A Liga Estudantil debate as 'alternativas á crise' no Campus Norte da USC

© Liga Estudantil Galega

Economía, comunicación, lingua e cultura son os catro eixos ao redor dos cales xirarán este ano a cuarta edición das Xornadas do Campus Norte, organizadas pola Liga Estudantil Galega e que baixo o título Alternativas á crise: democracia e consciencia? terán lugar nas Facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias da Comunicación entre o 24 e o 26 de abril. Para a Liga, a organización de xornadas de debate e divulgación, supón "un primeiro chanzo na recuperación dos espazos de reflexión na Universidade, actualmente minorizados e abandonados pola institución".

Para a Liga, a organización de xornadas de debate e divulgación, supón "un primeiro chanzo na recuperación dos espazos de reflexión na Universidade, actualmente minorizados e abandonados pola institución"

As actividades do martes 24 terán lugar na Facultade de Filoloxía e estarán centradas na literatura e o teatro, coa participación de María do Cebreiro (profesora da USC), Damián Villalaín (profesor da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo) e do escritor Luís Paradelo. Así mesmo, en Xornalismo Fermín Bouza ofreerá unha palestra sobre A industria da conciencia, medios de comunicación e democracia.

O mércores os debates centraranse na economía, que comezará cun debate sobre a desaparición das caixas galegas

O mércores os debates centraranse na economía, que comezará cun debate sobre a desaparición das caixas galegas, no que intervirán Raúl Asegurado (Fiare) e un representante do BNG. A seguir, Xaquín Fernández Leiceaga falará sobre As transformacións da economía galega. Finalmente, María do Carmo García Negro e Fernando del Río debaterán sobre as nacionalizacións e o caso YPF.

O xoves será a quenda da comunicación e o audiovisual

O xoves será a quenda da comunicación e o audiovisual, comezando cunha mesa redonda sobre Xornalismo en positivo: alternativas á crise da profesión, no se que afondará na viabilidade do xornalismo individual (freelance) e dos proxectos independentes como vías de supervivencia e/ou contribución á refundación do modelo xornalístico actual. A seguir, debaterase sobre os medios públicos, coa participación de representantes do Comité de Empresa da CRTVG e da Plataforma de apoio aos medios públicos.

Pola tarde falarase de teatro e de audiovisual, cun debate sobre Teatro de resistencia fronte ao desleixo institucional no que intervirán Evaristo Calvo e Patricia de Lorenzo. E, xa na Casa das Crechas, outra mesa redonda sobre Matalobos: un modelo de éxito en tempos de crise, coa participación de Ricardo de Barreiro, Camila Bossa e Mónica Caamaño.

© Liga Estudantil Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.