0 Gardados para despois

"Esta lei é unha ferramenta para a privatización de todo o monte do país"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O proxecto de Lei de Montes de Galicia iniciou este martes o seu trámite parlamentario cunha crítica unánime dos dous principais partidos da oposición, e tamén de colectivos sociais, ambientalistas, labregos e das comunidades de montes. "É unha ferramenta de cara á privatización de todo o monte do país”, afirma con rotundidade Charo Sánchez, secretaria de medio ambiente del Sindicato Labrego Galego, que conclúe: “Esta administración quere un monte produtivista ao servizo do capital e lexisla a favor desta visión".

Charo Sánchez, secretaria de medio ambiente del Sindicato Labrego Galego, que conclúe: “Esta administración quere un monte produtivista ao servizo do capital e lexisla a favor desta visión"

Sánchez conclúe: "A lei bota por terra todo o traballo feito até agora para que o monte seguise estando ao servizo do país e da veciñanza que vivimos nel. Imos perder toda capacidade de xestión e de decisión. A administración ten moitas ganas de botar para atrás as comunidades de montes". Para o SLG o máis grave desta lei é que “permite o cambio de uso do solo para que haxa unha meirande forestación da terra agraria, cando xa Galicia ten unha proporción de terra agraria por debaixo das demais comunidades autónomas do Estado, menos do 25%”.

 

Fomento dos cultivos enerxéticos

Ao Sindicato Labrego preocúpalle especialmente o artigo 76 da lei, que fala dos contratos de xestión pública e que provoca que a administración poida ceder espazos a empresas de cultivo de agromasa, principalmente de produción enerxética e pasta de papel. En opinión de Sánchez, “este artigo fai que a maioría de comunidades de montes, que non poderán saldar as débedas que teñen coa administración, se verán obrigadas a entrar nun contrato de xestión pública, que porán o monte e a veciñanza ao servizo dunha empresa privada”.

A Federación Ecoloxista Galega denunciou a Xunta está a preparar "ás caladas" unha orde que permitirá a plantación de até 100 hectácras continuasde especies alóctonas, por exemplo eucaliptos, para queimar nas plantas de biomasa

A este respecto, a Federación Ecoloxista Galega denunciou a Xunta está a preparar "ás caladas" unha orde que permitirá a plantación de até 100 hectácras continuasde especies alóctonas, por exemplo eucaliptos, para queimar nas plantas de biomasa. A FEG denuncia que "nos últimos meses, a Xunta está a acelerar a máquina lexislativa coa modificación, estratexicamente estudada, de multitude de leis relacionadas cos montes, ao que hai que engadir esta orde para regular os cultivos enerxéticos".

Segundo indica a FEG, os cultivos enerxéticos precisan de grandes cantidades de abonos, auga e pesticidas, contando tamén con densidades moi elevadas. Esta clase de cultivos resulta moi agresiva co medio debido aos ciclos de corta reducidos de 3 ou 4 anos, degradando o solo e eliminando a súa fertilidade. "Por outra banda -conclúe- os cultivos enerxéticos constitúen un paso máis na perda de biodiversidade dos montes e na desaparición das masas forestais autóctonas".

 

 

Para o PSdeG-PSOE, “o problema é un rural abandonado, envellecido e despoboado”, fronte a un goberno que “chega tres anos tarde, tres anos de desleixo para co monte e para co medio rural de Galicia”

Posicións enfrontadas no Parlamento

Os socialistas presentaron unha emenda de devolución a este texto que supón o “machadazo final ás políticas de desenvolvemento rural”, “desvaloriza o monte” e “non promove o aproveitamento multifuncional e sustentable do monte galego”. Para o PSdeG-PSOE, “o problema é un rural abandonado, envellecido e despoboado”, fronte a un goberno que “chega tres anos tarde, tres anos de desleixo para co monte e para co medio rural de Galicia”. Advertiu que esta norma “non atende á realidade do monte en Galicia, non potencia o monte como patrimonio esencial e estratéxico para o desenvolvemento sostible e non serve para apostar por un rural vivo e dinámico”.

Tareixa Paz pediu unha nova tramitación da lei a través dun texto alternativo apoiado polo sector e considerou que a nova consolida medidas que xa provocaron a perda de 6.600 postos de traballo

Mentres, Tareixa Paz pediu unha nova tramitación da lei a través dun texto alternativo apoiado polo sector e considerou que a nova consolida medidas que xa provocaron a perda de 6.600 postos de traballo e a diminución  da facturación, en 700 millóns de euros no 2010, no conxunto do sector forestal, polo que reiterou a súa revisión.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, salientou que a norma ten "espírito de apertura" e o obxectivo de "dinamizar" o monte galego e de "aproveitar os seus recursos" mediante sociedades de fomento forestal, para loitar contra o abandono e reinvestir os benficios. Quintana asegura que o proxecto é froito dun longo debate coas 20 organizacións presentes no Consello Forestal de Galicia, das que se tomaron en consideración un bo número de modificacións á norma.

Verdegaia denuncia que na elaboración do borrador da lei "non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos nin do público en xeral

Porén, dende Verdegaia rexeitan con rotundidade esta afirmación e din que na elaboración do borrador da lei "non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos nin do público en xeral, aspecto fundamental na política forestal e medioambiental da Unión Europea e en teoría da propia Xunta de Galicia". Estas irregularidades foron denunciadas mediante unha queixa presentada ante o Valedor do Pobo, presentada por varios colectivos e entre eles Verdegaia, Amigos da Terra e Galiza non se vende.

Charo Sánchez (SLG): “Esta administración quere un monte produtivista ao servizo do capital e lexisla a favor desta visión"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A lei reduce a prevención dos lumes

A nova Lei de Montes modifica varios aspectos da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e por exemplo rebaixa (a conselleira empregou o termo de "racionalizar") de 100 a 50 metros a franxa en torno a edificacións na que a vexetación debe estar "controlada" e de 50 a 30 un segundo perímetro no que no pode haber especies pirófitas, que favorecen o lume.

Para Tareixa Paz, do BNG, a norma "fulmina non só a lei, senón a política de prevención de incendios forestais"

Para Tareixa Paz, do BNG, a norma "fulmina non só a lei, senón a política de prevención de incendios forestais". Segundo Paz, a lei implanta o monocultivo de especies de rápido crecemento, polo que non permite "ningún tipo de discontinuidade" nos montes, algo que por exemplo foi clave no incendio das Fragas do Eume, onde a discontinuidad actuou como "cortalumes natural", segundo a parlamentaria. De igual xeito, a socialista Sonia Verdes cualificou a norma de "lei incendiaria" e "para queimar Galicia", pois "achega o lume ás casas".

De igual xeito, a socialista Sonia Verdes cualificou a norma de "lei incendiaria" e "para queimar Galicia", pois "achega o lume ás casas"

En opinión de Verdes, este texto “recorta as franxas de protección para a xestión do mato en torno aos núcleos de 100 a 50 metros sen ningún criterio técnico” mentres “carga aos concellos coa competencia para a protección dos núcleos rurais”. A responsable socialista acusou á Xunta de aproveitar esta nova norma para “derrogar a Lei de Incendios” en lugar de elaborar un texto novo”.