O Parlamento debaterá este martes a presenza de menores de 16 anos nas touradas

Manifestación de 'Galicia, mellor sen touradas' na Coruña © GMST

O Parlamento galego debaterá o vindeiro martes unha proposición non de lei do BNG que insta á Xunta "a tomar as medidas lexislativas necesarias para restrinxir a entrada de persoas menores de 16 anos a festexos taurinos". A proposta, que será defendida por Ana Pontón e está apoiada por Galicia, Mellor sen Touradas, baséase nos prexuízos que para nenos, nenas e adolescentes pode ter a visión e a asistencia a este tipo de espectáculos violentos, baseados na tortura e morte dun animal nun espazo público.

En 2011 a cámara xa aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que pedía a prohibición de acceso ás persoas menores de 12 anos a espectáculos taurinos

En 2011 a cámara xa aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do BNG que instaba á Xunta a introducir na futura Lei de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos, a prohibición de acceso ás persoas menores de 12 anos a espectáculos taurinos celebrados en recintos pechados. O anteproxecto de lei, con todo, está pendente da súa aprobación no Parlamento.

O pasado mes de febreiro o Comité dos Dereitos dos Nenos da ONU realizoulle unha serie de recomendacións a Portugal para que adaptase as súas lexislacións sobre tauromaquia para que cumprisen coa Convención dos Dereito do Neno. O Comité, que en breve publicará unha análise semellante con respecto a España (con recomendacións que irán na mesma liña) esixiulle a Portugal que aumentase a idade mínima de 12 anos para ingresar nas escolas de tauromaquia e para participar nas corridas, e tamén lle demandou que incrementase a idade mínima de 6 anos para asistir como espectadores. En España non existe un regulamento estatal que fixe a idade mínima para os asistentes aos espectáculos taurinos: decídeo cada comunidade autónoma, e na maior parte dos casos tampouco está regulado, agás as excepcións de Catalunya, Canarias (onde as touradas non están permitidas), Euskadi ou Baleares. 

A proposición non de lei presentada polo BNG lembra que os expertos alertan "da cruenta permisividade de que as persoas menores de idade poidan acceder a prazas de touros a contemplar esta clase de eventos"

A proposición non de lei presentada polo BNG lembra que os expertos alertan "da cruenta permisividade de que as persoas menores de idade poidan acceder a prazas de touros a contemplar esta clase de eventos" e de que "o impacto da visualización de imaxes de violencia causa nas persoas menores de idade profundas pegadas psicolóxicas. Ao impacto emocional temos que engadir a falta das ferramentas mentais e psicolóxicas axeitadas, propias da madurez, coas que procesar e comprender a crueza desta actividade".

O texto sinala que "nas touradas as nenas e nenos non só serán testemuñas presenciais da violencia aplicada contra un animal, senón que tamén poden presenciar en non poucas ocasións a morte violenta de persoas, ou impactantes imaxes de cornadas" e que "o que están a ver diferénciase en grande medida da violencia de contidos audiovisuais ou dos videoxogos, xa que no caso dos eventos tauromáquicos a escena contemplada é de violencia real, ademais de explícita". O BNG destaca que "os dereitos das persoas menores de idade prevalecen sobre os dereitos dos demais e como principio universal o seu interese superior rexe toda acción dos poderes públicos e da sociedade de maneira que tanto as autoridades públicas como os particulares deben proceder conforme a dito principio". Varios países, coma Perú, Ecuador ou Venezuela xa incorporaron restricións coma a que propón o BNG.

Galicia, Mellor Sen Touradas cualificou de "barbaridade" a oferta de descontos que os promotores taurinos pretenden implantar na feira taurina de Pontevedra, co obxectivo de venderlles abonos aos menores de 16 anos

Galicia, Mellor Sen Touradas cualificou de "barbaridade" a oferta de descontos que os promotores taurinos pretenden implantar na feira taurina de Pontevedra, co obxectivo de venderlles abonos aos menores de 16 anos. O empresario Eduardo Lozano sinalou que buscan "propiciar o relevo xeracional e atraer un público máis novo" á feira taurina da Peregrina. "É unha batalla que estamos librando os empresarios cara a mocidade. Queremos que a mocidade se incorpore aos touros e en Pontevedra, tan tradicional en peñas taurinas, queremos que a afección veña dende a época máis nova", engadiu.

Para a plataforma, este movemento dos lobbies taurinos é "consecuencia directa da falta de apoio cidadán das corridas de touros en Galicia". Os abolicionistas lamentan que "a casta taurina aposte por adoutrinar menores de idade nun acto de crueldade e violencia explícita, onde se executa a morte dun animal a partir da tortura programada". Nos últimos anos Galicia, Mellor sen Touradas solicitoulle en varias ocasións ao Valedor do Pobo que investigase a entrada de menores nas prazas de touros, pedíndolle que tomase "parte activa" no estudo sobre a violencia cara aos animais e o seu impacto nos menores de idade. O Valedor pediulle ao Goberno galego unha reforma da normativa de espectáculos públicos que incluíse un límite de idade mínima para poder acceder a corridas de touros e a outros eventos violentos.

Manifestación de 'Galicia, mellor sen touradas' na Coruña © GMST

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.