Milleiros de traballadores agardan nas listas de substitución do Sergas, que opta por pechar camas

'Deitada' de protesta no Meixoeiro de Vigo © CIG

Por que o SERGAS vai deixar fóra de servizo 1.200 camas nos hospitais galegos este verás, "o maior peche de camas da historia", como denuncian os sindicatos? Até hai uns días o Goberno galego sempre argumentara que esta "reorganización asistencial no período estival" se facía para "mellorar a eficiencia e a xestión dos recursos" e "obedece á racionalización dos recursos físicos e humanos". Unha xerga tecnocrática na que os sindicatos detectaban que se poñía o obxectivo do aforro por riba da calidade asistencial.

Porén, este mércores o deputado popular Aurelio Núñez Centeno afirmou na Comisión Parlamentaria de Sanidade que o peche de máis de mil camas no verán se debía a un pacto cos sindicatos. Núñez Centeno responsabilizou da situación aos traballadores por ter un mes de vacacións, e aos sindicatos de asinar un acordo para que, a cambio dese mes de vacacións se levara a cabo o peche. "É absolutamente falso. Nunca existiu acordo algún deste tipo entre os sindicatos e o SERGAS”, sinalou María Xosé Abuín (CIG-Saúde), o mesmo que Ángel Cameselle (CC.OO.) que tamén desementiu ese suposto pacto, "entre outras cousas porque a Consellaría despreza a negociación".

"É responsabilidade da administración substituír a ese persoal polos compañeiros inscritos nas listaxes de contratación do SERGAS, para garantir o normal desenvolvemento da actividade"

Uns e outros lembraron o dereito de todos os traballadores e traballadoras a dispoñer dun mes de vacacións e María Xosé Abuín sinalou que "só nos imos de vacacións o 25% de persoal cada mes, por iso non está xustificado ese peche de camas”. Ademais, salientou que "é responsabilidade da administración substituír a ese persoal polos compañeiros/as –profesionais altamente cualificados para o desempeño da actividade normal- inscritos nas listaxes de contratación do SERGAS, para garantir o normal desenvolvemento da actividade e dar cobertura ás necesidades asistenciais”. 

 

As listaxes de contratación, paradas

En máis dunha ocasión os representantes dos profesionais da sanidade denunciaron que o SERGAS practicamente non estaba movendo as listas de contratación e de substitucións, e que cando se tiña que cubrir algunha baixa (por exemplo por vacacións) se recurría a dobrar as quendas de traballo do persoal. "Traballadores que no 2012 traballaban regularmente case todo o ano, neste ano aínda non o fixeron, e a dia de hoxe nin sequera lles ofertaron o bloque de vacacións", sinalaba o verán pasado María Xosé Abuín, e semella que a situación se vai repetir este ano. 

CIG-Saúde denuncia que os médicos, enfermeiros e celadores que enchen as listas de contratación "non van ter nin un só contrato neste ano”

CIG-Saúde denuncia que os médicos, enfermeiros e celadores que enchen as listas de contratación "non van ter nin un só contrato neste ano”. O número non é pequeno e supera as seis mil persoas nas listaxes de persoal de enfermaría, e achégase aos cinco mil traballadores e traballadoras na de celadores e celadoras. De igual, xeito, os datos oficiais, con data de decembro de 2013, do Plan de Ordenación de Recursos Humanos do SERGAS, apuntan a que hai ao redor de 600 médicos desempregados na lista de contratación, á espera de ser chamados para facer as substitucións necesarias de especialistas. Persoal máis que suficiente para non ter que recorrer ao peche de camas ante as vacacións dos traballadores e traballadoras dos hospitais galegos.

Ao dato oficial de 38.106 persoas en lista de espera, as organizacións sindicais da sanidade engaden as cifras de persoas nas listas de espera non estrutural, que elevarían a cifra de doentes agardando por seren atendidos a 60 mil

Os profesionais sanitarios, que levan semanas realizando accións de protesta a través de deitadas, lembraron así mesmo en varias ocasións que o verán podería ser un bo momento para solucionar "o problema gravísimo das listaxes de espera", que "require unha actuación en profundidade", segundo CC.OO. Ao dato oficial de 38.106 persoas en lista de espera, as organizacións sindicais da sanidade engaden as cifras de persoas nas listas de espera non estrutural, que elevarían a cifra de doentes agardando por seren atendidos a 60 mil. Centos destas persoas "levan máis de 5 anos esperando unha intervención cirúrxica", subliñan. CC.OO. propuxo que se aproveitase a época estival para tentar reducir estas cifras, "xa que a menor incidencia de doenzas respiratorias posibilita que servizos como as urxencias se vexan menos colapsados". "Deberían estar dispoñibles todas as camas, amais de abrir tanto pola mañá como pola tarde quirófanos e outras unidades (radioloxía, laboratorios ou consultas). E cumpriría contratar persoal para as quendas de tarde e tamén cubrir a totalidade das xubilacións", engadiron.

A Deputación de Lugo pídelle á Xunta que "incremente a contratación de persoal para suplir os profesionais sanitarios na época estival"

De igual xeito, o equipo de Goberno da Deputación de Lugo pronunciouse en contra do peche de camas anunciado pola Xunta, sinalando que o PP "volve a menosprezar a intelixencia dos cidadáns galegos, afirmando que o peche de camas e quirófanos non supón unha menor calidade asistencial". A moción proposta, que se debaterá no pleno do ente provincial, denuncia que "o peche desmesurado de camas esconde, baixo unha decisión aparentemente administrativa, unha volta de rosca máis do Partido Popular cara á desmantelamento da Sanidade Galega de carácter público". E, finalmente, insta o Goberno galego "volva a avaliar a necesidade de unidades, camas e persoal tendo en conta criterios asociados á época estival como é o aumento da poboación" e que "incremente a contratación de persoal para suplir os profesionais sanitarios na época estival".

'Deitada' realizada no Hospital da Costa, na Mariña © CIG-Saúde
'Deitada' de protesta no Meixoeiro de Vigo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.