Xorde unha Alianza polo Medio Rural

Dominio Público Praza Pública

O obxectivo das xornadas, organizadas por ADEGA, CIG, a FRUGA e a ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común), é ser un paso máis no establecemento de marcos unitarios en defensa do noso medio rural. Os debates e conferencias terán lugar en Pontevedra, este venres a partir das seis e media tarde, coa presentación das Xornadas e, sobre todo, o sábado, no local social da Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro (Poio). Estas xornadas servirán, igualmente, para a constitución dunha Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, entre os catro colectivos orgnizadores.

"Cómpre poñer enriba da mesa que outra política para o medio rural é necesaria"

En palabras de Xabier Bruña, responsable de ADEGA neste ámbito, "as xornadas xorden dunha situación de abandono do medio rural, que nos obriga a dar resposta". Bruña engade que "non hai unha única causa, son múltiples factores, pero o despoboamento do medio rural é consecuencia das políticas que están aplicando distintas administracións, dende á UE, o Estado e a Xunta. Por iso cómpre poñer enriba da mesa que outra política para o medio rural é necesaria".

"O que se está facendo é deixar sen servizos a moitas zonas do país, só por un cálculo económico inmediato"

Un abandono dende as administracións, un empeoramento nos servizos e un empobrecemento das súas actividades económicas (a poboación activa agraria descendeu nun 55% entre 1991 e 2001) que provocan un despoboamento progresivo, e a ausencias de persoas que xestionen e manexen o día a día dun espazo que representa o 80% do territorio galego. Segundo Bruña, "hai moitas liñas de intervención pública que afectan á xestión do territorio. O que se está facendo é deixar sen servizos a moitas zonas do país, só por un cálculo económico inmediato, porque ten un custe maior, sen ter en conta o seu impacto ambiental e outros factores. Por exemplo, estanse desmantelando escolas na zona rural, e a seguir marcha a xente, e coa xente o territorio queda abandonado e non ten quen o manexe. A medio prazo a administración ten que facerse cargo da xestión deses territorios. Vémolo, por exemplo, nos lumes que se producen nestas zonas, por mor do abandono". 

Bruña conclúe que "estas xornadas queren ser o punto de partida por un Medio Rural Galego Vivo. Ademais presentaranse experiancias doutros territorios que nos poden servir para poñer as bases para o futuro".

 

Programa das xornadas

O groso das xornadas terá lugar ao longo do sábado en Combarro. Ás dez da mañá Mar Pérez Fra, profesora da USC, ofrecerá a conferencia inaugural baixo o título Políticas de desenvolvemento rural. Ás once e media celebrarase unha mesa redonda titulada Un medio rural multifuncional e sustentable, na que participarán: Manuel Da Cal Vasques (Coordinador de FRUGA): A reforma da Politica Agraria Común no horizonte 2014-2020; Anxo Pérez Carballo (secretario confederal de Medio Ambiente da CIG): A xeración de emprego no medio rural; Xabier Bruña García (vogal de Medio Rural de ADEGA): A politica ambiental necesaria; e Xosé Carlos Morgade Martínez (vogal da xunta reitora da ORGACCMM): Os montes veciñais en mán común: xestión comunitaria dos recursos.

Ás sete da tarde do sábado presentarase a Alianza polo Medio Rural

Ás catro da tarde celebrarase unha nova mesa redonda, baixo o título de Diversas experiencias de desenvolvemento rural. Participarán Armando Carballo (Federaçao Nacional de Baldios - Portugal): Os baldios e o desenvolvemento das areas comunitarias; Álvaro Gómez Collado (avogado Futereland Consultores SLP): Xestión dos montes veciñais asturianos; Núria Llabrés (GOB Menorca): A custodia agraria como ferramenta de desenvolvemento rural; Ramón Martín Salvador (experto en Cooperativismo. Duruelo de la Sierra – Soria ): Madeira, transformación e cooperativismo; e Pilar Vispo (labrega de Camanzo, Vila de Cruces): Reconversión dun aproveitamento gandeiro tradicional, nun aproveitamento multifuncional e ecolóxico en Vila de Cruces.

Ás sete da tarde presentarase a Alianza, coa intervención de (Virginia Rodríguez Álvarez, presidenta de ADEGA), Suso Seixo (secretario xeral da CIG), Xurxo Álvarez Pérez (presidente da FRUGA) e Xosé Alfredo Pereira (presidente da ORGACCMM).

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.