Denuncian novas deficiencias nos servizos de extinción: Brigadas helitransportadas sen helicópteros

Brigadistas de Medio Rural, ante un helicóptero © Inaer

En decembro de 2012 o Goberno galego decidiu a privatización até 2015 "do servizo integrado de helicópteros e brigadas helitransportadas con destino á prevención e defensa contra incendios forestais". A medida incluía polo tanto a externalización do mantemento e posta á disposición das aeronaves e tamén dos equipos de brigadistas que viaxarían nelas. A privatización, cun custe para as arcas públicas de máis de 12 millóns de euros en dous anos, deu lugar de inmediato a denuncias sindicais, que mesmo chegaron até a Fiscalía, e que sinalaban que con esta decisión a Xunta buscaba "beneficiar certas empresas". Inaer e Natutecnia fixéronse coas adxudicacións, nun proceso sen concurso público.

A sección sindical da CIG no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPDCIF) vén de denunciar que, coa campaña de incendios forestais a piques de comezar, as brigadas helitransportadas xestionadas directamente pola Xunta (O Campiño, Marroxo e Vilamaior) están sen helicóptero dende o pasado 15 de maio, unha situación da que culpan a esta privatización. Engaden que nas bases xestionadas por Natutecnia non hai ningunha persoa da Xunta de Galicia que supervise as horas de tempo efectivo de voo dos helicópteros e "é a propia concesionaria xuez e parte do tempo que factura á administración".

Dende o sindicato lembran que a denuncia presentada contra as empresas beneficiadas por esta concesión por un presunto delito de prevaricación segue o seu curso, pero que mentres tanto o servizo de defensa contra o lume e extinción se atopa gravemente debilitado. "Eles teñen a maioría absoluta e eles deciden. Realizan estes gastos tremendos, pero a xustiza vai á velocidade que vai", din. 

Denuncian que estas brigadas, decote conformadas "con obxectivos electoralistas" e con persoal "que carece de experiencia", son ineficaces na loita contra o lume e, moitas veces, "incrementan a perigosidade para todo persoal de extinción"

Os sindicatos alertaron en varias ocasións de que a privatización deste servizo supoñía "que os traballadores contratados non o serán polas listas públicas que xa existen para a contratación de traballadores e, polo tanto, os requisitos que se lles esixan non se fundamentarán nos principios de igualdade, mérito e capacidade”, engadindo que en moitos casos as empresas adxudicatarias exclúen á mantenta persoal “con experiencia e formación”. De feito, dende a CIG sinalan que se chegaron a dar casos de traballadores con moita experiencia que a ocultaron nos seus currículos para ter máis opcións de conseguir o emprego.

Non é a única anomalía que denuncian. Ao igual que noutras ocasións, os traballadores do servizo sinalan que non se están a cubrir todas as prazas previstas. Así mesmo, alertan das graves consecuencian que a fragmentación do servizo. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2014) prevé undispositivo formado por 5.767 persoas, do que máis do 40%, van proceder de brigadas muncipais. Os traballadores do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais denuncian que estas brigadas, decote conformadas "con obxectivos electoralistas" e con persoal "que carece de experiencia", son ineficaces na loita contra o lume e, moitas veces, "incrementan a perigosidade para todo persoal de extinción". "No noso traballo corremos un risco moi grande, metémonos en sitios moi perigosos, e xente sen experiencia non sabe onde se mete. Houbo casos de brigadas municipais ou de brigadas contratadas por Tragsa, que se negan a apagar os lumes, alegando que non foron contratadas para iso", engaden dende a CIG.

A CIG denuncia "esta situación de desmantelamento dun servizo público fundamental" e reclama "que estes traballadores conten cos medios adecuados para a defensa dos nosos montes sen que nos saia máis caro ás galegas e galegos"

Neste senso, tamén denuncian o estado dos vehículos e material de apoio con que conta o SPDCIF: "camións antigos e obsoletos, que caen a cachos debido ao número de anos, quilómetros e horas de traballo que teñen enriba", pero sinalan que "en cambio mercan novos camións autobombas para os Concellos". Ademais, volven advertir de que a Xunta "tampea" as cifras dos efectivos, "incluíndo o persoal contratado con métodos electoralistas, ou dando datos do número de brigadas do SPDCIF que van ao lume, pero non dicindo que os integrantes das mesmas deberían ser cinco, e en cambio teñen de media dous ou tres integrantes". Tamén sinalan que se están a pechar as torres de vixilancia fixa "despois de gastar miles de euros dos cidadáns galegos en arranxalas, alegando que non son efectivas", pero que ao mesmo tempo "acoden aos voluntarios e as asociación de radioaficionados para que ocupen os postos destes traballadores".

A CIG denuncia "esta situación de desmantelamento dun servizo público fundamental" e reclama "que estes traballadores conten cos medios adecuados para a defensa dos nosos montes sen que nos saia máis caro ás galegas e galegos".

Brigadistas de Medio Rural, ante un helicóptero © Inaer
Un incendio, visto dende un helicóptero de brigadistas © @Briflaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.