O Mundial fala galego e o galego é mundial

Neymar, no Mundial, fala galego © omundialfalagalego.com

"O Mundial fala galego e o galego é mundial". Con esta frase poderíase resumir a campaña que desde o vindeiro 17 de maio porá en marcha a AGAL (Associaçom Galega da Língua) de cara ao vindeiro Campionato do Mundo de fútbol que se celebrará no Brasil neste verán. "Todo o planeta conhecerá e estará pendente do que é o jogo bonito, a torcida, a bola na rede, as bancadas ou umha folha seca. O galego, que batizado como português percorreu milhares de milhas náuticas, será centro da atençom de muitos lares nos cinco continentes", advirte a asociación na web que supón o punto de partida para unha iniciativa que pretende volver amosar á sociedade que o galego "vale para o dia a dia mas também para eventos tão importantes coma este".

"O galego, batizado como português, será centro da atençom de muitos lares nos cinco continentes", reivindica a campaña

Así o aclara Miguel R. Penas, presidente da AGAL, que encadra esta campaña (O Mundial fala galego) dentro das liñas que a asociación se marcou para este ano e coas que intenta amosarlle unha vez máis á sociedade galega que a súa lingua propia abrangue moito máis que Galicia. Que vale para todo, pero que neste 2014 "valerá, também, para organizar, e ser o eixo central, do mais grande espetáculo futebolístico internacional como é a Copa do Mundo". "Umha língua mundial para o Mundial. A norma do mundo é nossa", di o manifesto pendurado na web en referencia ao lema que os brasileiros adoitan usar para presumir da súa supremacía futbolística.

A campaña inclúe o vídeo dun partido de fútbol, anuncios en diferentes medios e unha completa web para seguir o Mundial

O Mundial fala galego ten varias fases e a primeira delas iniciouse co lanzamento da web, do manifesto e dos diferentes lemas e continuará o vindeiro sábado 17 de maio, Día das Letras, coa gravación dun vídeo no campo de Belvís de Compostela, onde dous equipos, un de amarelo e outro de vermello, xogarán un "jogo simbólico" que se incorporará logo ás diferentes iniciativas.

"As pessoas e coletivos que entendemos o galego como esta língua extensa, internacionalmente conhecida como português, queremos mostrar à nossa sociedade como este ano um dos maiores eventos desportivos será desenvolvido nesta nossa língua", di AGAL, que insiste en que "longe das visões derrotistas e (auto)limitadoras" é necesario "ver na língua um ponto de uniom e umha riqueza coletiva para toda a cidadania galega". "O galego é sinal que nos caracteriza, que nos singulariza, mas igualmente é chave que nos abre grandes oportunidades", asegura.

Pero haberá moito máis. A web incluíra desde esta mesma semana opinións de diferentes persoeiros que explicarán por que para eles o galego tamén é mundial e levarase a cabo unha campaña de crowdfunding para poder incluír banners e publicidade en grandes medios de comunicación, ademais dos anuncios que se incluirán xa en medios en galego e que serán financiados cos fondos da propia AGAL.

Do mesmo xeito, e durante a disputa do campionato no Brasil, a web d'O Mundial fala galego completarase con contidos desde os que se pdoerá acceder a vídeos en portugués, blogs de interese sobre o torneo na mesma lingua, así como un seguimento dos movementos de protesta que se están a celebrar no país durante os últimos meses e que seguirán durante o evento.

Neymar e Ronaldo, figuras do Brasil e de Portugal, son os dous xogadores que a campaña usa para difundir a relevancia dun galego internacional

Como recoñece Miguel R. Penas, o deporte de masas e o Mundial son eventos que serven para "conectar com a gente nova que gosta do futebol". Por iso tamén que a campaña empregue as figuras dos xogadores Neymar e Cristiano Ronaldo, os respectivos líderes e figuras do Brasil e de Portugal, lembrando que eles dous "falan galego".

"É preciso reconhecermos o Brasil como país galegofalante ao tempo que reconhecemos a Galiza como lusófona", reivindica esta campaña, que se apoia no fútbol como "principal desporto na Galiza, no Brasil e em Portugal" e que "aproveita esta oportunidade" para volver berrar con forza que "a nossa língua é mundial".

Neymar, no Mundial, fala galego © omundialfalagalego.com
'O Mundial fala galego' © omundialfalagalego.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.