0 Gardados para despois

A incompleta información sobre o aluminio do Monte Neme

Redacción | @prazapublica

A Xunta segue sen aclarar os resultados das analíticas levadas a cabo no Monte Neme, logo de que lle confirmase ao colectivo Salvemos Cabana a toxicidade das augas e os altos niveis de aluminio na balsa que rebentou o pasado mes de febreiro e que causou un desastre "sen precedentes" nas localidades de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica de Bergantiños) ao orixinar unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga.

Salvemos Cabana pide datos concretos das analíticas no Monte Neme e considera "insuficiente" a información recibida

Por iso, Salvemos Cabana considera "lamentable" a xestión pública feita até o momento e xa enviou unha solicitude formal á Consellería de Sanidade para acceder por escrito aos datos concretos das analíticas obtidas por Augas de Galicia, ademais de enviar un informe a este mesmo organismo coa localización por GPS de cada un dos puntos conflitivos no ámbito da antiga explotación mineira para que se proceda ao seu estudo e control de riscos.

Segundo aclara a entidade en defensa do medio ambiente, a Xunta tan só realizou controis en dúas das seis balsas do complexo mineiro: onde rompeu unha delas e causou o accidente e na área de vertedura doutra das balsas. Nestas análises confirmaríase a presenza de elevados niveis de aluminio na balsa que rebentou -aínda que sen coñecerse datos concretos- e de baixo niveis de pH, o que indicaría que as augas seguen a ter elevada acidez.

Os datos confirmarían o elevado nivel de aluminio na balsa que rebentou o pasado mes de febreiro

Non obstante, a información ofrecida pola Consellería, segundo Salvemos Cabana, "foi claramente insuficiente tante por vía oral como por vía escrita e pode inducir a erro". Ante isto, insiste en acceder aos datos concretos das análises e en coñecer as actuacións levadas a cabo para protexer a saúde da poboación potencialmente afectada, "e máis alá dos controis que habitualmente se efectúan nas augas procedentes de depuración".

Tamén reclama que se controlen en analicen as outras balsas mineiras e que a Xunta aclare como vai realizar a drenaxe destas tendo en conta que proxecto de clausura do Monte Neme "é claramente incompleto ao centrar a maior parte dos recursos no maior oco da explotación", deixando á marxe a outras zonas procedentes da antiga explotación metalífera, ás que se considera como "restauradas" pero que "presentan un máis que evidente estado de degradación".

O colectivo considera "alarmantes" oas altos niveis de aluminio e advirte dos riscos que supoñen para a saúde

Salvemos Cabana considera "alarmante" que se detectasen altos niveis de aluminio nas medicións realizadas no Monte Neme, xa que "decenas de estudos médicos a nivel internacional demostran de xeito taxativo que este elemento, de carácter bioacumulable, ten a capacidade de alterar determinadas funcións metabólicas nos seres vivos e actúa como un potente neurotóxico, constituíndo un factor de risco para enfermidades neurodexenerativas". Así, reclama que estes datos "non sexan tomados á lixeira", xa que supoñen "un grave problema de saúde pública".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.