Lugo manifestarase este xoves contra o baleirado de contido da ILP do HULA

Mobilización no HULA para reclamar a radioterapia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo

O pasado 25 de marzo o Parlamento aprobou por unanimidade unha Iniciativa Lexislativa Popular que, apoiada por todos os sectores políticos e sociais da sociedade lucense (máis de 200 entidades) e por milleiros de sinaturas (máis de 41 mil), demandaba que se dotase o Hospital Lucus Augusti (HULA) de servizos de hemodinámica a tempo completo, de radioterapia e de medicina nuclear. Nin máis nin menos que o que o presidente Feijoo prometera na inauguración do hospital, en 2011.

Porén, os meses van pasando, e o cumprimento desta promesa semella afastarse no canto de achegarse. A Plataforma SOS Sanidade Pública denuncia que na tramitación parlamentaria da ILP o Partido Popular foi introducindo emendas "que modifican a iniciativa nos seus contidos e prazos" dunha maneira "inaceptable". No novo texto o PP nin seguera fala abertamente de instalar estas unidades no HULA, senón da necesidade de "agrupar un volume de casos suficiente" para "determinadas actividades clínicas" co obxectivo de "desenvolver a súa actividade nunhas condicións óptimas".

Mentres que a ILP fixaba que a hemodinámica tería que estar instalada en Lugo en seis meses e a radioterapia e a medicina nuclear nun ano, as emendas danlle 18 meses á Xunta, isto é, ata 2016, para cumprir os novos e difusos compromisos

Tamén se amplían notablemente os prazos previstos para a aplicación destas medidas: mentres que a ILP fixaba que a hemodinámica tería que estar instalada en Lugo en seis meses e a radioterapia e a medicina nuclear nun ano, as emendas danlle 18 meses á Xunta, isto é, ata 2016, para cumprir os novos e difusos compromisos. Tamén se substitúe no texto a demanda de "compromisos concretos" pola referencia a un programa para atender infartos instaurado polo Sergas no ano 2005, que tiña "como principal reto" paliar o espallamento da poboación e "realizar os traslados dende calquera punto" a un hospital coa unidade axeitada "en menos de 120 minutos".

Na súa redacción inicial, a proposta obrigaba a Xunta a dotar de "servizo de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear" a "todas as provincias galegas" en "igualdade de condicións". Segundo a emenda do PP o Goberno galego só deberá dispoñer que "todas as provincias galegas dispoñan de procedementos", que non de servizos, nestas especialidades, eliminando ademais a referencia ás "24 horas".

Para a plataforma, "este cambio de actitude supón un engano as súas organizacións sociais e institucionais que apoiaron maioritariamente unha petición cargada de lóxica, apoiada pola necesidade de asistencia e de equipar a Lugo ao resto de áreas sanitarias de Galicia". Por ese motivo, chama a participar nunha manifestación convocada este xoves 26 de xuño, na que se lle demandará ao partido gobernante que cumpra cos compromisos contidos na ILP: "A posta en marcha no menor tempo posible dos recursos para facer efectivos os acordos de dotación de servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, no HULA". A marcha partirá ás 20.30 horas da Praza da Horta do Seminario e rematará no edificio administrativo, na Ronda da Muralla.

Para a plataforma, "este cambio de actitude supón un engano as súas organizacións sociais e institucionais que apoiaron maioritariamente unha petición cargada de lóxica"

Esta medidas de denuncia e de protesta xa foran anticipadas polos promotores da iniciativa, que advertiran na propia sesión parlamentaria na que se debateu e votou a ILP que "estaremos vixiantes de que isto que se aproba aquí se cumpra sen enganos nin demoras", en palabras de Vicente Quiroga, ex alcalde de Lugo. A marcha tamén pedirá a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, "por burlar e enganar a toda a poboación de Lugo e a gran parte das súas institucións, coa única finalidade de recortar gastos público e de desmantelar a sanidade pública".

 

Peche anticipado de camas

CIG-Saúde denuncia que algunhas das unidades hospitalarias na área sanitaria de Lugo que estaba previsto que pechasen a partir do 1 de xullo "están pechando anticipadamente", algunha coma a 3C2, unha semana antes do anunciado. Para o sindicato "todo isto é produto do plan desenvolvido desde a Dirección para que non haxa doentes que ingresen na Medicina Interna". De feito, sinalan, "hai 15 días que o nivel de ingresos descendeu, de modo que das 102 camas de Interna neste momento somentes hai ocupadas 65".

Mobilización no HULA para reclamar a radioterapia CC-BY-NC-SA PSdeG Lugo
Feijóo na inauguración do HULA, na que prometeu a hemodinámica © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.