0 Gardados para despois

Usuarios e profesionais, contra o deterioro da atención á saúde mental

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Entre 70.000 e 80.000 galegos e galegas padecen trastorno mental grave, segundo datos do Movemento Galego da Saúde Mental, e entre 27.000 e 41.000 non poden acceder "ao sistema de atención á dependencia ao que teñen dereito", segundo esta mesma entidade. Esta plataforma, formada por máis de 280 profesionais, así como organizacións de familiares e afectados e sindicatos como CIG e CC.OO. constituíuse o pasado mes de marzo como resposta á "situación preocupante" da saúde mental en Galicia, motivada sobre todo polos recortes orzamentarios e a limitación de recursos, pero tamén pola dificultade de acceso aos recursos existentes, pois -segundo denunciou o propio Movemento- entre un 20 e un 30 por cento das camas de hospitalización psiquiátrica están sen ocupar "en períodos prolongados". Tamén se criticaban outros aspectos, non relacionados coa dotación económica dos equipos e centros, coma a "carencia de información oficial" sobre a saúde mental en Galicia, ou a ausencia "dun plan, un proxecto ou unha traxectoria de futuro".

Entre 70.000 e 80.000 galegos e galegas padecen trastorno mental grave, segundo datos do Movemento Galego da Saúde Mental, e entre 27.000 e 41.000 non poden acceder "ao sistema de atención á dependencia ao que teñen dereito"

A paralización do Plan Estratéxico de Saúde Mental (2006-11), a escaseza de recursos (por exemplo, a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, inaugurada no 2012 en Compostela conta con sete camas para toda Galicia), ou o peche de camas durante o verán, elevaron nos últimos meses as críticas de profesionais, usuarios e familiares, que denuncian o progresivo deterioro do sistema de atención á saúde mental en Galicia. Os principais sindicatos sinalaron que o peche das 21 camas de hospitalización psiquiátrica no Hospital Gil Casares de Compostela (finalmente paralizado pola Xunta ante as protestas) supuña "o comenzo da desaparición desa Unidade de Hospitalización". A medida supuña reducir nun 40% o número total de camas da Área Sanitaria, recortando a súa dotación na cuarta parte do mínimo proposto pola OMS para unha poboación como a de Compostela. Para os principais sindicatos, a medida resultaba especialmente grave "ante o deterioro da saúde mental que estamos a vivir como consecuencia da xestión da crise, do empobrecemento de amplos sectores da poboación, e da ausencia de futuro para moitas persoas". Un dos usuarios do Hospital de Dia, Yora, gravou un rap, publicado en Soundcloud, no que denuncia o plan de peche da Unidade do Gil Casares.

A pesar do anuncio de paralización da medida, os sindicatos advirten de que se manterán "vixilantes" pois "ao final intentarán pechar a Unidade cando alcancen a cantidade de 'camas inactivas' que necesitan para argumentar o que pretenden. Nese plan as necesidades e os dereitos sanitarios non están a ser considerados, o obxectivo é meramente o de cadrar os balances". Os sindicatos acusaran o Goberno galego de levar a cabo unha política "aparentemente deliberada de "restricción do acceso ó ingreso hospitalario a persoas necesitadas del, ao seren rexeitadas en urxencias a pesar do seu risco e necesidade. É dicir: ingresar menos -aínda que estivera indicado-, dar de alta máis rápido, e como consecuencia concluir que as camas son innecesarias".

De igual xeito, a Federación de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) difundiu recentemente un comunicado no que amosaba a súa "radical" oposición ao "peche ou diminución de recursos, tanto materiais como humanos, dedicados á saúde mental en Galicia; xa sexan unidades de saúde mental de media e longa estancia, centros de rehabilitación ou recursos de integración social" e no que tamén rexeita "os peches estacionais destes recursos". Apoia, por suposto, o peche dos psiquiátricos clásicos ou manicomios, "unha reivindicación histórica que empezou coa reforma psiquiátrica contemplada na Lei de Sanidade de 1986" e sinala que "a supervivencia dos manicomios en Galicia" (en Conxo e no Rebullón) "enfróntanos directamente a un dos peores episodios do noso pasado no que respecta á dignidade e cumprimento dos dereitos máis básicos das persoas con enfermidade mental". Con todo, FEAFES sinala que a oposición a estes centros psiquiátricos "non xustifica baixo ningún concepto a inexistencia de unidades de media e longa estancia que lles garantan unha boa atención ás persoas con enfermidad mental grave".

Semella que a Xunta está fracasando tanto na posta en marcha e dotación destas unidades de media e longa distancia, coma no anunciado peche dos antigos manicomios

En calquera caso, á vista da realidade, semella que a Xunta está fracasando tanto na posta en marcha e dotación destas unidades de media e longa distancia, coma no anunciado peche dos antigos manicomios. En 2011 o Goberno galego comezou o baleirado total dos psiquiátricos de Toén e Castro de Ribeiras de Lea, e está previsto que o centro vigués do Rebullón peche por completo no momento en que se inaugure o novo hospital da cidade. Quedaría unicamente o psiquiátrico de Conxo, que en 2012 aínda acollía 336 pacientes de longa estadía, segundo as cifras achegadas no Parlamento polo director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial. Porén, o plan da Xunta para pechar definitivamente estes centros, de acordo coa Lei de Sanidade de 1986, avanza cunha lentitude que xa fixo espertar as críticas da oposición. De feito, dende o ano 2009 tan só 79 pacientes saíron de Conxo en dirección a centros psiquiátricos concertados ou residencias xeriátricas. Unha ineficacia que, como lembrou Ana Pontón (BNG) na Cámara, levou á dimisión do director de saúde mental da área sanitaria de Compostela, Luis Ferrer i Balsebre.

 

O efecto dos recortes

Para Miguel Anxo García Álvarez, os actuais recortes están "limitando os dereitos asistenciais destas persoas. Están a ser danados os dereitos asistenciais e son restrinxidas de feito as prestacións sanitarias recoñecidas como dereito por lei á cidadanía"

O Movemento Galego da Saúde Mental alertou que os recortes en persoal estaban a provocar igualmente unha excesiva distancia entre consultas sucesivas, creando unha situación de risco; e incrementando a "inseguridade dos pacientes. Para Miguel Anxo García Álvarez, psicólogo clínico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e portavoz da plataforma, os actuais recortes están limitando os dereitos asistenciais destas persoas. Están a ser danados os dereitos asistenciais e son restrinxidas de feito as prestacións sanitarias recoñecidas como dereito por lei á cidadanía". Miguel Anxo García sinalou tamén que “o duro está en urxencias cada noite, cando as persoas, achegándose nunhas condicións moi malas a nivel psíquico encóntrase que un recurso que podería alivialas e beneficialas no seu sufrimento, o teñen pechado, ou se lles atende e se lles manda de volta, e chega a ocorrer varias veces. Estamos falando de porta xiratoria en urxencias”.

Os profesionais tamén sinalaron que os recortes están a "deteriorar gravemente as condicións para o exercicio da actividade dos profesionais da saúde mental como consecuencia da dinámica de funcionamento dos servizos e institucións sanitarias, da incertidume laboral e do incremento de carga asistencial, do incumprimento das indicacións de ratios de doentes por profesional". O documento elaborado en febreiro pola Asemblea da Saúde Mental de Galicia concluía: "pódense facer outras políticas sanitarias en saúde mental: é unha cuestión de opcións a tomar, intereses a defender e prioridades a atender. Mais a saúde mental non parece ser unha preocupación dos nosos gobernantes.

A este respecto, Alberte Araúxo, psiquiatra no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, sinalaba nun artigo de opinión publicado este luns en Praza que "o goberno do PP, tamén en saúde mental, contempla a anemización até a morte por inanición do sistema público, potenciando en todo caso o concerto de recursos que, segundo a oportunidade, serán entregados aos 'negociantes amigos'”.

 

Incremento dos suicidios

O Movemento Galego da Saúde Mental alertou igualmente do incremento da taxa de suicidios en Galicia

O Movemento Galego da Saúde Mental alertou igualmente do incremento da taxa de suicidios en Galicia, algo que "non se pode separar da crise económica", segundo Miguel Anxo García Álvarez. Entre 2011 a 2012 a taxa na provincia de A Coruña de 11,7 a 13,1 casos por cada cen mil habitantes; en Lugo, de 13,4 a 16,1; en Pontevedra, de 8,5 a 9,1; pola contra, en Ourense baixou de 12,9 a 11,8. Nunha entrevista publicada en Praza, en xaneiro de 2013, García Álvarez salientaba que "todas as crises que provocan desemprego e empobrecemento aumentan os índices de suicidio" e criticaba que "a responsabilidade de culpa que se lle inculca á xente con algunhas declaracións actúa moi destrutivamente". Este psicólogo clínico pedía seguir as recomendacións da OMS, potenciando a atención primaria e os recursos destinados a ela.

'Fóra'

Fóra (Xan Gómez Viñas e Pablo Cayuela, 2012)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.