"O ser humano debe ter liberdade de circulación, para ir buscar a vida onde poida"

Mesa redonda sobre 'A atención á poboación inmigrante' © Jorge M. de la Calle

"Nós seguiremos usando todos os nosos medios para vir a Europa, porque é onde levaron e seguen levando as riquezas de África Non imos quedar alí onde non hai nada". Nas xornadas A emigración hoxe en Galiza, celebradas o pasado martes en Ourense, o senegalés Mamadou Niass, voluntario de Asala (Asociación Sociocultural Afrolatina), explicou en primeira persoa e con gran claridade as razóns e as dificultades da poboación migrante. O encontro, organizado por Anova Ourense, con achegas académicas e tamén dos movementos sociais, celebrouse en instalacións da Universidade, despois de que os responsables de Espazo Xove (a antiga Casa da Xuventude) se negasen a acoller o evento. 

A xornada buscaba afondar na situación das persoas migrantes, con crecentes dificultades para entrar en España, pois "os últimos acontecementos están demostrando que 'todo vale' con tal de que as persoas migrantes non poidan cruzar a fronteira: concertinas, devolucións ilegais, a utilización de material antidisturbios que pon en perigo a vida destas persoas". E tamén con novos obstáculos para as persoas xa residentes, despois de que o Goberno do Partido Popular suprimise o dereito universal á atención sanitaria, nunha medida destinada a deixar a poboación migrante non regularizada fóra do sistema de protección.

"O ser humano debe ter liberdade de circulación, para ir buscar a vida onde poida. Cando eles ían a África hai uns séculos a vender os nosos bisavós, aí si que non había fronteiras"

Mamadou Niass fixo unha análise crúa da situación que se vive en África: “fomos explotados, seguimos sendo explotados e seguiremos sendo explotados”, dixo, “en África temos riqueza, somos un continente moi rico, pero durante séculos esta riqueza foi roubada, o noso continente foi economicamente saqueado. E isto seguirá pasando, porque os nosos líderes en África, os dirixentes dos gobernos dos países africanos son simplemente representantes dos gobernos europeos, non velan polos nosos intereses”.

Foi moi crítico coa política de fronteiras do Goberno: "España retrátase cando pon coitelas nas vallas, é unha vergonza. O Goberno fala de dereitos humanos, pero o ser humano non lles importa, non entenden a situación de persoas que teñen a esperanza de ter unha vida digna, pero que cando chegan á fronteira só atopan coitelas". E engadiu que "o ser humano debe ter liberdade de circulación, para ir buscar a vida onde poida. Cando eles ían a África hai uns séculos a vender os nosos bisavós, aí si que non había fronteiras". "Non lles interesa que saiamos do pozo, a competencia non lles interesa. Ten que existir un terceiro mundo para que exista un primeiro. Utilizan a pobreza, e utilizan os pobres", concluíu, despois de rexeitar as "axudas" ou a "caridade" que ás veces se ofrece a África; "se queres axudar un pobo, deixa simplemente que aproveite as súas riquezas, non llas roubes, como está pasando por exmeplo cos acordos de pesca", dixo.

"Nós vimos aquí a traballar, para que a nosa familia saia da pobreza, como fixeron os galegos durante séculos. Vimos a traballar e temos dereito a facelo"

Niass sinalou que "nós non vimos buscando turismo de sol, xa temos bastante sol no noso país. Nós vimos aquí a traballar, para que a nosa familia saia da pobreza, como fixeron os galegos durante séculos. Vimos a traballar e temos dereito a facelo. Ninguén nos regala nada, ti non verás un senegalés roubando ou pedindo pola rúa". Queixouse, así mesmo, do tratamento mediático que sofre o seu colectivo: "ves como os gobernos e os medios empregan contra nós unhas palabras terribles, como 'avalancha'. É duro e indignante. Se eles non roubaran todo o que roubaron, nós non nos veriamos nesta situación, tendo que soportar as miradas de rexeitamento, que entres nun sitio e pensen que vas roubar".

"Nós seguiremos usando todos os nosos medios para vir a Europa, porque é onde levaron e seguen levando as riquezas de África, Non imos quedar alí onde non hai nada"

"Os europeos séntense superiores? Problema deles, se teñen complexo de superioridade. Nós non nos sentimos inferiores. A única guerra que pode facer África é a mistura das razas no primeiro mundo, a mestizaxe", engadiu, "nós seguiremos usando todos os nosos medios para vir a Europa, porque é onde levaron e seguen levando as riquezas de África, Non imos quedar alí onde non hai nada".

 

"Sobredimensión" da realidade

Anova Ourense, organizadora da xornada, denunciou "a linguaxe bélica aplicada dende os medios de comunicación", que non se axusta á realidade

Anova Ourense, organizadora da xornada, denunciou "a linguaxe bélica aplicada dende os medios de comunicación", que non se axusta á realidade e "contribúe a crear unha falsa alarma na sociedade". De igual xeito, sinalou que se están a utilizar cifras desproporcionadas de persoas inmigrantes e a sobredimensionar unha realidade "para tapar a inxustificable violación de dereitos humanos". Ademais, denunciou o mantemento de "desigualdades estruturais, o saqueo sistemático do Norte sobre o Sur e a redución en catro anos un 70% as axudas do Estado á cooperación". Tamén esixiu a prohibición "do uso de material represivo e quitar de vez as malchamadas concertinas, eufemismo de coitelas". De igual xeito demandou o peche dos CIEs, "na práctica auténticos campos de concentración de inmigrantes nos que se vulneran diariamente os seus dereitos humanos".

 

Polo regreso da atención sanitaria universal

Inés Fernández de Córdoba (Médicos do Mundo) criticou que nos centros de saúde hai “unha grande falta de información”

Pola súa banda, Inés Fernández de Córdoba (Médicos do Mundo), denunciou a modificación lexislativa que acabou co dereito universal á saúde en España, cuxos efectos sofren sobre todo as persoas migrantes. Enumerou os servizos de asesoramento e información que emprestan a estas persoas, para que vaian superando as dificultades coas que se atopan á hora de recibir atención. Neste senso, criticou que nos centros de saúde hai “unha grande falta de información”, que leva a que o persoal administrativo non lles explique convenientemente ás persoas migrantes que alí acoden os requisitos e trámites que teñen que superar para ter dereito a seren atendidos.

Subliñou así mesmo que aínda que no Decreto publicado se afirma que as mulleres embarazadas teñen dereito a asistencia gratuíta, dende os centros se lles entrega un documento a xeito de factura, un compromiso de pagamento, que non os obriga a pagar, pero que en moitas ocasión polas dificultades idiomáticas, as persoas migrantes están aboando. De igual xeito, os menores de idade, que teñen dereito á asistencia sanitaria, están atopando un obstáculo engadido, pois a Xunta esixe un informe dun traballador social. En moitas ocasións as nais, por medo ou descoñecemento, non realizan este trámite, e o menor de idade queda sen acceder ao sistema sanitario, a pesar de ter todos os dereitos legais a facelo.

Indicou que algunhas medidas postas en marcha por comunidades autónomas, entre elas Galicia,”son só un parche”, e reclamou o retorno do dereito universal á atención sanitaria, suprimido nos últimos anos

Finalmente indicou que algunhas medidas postas en marcha por comunidades autónomas, entre elas Galicia,”son só un parche”, e reclamou o retorno do dereito universal á atención sanitaria, suprimido nos últimos anos. Sinalou tamén a “falta de transparencia” nos datos oficiais achegados polo Goberno central sobre as tarxetas sanitarias retiradas e sobre o número de persoas que en total perderon o seu dereito á saúde.

Tamén interveu Irene Pérez Docampo, antiga traballadora de Galicia Terra de Acollida, unha entidade situada no barrio ourensán do Couto que se viu obrigada a pechar polo recorte das axudas públicas. O seu labor centrábase, sobre todo, na información e asesoramento á poboación inmigrante da cidade, chegando a traballar ao mesmo tempo con máis dun milleiro de persoas, para salvar dificultades relacionadas coa lingua ou con trámites administrativos.

Conferencia de Luca Chao (UDC) sobre 'Os movementos migratorios en Galiza' © Jorge M. de la Calle
A xornada de debate celebrouse o pasado martes en Ourense © Jorge M. de la Calle

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.