura, multas, querelas... cousas que, desgraciadamente, seguen a pasar.

Que llo digan a vostede... Pasín era unha persoa pragmática, segundo conta. Cando fala do anarcosindicalismo compostelán defíneo como moderado. É a mesma conclusión á que chega no resto das súas obras sobre o anarquismo galego. A que se debeu isto?

Se a CNT chegou a ter o desenvolvemento que tivo, nunha cidade sen tradición obreirista anterior a esta xeración da que estamos a falar, foi por algo. A actitude pragmática, unitaria, tivo moito que ver.

"O que quixen foi reivindicar a esa xente anónima, coma Pasín. Toda esa xente que loitou pola xornada de oito horas, por un salario digno, polos servizos públicos..."

E que opina unha persoa coma vostede, que estudou tanto as loitas obreiras, da actual reforma laboral?

Sen entrar na análise da reforma, direi que o libro comeza cunha frase de Walter Benjamin sobre a memoria dos que non teñen nome. O que quixen foi reivindicar a esa xente anónima, coma Pasín. Toda esa xente que loitou pola xornada de oito horas, por un salario digno, polos servizos públicos.... E dalgún xeito o libro chama a manter unha actitude solidaria e combativa para que todo iso non se perda.

"Estou de acordo cos meus colegas de Nomes e Voces en que a represión afectou a toda a sociedade. Pero non o fixo igual para uns que para outros. E eu penso que afectou máis aos traballadores, sobre todo os organizados sindicalmente"

A súa outra obra recente, Loita de clases e represión franquista no mar, levou unha mención especial do xurado nos premios da Asociación de Editores. Cales foron as principais características distintivas da represión no mar?

Estou de acordo cos meus colegas de Nomes e Voces en que a represión afectou a toda a sociedade. Pero non o fixo igual para uns que para outros. E eu penso que afectou máis aos traballadores, sobre todo os organizados sindicalmente. Entre eles os traballadores de mar, sobre todo os da frota pesqueira industrial. E esta é unha cuestión que non foi sinalada o suficiente, creo que temos que recoñecelos máis. Houbo moita represión, e tamén unha resistencia moi notoria, que adoptou varias formas, como as evasións por mar. Outra característica da represión no mar foi a terrible metodoloxía dos fondeos, que facía que os corpos desaparecesen no mar. As viúvas nunca recuperaban os corpos, e non podían nin cobrar por viúvas...

Dionisio Pereira © Praza Pública
Tumba de José Pasín en Boisaca © orienteeterno.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.