0 Gardados para despois

O Deza clama contra a incineración no Día da Terra

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Nin no Irixo nin en ningures. Ese podería ser un resumo do clamor expresado este domingo por máis dun milleiro de persoas nas rúas de Lalín. Convocada pola Plataforma Galega contra a Incineración cadrando co Día da Terra, o cerne da protesta estivo no rexeitamento ao proxecto á instalación da coñecida como Sogama do sur no concello ourensán do Irixo, mobilizado dende hai meses contra un plan que prevía a construción dunha planta incineradora de lixo promovida pola empresa Estela Eólica, que a incluiu como parte do seu plan industrial no concurso eólico. Pero mentres este emprazamento anunciado polo Goberno galego en decembro perde forza non só pola oposición veciñal pero tamén política -mesmo dentro do propio PP- múltiples colectivos sociais e políticos, encabezados polos movementos ecoloxistas, subliñan que non abonda con cancelar o proxecto do Irixo. Cómpre "un cambio de modelo", din.

"Incineradora non, reciclaxe" ou "incineradora=morte" foron algúns dos lemas que se puideron ver nas pancartas e cuxa intención resumía a voceira da plataforma, Tamara García. "Non queremos outra planta, nin en Deza, nin no Irixo", pero tampouco no resto de Galicia, porque "modificando a política de residuos ten que sobrar" mesmo tamén "a que hai en Cerceda", a de Sogama. Á comitiva, encabezada por un cadaleito negro que simbolizaba o futuro do Irixo cunha incineradora, uníronse tamén as dúas forzas da oposición parlamentaria galega. Dende o PSdeG o seu secretario de organización, Pablo García, coincidiu en que Galicia non precisa unha nova incineradora, senón apostar por modelos baseados na reciclaxe ou na compostaxe, como defenden múltiples "expertos", subliña. 

Tamén o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, resaltou a existencia de "alternativas á incineración de residuos sólidos, pero o PP -censura- empéñase en aplicar o modelo de queimalo todo". Neste escenario, o nacionalista coida que son fundamentais "o compromiso cidadán e das administracións públicas" para "buscar solucións máis racionais" no tratamento do lixo. "Existen outras alternativas que non pasen por incinerar e provocar un dano medioambiental irreparable", salientou en compaña das deputadas Carme Adán e Tareixa Paz.

Iniciativa lexislativa popular

A ILP tentará que o modelo Sogama pase a ser "marxinal" no tratamento do lixo en Galicia

A oposición á nova incineradora de residuos non quedará nesta protesta nin nos actos reivindicativos que poidan vir no futuro. Dende a plataforma adiantan que, "moi probablemente", nunhas dúas semanas, teñan xa preparada a iniciativa lexislativa popular contra a incineración de residuos para poder rexistrala no Parlamento. Nomeadamente, a ILP procurará a "aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos", cun novo sistema que, din dende o grupo promotor, será tamén máis económico, xa que actualmente se "gasta moito máis na incineración e no verquido que no resto de medidas" de tratamento do lixo.

Nesta liña, a iniciativa tratará de establecer por lei que a reciclaxe e reutilización non sexan inferiores ao 60% dos residuos xerados en Galicia, marcándose ademais un obxectivo de redución do 15%. Do mesmo xeito, tentarán que o modelo Sogama pase a ser "marxinal" mediante a construción de plantas de reciclaxe que traten 40.000 toneladas de lixo ao ano. Para lograr estes obxectivos o primeiro que terá que lograr a plataforma é xuntar 15.000 sinaturas, indispensables para que a Mesa da Cámara galega aborde a súa toma en consideración.

Os veciños do Irixo, contra a incineradora

Manifestación contra a incineradora en Lalín

Pancarta da plataforma do Deza

Un intre da protesta polas rúas de Lalín

Carteis contra a incineradora

Unha manifestante contra a incineradora

Pancarta da Plataforma Galega contra a Incineración

Concentración dos manifestantes

Lectura do manifesto

Manifestación contra a incineradora do Irixo

No remate da marcha

Unha familia, na manifestación

Contra a incineradora

Un simbólico cadaleito, á fronte da protesta

Protesta contra a incineración en Lalín

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.