Un SOS polos dereitos dos inmigrantes

Presentación do texto final da campaña do Foro de Inmigración © FdI

O Foro Galego de Inmigración presentou este mércores o documento final da campaña SOS Dereitos das Persoas Migrantes en Grave Perigo. Foi diante da Subdelegación do Goberno da Coruña onde se fixo público o texto definitivo que foi remitido ao presidente do Goberno do Estado para que "o estude e considere de cara a mellorar as políticas dirixidas cara a este colectivo desde as diferentes administracións públicas".

Este documento final é resultado dunha campaña desenvolvida desde o pasado 29 de marzo e ata o 7 de xuño e queu conta co apoio de numerosos grupos, asociacións e colectivos como Fronte Cívico, SOS Sanidade Pública, Ve-la Luz, 15M, Stop Desafiuzamntos, o Concello de Oleiros, EU, BNG, SOS Racismo, Equo, AGE ou o PSdeG de Ferrol, entre outros.

A campaña pide un cambio de rumbo nas políticas cara aos migrantes e "concienciar o conxunto da sociedade galega" sobre as dificultades que sofre este colectivo

Foi a campaña unha maneira de "concienciar o conxunto da sociedade galega" do forte impacto que as políticas das administracións están a producir nos dereitos dos migrantes e "as intolerables situacións que padecen". Os "aberrantes e vergoñantes" acontecementos que levan meses ocorrendo nas fronteiras españolas de Ceuta e Melilla foi o que levou o Foro de Inmigración a denunciar esta e outras situacións.

Así, denuncia o "intolerable anuncio" do Goberno Central de realizar cambios lexislativos que regularicen ese tipo de prácticas (nomeadamente a expulsión inmediata sin garantías legais dos detidos xa no interior do territorio español) e actuacións, que "van en contra dos máis elementais principios democráticos e dos dereitos humanos”. Ademais, o Foro de Inmigración lembrou tamén a exclusión sanitaria que sofren os inmigrantes en situación irregular, a intensificación das redadas racistas e "persecución sistemática" deles, así como a "persecución específica do colectivo de vendedores ambulantes en Galicia".

Os acontecementos en Ceuta e Melilla foron o impulso que levou o Foro a facer a campaña

Na campaña, denunciouse tamén o aumento das situacións de explotación laboral do colectivo no país, especialmente nos ámbitos do emprego doméstico das explotacións agrogandeiras e do sector pesqueiro, os fortísimos recortes dos orzamentos públicos dedicados aos inmigrantes, así como "a existencia no Estado español dos CIEs e a continua violación de dereitos que se producen dentro deles".

Por iso, o documento propón que se derrogue o decreto que exclúe da Sanidade aos inmigrantes e que se implante unha renda básica das iguais que "supere as limitacións das rendas de inserción que xestionan as diferentes autonomías". Ao tempo, piden que se errogue tamén a lei de reforma local para que así se poida "garantir o mantemento duns servizos mínimos de benestar social para toda a cidadanía e sen discriminación ningunha".

O Foro tamén reclama a derrogación da actual Lei de Estranxeiría e do seu regulamento de aplicación e, xa que logo, que remate "a persecución cara ao colectivo migrante e as redadas racistas por cometer simples faltas administrativas", así como o peche dos CIEs, o cesamento dos voos de deportación masivos e que se acabe co incumprimento "dos máis elementais dereitos humanos" en Ceuta e Melilla.

O Foro destaca que a reforma laboral provocou un "importante deterioro" dos dereitos laborais dos inmigrantes

Tamén aposta por acabar coa persecución cara ás persoas que desenvolven a venda ambulante e que se implementen programas de integración sociolaborais "que permitan outras alternativas máis dignas para estas persoas". Ao tempo, advirten do deterioro "importante" dos dereitos laborais dos migrantes como consecuencia das sucesivas reformas laborais dos últimos anos. Por iso, o Foro reclama que se varíe a lexislación laboral e se desenvolvan inspeccións de traballo como medio efectivo "para a loita contra a explotación laboral".

Presentación do texto final da campaña do Foro de Inmigración © FdI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.