Mobilizacións en toda Galicia para pedir o indulto de Ana, Tamara, Carlos e Serafín

Manifestación a prol do indulto para Tamara e Ana CC-BY-SA FB-Indulto para Ana y Tamara

Os tres principais sindicatos de Galicia, CIG, CCOO e UGT, convocan para este xoves 22 concentracións en seis cidades do país en solidariedade cos catro galegos condenados a tres anos de cadea pola participación en piquetes durante unha xornada de folga. As tres centrais chaman á cidadanía a mobilizarse para exixir o indulto para Tamara e Ana e mais para Carlos e Serafín, condenados a tres anos de cadea, “penas desproporcionadas, inxustas e abusivas coas que pretenden amedrentarnos e debilitar a nosa capacidade de resposta como clase”.

Seis concentracións pedirán o indulto para Carlos, Serafína, Ana e Tamara e denunciarán as penas "inxustas e abusivas" que sofren

Defender os dereitos da clase traballadora non é delito! Ese será o lema das manifestacións que se desenvolverán en todas as cidades galegas agás Vigo -onde xa se celebraron tamén numerosas manifestacións pedindo o indulto- e onde CCOO, CIG  UGT lembrarán que as penas de prisión supoñen "un castigo" para Tamara, Ana, Carlos e Serafín, persoas “que se significaron na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras”, pero sempre “dentro da máis estrita legalidade”.

Para os tres sindicatos, estes castigos enmárcanse na “represión” contra a clase traballadora "que caracteriza os gobernos do PP". "Desta maneira, ademais dos recortes económicos, laborais e sociais que xa houbo cómpre sumar as pretensións de acabar con dereitos fundamentais como os de folga e manifestación, para o que se prevé reformar o Código Penal e aprobar a chamada Lei de seguridade cidadá", advirten os sindicatos nun comunicado, que destacan que os tribunais que ditaron as devanditas sentenzas "converteron nun delito a defensa dos seus dereitos, a loita por condicións de vida e de traballo dignas”.

CIG, CCOO e UGT denuncian conxuntament a "reiterada criminalización da resposta social, especialmente a sindical"

Nas concentracións que se levarán a cabo sobre o mediodía lerase un manifesto conxunto na que os tres sindicatos denuncian a "reiterada criminalización da resposta social, especialmente a de carácter sindical" e "contra todas aquelas persoas e movementos sociais que, no libre exercicio de dereitos fundamentais, se opoñen ás políticas antisociais do Goberno".

CIG, CCOO e UGT lembran que no transcurso das folgas convocadas nos últimos anos para a mellora das condicións laborais sucedéronse numerosas denuncias que participaron nestas mobilizacións. En 2008, durante a negociación do convenio provincial de transporte de mercadorías da provincia de Pontevedra; no 2010, nas negociacións do convenio galego de instalacións deportivas; e no 2012, no transcurso da folga xeral do 14 de novembro.

Os catro galegos foron denunciadas e condenadas a tres anos de cadea por participar en folgas durante negociacións de convenios colectivos

Como consecuencia destas denuncias, varias persoas foron sometidas a xuízo e condenadas a tres anos de cadea. Foi o caso de Serafín e Carlos, traballadores do transporte de mercadorías, ou de Ana e Tamara, traballadoras do sector de instalacións deportivas. Os sindicatos recordan tamén que os recursos presentados contras estas sentenzas "foron rexeitados, así como a primeira solicitude de indulto de Serafín e Carlos". Nestes momentos está solicitado o indulto para Ana e Tamara e un segundo indulto para os outros dous sindicalistas.

Tal e como lembra o manifesto, os casos de Ana, Tamara, Serafín e Carlos non son os únicos. "No noso país xa se teñen dado máis, pero tamén no resto do Estado: na actualidade hai preto de 40 casos similares". Os sindicatos censuran que as condenas que solicitan as fiscalías son "penas desproporcionadas, inxustas e abusivas". "Os tribunais colaboran na máis brutal represión contra a clase traballadora, convertendo nun delito a defensa dos seus dereitos, a loita por condicións de vida e de traballo dignas", din.

"Os tribunais colaboran na máis brutal represión contra a clase traballadora", denuncian os sindicatos

"Mentres o poder actúa con esta dureza contra a clase traballadora, a Fiscalía e os tribunais manteñen unha actitude de total pasividade diante dos empresarios e empresarias que ameazan, coaccionan e vulneran todos os días os dereitos dos seus empregados e empregadas. Déixase de manifesto, unha vez máis, a que intereses responden o Código penal e o aparato xudicial responsable de aplicalo", insisten CCOO, UGT e CIG, que acusan "clara e directamente" o PP pola súa política "elitista, represiva, de confrontación co movemento obreiro e de recorte das liberdades públicas". "Retrotráenos en moitos aspectos ao franquismo porque nin tan seqeura nos últimos anos da ditadura se pedían penas de prisión tan elevadas por defender a clase traballadora", insisten.

Por todo isto, os sindicatos chaman "a toda a clase traballadora e o pobo galego a responder contra esta inxustiza e a rexeitar a persecución penal da liberdade sindical" e insta o Goberno do Estado a "anular calquera orde de ingreso en prisión para Tamara, Ana, Serafín e Carlos; que lles conceda o indulto, petición que facemos extensible a calquera compañeiro ou compañeira que se poida atopar na mesma situación".

 

HORARIOS E LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS

  • A Coruña: 12:00 h, diante da delegación do Goberno (participarán os tres secretarios xerais)
  • Ferrol: 12:00 h, diante do edificio da Xunta
  • Compostela: 11:30 h, diante da sede da Xunta en San Caetano
  • Lugo: 12:00 h, diante da Subdelegación do Goberno
  • Ourense: 12:00 h, diante da Subdelegación do Goberno
  • Pontevedra: 11:00 h, diante da Audiencia Provincial
Dominio Público Praza Pública
Manifestación a prol do indulto para Serafín e Carlos CC-BY-NC-SA CIG-Avantarvideos
Manifestación a prol do indulto para Tamara e Ana CC-BY-SA FB-Indulto para Ana y Tamara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.