O 22M 'ocupa' oficinas de emprego pedindo "pan, teito e traballo digno"

Concentración ante unha oficina de emprego de Vigo © CUT

Tal e como acordara en asemblea a pasada fin de semana, a Columna Galega das Marchas da Dignidade ocupou este mércores de maneira pacífica tres oficinas de emprego reclamando "traballo digno, pan e teito" nunha protesta que o 22M levou a centos de sedes do antigo INEM en todo o Estado.

Foron varias ducias de persoas as que acudiron á chamada das Marchas da Dignidade na oficina da avenida de Fisterra da Coruña, na de Cánovas del Castillo de Vigo, na da rúa Ramón Piñeiro de Compostela ou en Ourense.  Con numerosa presenza policial, os alí concentrados berraron lemas como "a ti que estás mirando, tamén che están roubando!", "queremos traballar e non emigrar" ou "parado que non loita, ninguén o escoita" ante as miradas dos demandantes de emprego que acudían.

"Parado que non loita, ninguén o escoita", berraron os concentrados

Nas diversas concentracións leuse un manifesto no que o 22M asegura que "hai máis de seis millóns de razóns" para a súa mobilización. "Somos máis de seis millóns de persoas en todo o Estado español as que estamos a sufrir o drama do desemprego. A metade non recibimos ningunha prestación e un millón e medio recibimos a ridícula axuda de 426 €", lembran as Marchas da Dignidade, que aseguran que o paro masivo "é a demostración palpable da ineficacia dun sistema, o capitalismo, que só favorece os intereses dos poderosos e dunhas políticas fracasadas, as da troika, que só miran polos bancos e castigan ás persoas".

"A última reforma laboral, presentada aos catro ventos como a solución, resultou un desastre para a creación de emprego. Cada minuto destrúese un emprego, é a expresión gráfica do fracaso absoluto das políticas neoliberais", insisten, tras denunciar un conxunto de "ataques contra as conquistas e dereitos da maioría social" como o recorte das pensións, a reforma da administración local, a reforma educativa, o desmantelamento das axudas ás persoas dependentes, o pago da débeda, o aumento da idade de xubilación, a destrución dos servizos públicos de sanidade, xustiza ou educación, a perda de poder adquisitivo, a escravitude hipotecaria ou os desafiuzamentos.

O 22M censura o Goberno por unha estratexia conxunta de "ataques contra as conquistas e dereitos da maioría social"

Todo, segundo o 22M, forma parte "dunha brutal ofensiva contra os de abaixo, contra a clase traballadora, contra a cidadanía, contra o pobo". "Buscan roubarnos dereitos para engrosar os seus beneficios e as súas contas nos paraísos fiscais. Proba diso é que desde que estoupou a crise creceu o número de persoas millonarias mentres o número de persoas con pobreza severa dobrouse", insisten.

Ademais, as Marchas pola Dignidade censuran a "represión" que, tal e como sinalan, "busca criminalizar a protesta social ante as actuacións dos gobernos". "Esta é unha mobilización polo emprego digno, contra o pago da débeda, pola renda básica, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por unha sociedade de mulleres e homes libres; é un acto contra un sistema, un réxime e uns gobernos que nos agriden e non nos representan", rematan. "A dignidade segue na rúa".

 

Concentración ante unha oficina de emprego de Compostela Dominio Público @cutgaliza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.