0 Gardados para despois

A Xunta 'esquece' a Red Madre para despedir unha muller embarazada

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"Apoiaranse nos despedimentos obxectivos por razóns económicas, agora teñen carta branca para facelo". O pasado febreiro o voceiro do comité de empresa da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial, David Santomil, expresaba deste xeito para Praza Pública os temores que neste ente dependente da Consellería de Industria espertaba a nova reforma laboral. Despois de tres anos de despedimentos, moitos deles anulados xudicialmente por motivos como a "represión sindical", o persoal da fundación temía máis ca nunca polos seus postos de traballo. Os temores estanse a comezar a cumprir. Seguen as rescisións de contratos, cinco nos últimos días, e unha delas é especialmente significativa, por contradicir unha das política que a Xunta sitúa como estrela do seu programa: a protección da maternidade. Unha muller que agarda un fillo vén de ser botada á rúa.

O comité de empresa, no que están representadas CIG, CCOO e UGT, explica que as "razóns produtivas" foron as alegadas pola Fundación Calidade para despedir a esta traballadora, embarazada de oito meses. Isto acontece na mesma semana na que o Goberno da Xunta, a comezar polo presidente, se esforzaban en salientar o seu interese pola "protección da vida en formación" mediante a aplicación da lei pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, a norma xurdida da iniciativa lexislativa popular da Red Madre, plataforma antiabortista impulsada polo ultraconservador Foro Español de la Familia. Nesta liña, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, reiteraba no Parlamento que, en virtude desta normativa, os "non nacidos" computarán como "membros da unidade familiar" á hora de solicitar axudas en materia de vivenda. Pouco despois, Alberto Núñez Feijóo defendía esta medida e, entre críticas de colectivos feministas, aseguraba que "co problema demográfico que ten Galicia, todas as medidas para o incremento de poboación" son "unha excelente idea". Segundo Feijóo, a Xunta foi "felicitada" dende o Goberno central por aplicar os principios da lei da Red Madre e mesmo "van facer súa a idea".

A Fundación despediu tres mulleres embarazadas mentres a Xunta considera os "non nacidos" como "membros da unidade familiar"

Fronte a estas declaracións de intencións, os representantes do persoal da Fundación Calidade coidan que os feitos din que "o Goberno do PP atenta directamente contra a maternidade e facilita a discriminación das mulleres traballadoras". Lembra o comité de empresa que non é a primeira vez que isto sucede no ente dependente de Industria. "Xa son tres as traballadoras despedidas en período de maternidade" no que vai de lexislatura, "se ben an anteriores ocasións as traballadores tiveron que ser readmitidas ao tratarse de despedimentos nulos". Pero a reforma laboral cambia o escenario. Agora, lamentan, "quedan desprotexidas", xa que coa nova normativa "non é preciso que a entidade deba acreditar e xustificar a razonabilidade" do despedimento, "mesmo das mulleres embarazadas".

Despedimentos e privatizacións

Á marxe deste caso concreto, os traballadores enmarcan estes despedimentos no marco da integración da Fundación na nova Axencia de Innovación, que a Xunta está a poñer en marcha. Das 230 persoas que traballaban no organismo ao comezo da lexislatura "quedan pouco máis de 100" mentres a nova axencai "está conformada maioritariamente por cargos directivos" e "non dispón dunha relación de traballadores definida". Isto, sinalan, prodúcese mentres o Goberno galego gasta "case dous millóns de euros en licenzas de software privativo para xestións de bases de datos da Xunta". Do mesmo xeito, tal e como ten informado Praza, o comité de empresa explica que "todo o relacionado coa banda larga, coas axudas para a implantación de Internet nos fogares" e outras liñas semellantes que antes xestionaban eles "foi externalizado", isto é, privatizado, ata o punto de que técnicos de empresas privadas "viñeron traballar ás nosas oficinas e, a raíz da presión sindical, conseguimos que foran traballar a outro sitio".

Só no pasado verán estas privatizacións superaron o medio millón de euros. Nomeadamente, a Fundación iniciou o pasado verán os trámites para contratar varios servizos privados para realizar o labor que antes facían os seus propios traballadores. Así, por exemplo, 121.500 euros foron para un servizo de "consultoría para o fomento do software libre", 104.000 euros máis IVE para unha "consultoría en actuacións derivadas da Axenda Dixital Galicia 2014.gal" e outros dous contratos, de 163.000 e 122.500 para, precisamente, desenvolver e facer seguemento do Plan de Banda Larga.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.