0 Gardados para despois

A Plataforma contra as Fumigacións presenta unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A Plataforma contra as Fumigacións traballa por todas as vías para deter o proxecto de Xunta e Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL) de rociar dende o aire as plantacións de eucalipto cun pesticida, o fluxfenuron, prohibido pola UE e que non se poderá usar a partir do 1 de agosto, por ser nocivo para a saúde e especialmente prexudicial para as abellas. Este martes a Plataforma presentou en Compostela, unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente, unha vía xudicial que se une a un intenso traballo de difusión e presión.

A Plataforma está constituída por unha vintena de entidades, entre elas SLG, ADEGA, Verdegaia, Véspera de Nada, a Asociación Galega de Apicultura

A Plataforma está constituída por unha vintena de entidades, entre elas SLG, ADEGA, Verdegaia, Federación Rural Galega-FRUGA, Véspera de Nada, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) ou algunhas asembleas 15M, así como cooperativas agrarias e de apicultura. Estes colectivos están centrando o seu traballo naqueles concellos e comunidades de montes que recibiron a oferta de Xunta e ASPAPEL de fumigar gratuitamente os seus terreos para protexer as súas árbores da praga do gorgullo. Así sucedeu, por exemplo, en Melide, Foz, Ponteareas e Porto do Son, onde se publicaron bandos pedindo que os propietarios desen a súa autorización, así como xuntanzas informativas convocadas pola Asociación Forestal de Galicia.

En Porto do Son todos os membros da mancomunidade negáronse a asinar a autorización, segundo fontes da Plataforma.

Neses lugares a plataforma iniciou un traballo de difusión e organizou actos de reivindicación, para pedirlles a todos os propietarios que non asinen a autorización sen antes informarse dos perigos. Como consecuencia, en Porto do Son todos os membros da mancomunidade negáronse a asinar a autorización, segundo fontes da Plataforma. 

Na petición aberta en Actuable para evitar estas fumigacións polo de agora asinaron 4582 persoas.

 

Fumigacións contra o reloxo

As entidades que conforman a plataforma consideran que Xunta e Aspapel teñen présa por realizar as fumigacións porque o fluxfenuron, excluído da lista de produtos fitosanitarios autorizados pola Comisión Europea, atópase aínda nunha moratoria, pero a partir o 1 de agosto o seu uso será ilegal. Jesús Asorey, presidente da AGA, salienta que "o propio fabricante do produto na súa ficha técnica pon que é tóxico para as larvas de abellas. E a Comisión Europea prohibiuno en setembro por consideralo perigoso, moi tóxico, persistente, e perigoso mesmo para as persoas, pois pode incorporarse á cadea alimentaria”.

Para a Plataforma o método elixido é un “despropósito”, segundo Asorey, "pois a fumigación dende o aire provocará que o produto se espalle

Ademais, o método elixido é un “despropósito”, segundo Asorey, "pois a fumigación dende o aire provocará que o produto se espalle". Estudos como Uso de agroquímicos nas fumigacións periurbanas e o seu efecto nocivo sobre a saúde humana, de Jorge Kaczewer, afirman que até o 60% dos agrotóxicos dispersados por medios aéreos adoitan caer fóra do seu obxectivo e a expandirse a quilómetros de distancia del. Polo tanto, contaminarán o solo, os acuíferos e as fincas veciñas.

O momento escollido para as fumigacións é ademais o de meirande sensibilidade para as abellas, e como sinalou Marga Míguens (ADEGA) en Radio Cerna: “agora mesmo estanse reproducindo, están aumentando as súas colmeas, para despois dividirse. Se agora se fumiga, provocaríase unha mortandade masiva”. Así mesmo, a fumigación afecta a outras especies, indirectamente, pero de maneira moi grave, pois ao matar as abellas, tamén se interrompe o proceso de polinización.

A Plataforma considera que a causa da praga de gorgullo está, precisamente, no monocultivo de especies coma o eucalipto, polo que aposta por outros modelos de monte, máis multifuncionais

En Galicia poden estar afectados pola praga ao redor de 100.000 hectáreas de eucaliptais (a cuarta parte do total), en diferentes grados de afección, e para o que se precisaría coma mínimo un uso para a fumigación aérea dunha dilución duns 50.000 litros de Flufenoxurón e auga. A consellaría presenta este programa de fumigación como un plan integral de loita contra a praga, baseado na silvicultura preventiva, loita biolóxica e a loita química. Asorey indica que a loita biolóxica consistiría na sementeira nos montes galegos de dez mil bolsas de avéspora africana, que combate o gorgullo; porén, isto é incompatible coa loita química: “unha contradición total”, segundo Asorey.

A Plataforma considera que a causa da praga de gorgullo está, precisamente, no monocultivo de especies coma o eucalipto, polo que aposta por outros modelos de monte, máis multifuncionais, que tamén poden xerar grandes ingresos económicos, e non este tipo de explotación tan agresiva para o noso país.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.