Atopan cascudas na cociña do Hospital Xeral de Vigo

Zona da cociña na que apareceron os animais CC-BY-NC-SA CIG

Os recortes xa "afectan á saúde dos pacientes". É a conclusión que tiran os representantes sindicais do persoal das empresas que xestionan a limpeza, a cociña e o mantemento dos centros do Servizo Galego de Saúde en Vigo. Os traballadores e traballadoras levan meses chamando a atención sobre unha situación que vén de tornar en alarma por unha mostra tan evidente como preocupante das "anomalías" hixiénicas que, din, está a padecer o complexo hospitalario: a aparición de cascudas en zonas do edificio dedicadas á alimentación dos doentes.

Os recortes "que se están a aplicar nas concesións administrativas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo" son, en verbas da secretaria comarcal da CIG Servizos, Transi Fernández, a orixe do problema, toda vez que "impiden que o persoal poida desenvolver o seu labor coa rapidez necesaria para manter as condicións hixiénicas dos centros". As concesións sufriron nos últimos tempos "unha rebaixa de entre un 10 e un 20%", coa conseguinte merma do servizo e unha afección evidente para "as condicións sanitarias, tal e como proba a recente aparición de cascudas no Hospital Xeral, primeiro na bandexa dun paciente e despois, na propia cociña".

Os animais apareceron "primeiro na bandexa dun paciente e despois, na propia cociña", segundo os sindicatos

Ante este episodio, explica Fernández, o persoal optou por solicitar unha entrevista con xerente da área de xestión integrada do CHUVI, Mario González, "para trasladarlle a preocupación dos empregados e empregadas ante esta situación". Desa solicitude pasou xa un mes, aseguran, "pero até o de agora non respondeu". O silencio do xerente impulsounos a formular a denuncia de maneira pública e tamén a formular a mesma demanta á conselleira de Sanidade, "responsábel última da situación". Tanto a CIG como CCOO e UGT advirten de que, "no caso de que non nos reciba, convocaremos mobilizacións de xeito inmediato".

O episodio das cascudas chega nun momento de "preocupación polo futuro dos traballadores e traballadoras" destas empresas "unha vez que a empresa Acciona asuma a xestión do novo hospital". "Ninguén do Sergas di nada sobre isto pero en principio sabemos que van subrogar a limpeza do Xeral-Cíes", pero "non se sabe que vai pasar co persoal da cociña e mantementnto do Meixoeiro". No Meixoeiro, precisamente, está outra das fonte de conflito laboral: alí a empresa concesionaria da cafetaría, Oh Vigo, "mantén débedas cos traballadores e co propio Sergas", que "lle está a pagar os recibos de luz e auga" malia a unha sentenza que "recoñece que lle adebeda máis de 80.000 euros". "O cadro de persoal -lamentan- vén de cobrar o 33% do salario que tiña que estar ingresado a comezos de mes" e ten sen percibir as pagas extras dos últimos tres anos.

Cascudas atopadas na cociña hospitalaria CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.